Alcaldes do BNG exixen que Sogama lles devolva o cobrado de maneira "indebida"

Alcaldes do BNG, en rolda de prensa © BNG

O BNG e os seus alcaldes veñen de exixir que Sogama "devolva" aos concellos o que lles "cobrou indebidamente", logo de que se previse unha suba do 34% do canon que pagan os municipios por unha previsión de perdas que chegaba aos 4 millóns de euros e que non foi tal. Porque o Bloque acusa a entidade pública e o seu presidente, Luís Lamas, de "falsear as contas". As perdas finais foron "un 85% menos" do que se incluíra nos orzamentos da Xunta e quedou en 600.000 euros, motivo polo cal, tal e como lembrou a deputada Ana Ponton, a formación nacionalista pide a dimisión do dirixente.

Os alcaldes lembran que as perdas finais de Sogama foron "un 85% menos" do que se incluíra nos orzamentos da Xunta

Os alcaldes de Monforte, Ribadeo, San Sadurniño e Carballo participaron xunto Pontón nunha rolda de prensa na que pediron que se "actuase con contundencia a través da Fegamp", reclamando o presidente da federación municipal, o rexedor ferrolán José Manuel Rey Varela, que "convoque a comisión de residuos para abordar esta cuestión coa Xunta". Foi Severino Rodríguez, alcalde monfortino, un dos primeiros "insubmisos" a este canon e o que este mércores actuou como voceiro destes municipios. Incluso non descartan accións xudiciais para recuperar un sobrecusto que cifran en 80.000 euros por cada 10.000 habitantes.

A Xunta rexeita reintegrar as contías e Medio Ambiente lémbralles aos alcaldes que ulnirse a Sogama "é voluntario"

Pero malia estas denunciadas anomalías nas contas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa rexeitou reintegrar as contías xa cobradas. Este mércores, a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, insistiu e asegurou que o canon non pode analizarse baseándose nos resultados "dun ano illado", senón fixándose nun plan "a medio-longo prazo" ata 2023 e co obxectivo de "evitar a quebra de Sogama".

Para Vázquez, "a desviación real" con respecto á "prevista", e tendo en conta "a factura de Sogama", é "mínima" e "sempre existiu". A conselleira advertiu aos rexedores nacionalistas que "os servizos hai que pagalos". "Quen non paga un servizo ao que se adhire voluntariamente non están cumprindo a lei pon en perigo o servizo", insistiu, tras lembrar a sentenza que condenou o Concello de Pontevedra a pagar os atrasos.

O PP, pola súa banda, criticou o BNG por pedir unha xuntanza sobre o tema de Sogama que "xa está prevista" e seguiu a defender a suba do canon. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.