ALEAS-EU rexeita o modelo de día do Orgullo celebrado na Coruña e chama a manifestar en Vigo o 29

Rolda de prensa de ALEAS-EU © ALEAS-EU

A Área de Expresión de Liberdade Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) rexeita o modelo de día do Orgullo celebrado na Coruña este venres, "un Orgullo meramente de carácter lúdico e festivo, sen reivindicación política nin ningún tipo de pedagoxía sobre o colectivo LGTBI ou contra a LGTBIfobia". Denuncia que "o único interese do Concello é atraer cada vez a máis xente a esta festa a costa do colectivo LGTBI" e que "a bandeira do Orgullo LGTBI, que se iza na cidade, cada ano afástase máis do centro da cidade, intentando así invisibilizar a histórica e actual loita do colectivo LGTBI" e conclúe que esta festa "non representa os principios básicos da principal mobilización do colectivo LGTBI".

O colectivo reitera "a necesidade dun Orgullo LGTBI combativo que, sen necesidade de renunciar ao seu caracter festivo, debe ser unha xornada de protesta e reivindicación política"

O colectivo reitera "a necesidade dun Orgullo LGTBI combativo que, sen necesidade de renunciar ao seu caracter festivo, debe ser unha xornada de protesta e reivindicación política, onde as asociacións LGTBI e os movementos sociais debían ser os protagonistas, e ademais, debían quedar fóra da organización do mesmo as empresas, impedindo así a súa mercantilización".

ALEAS-EU contrapón o Orgullo vigués que se celebrará os días 28 e 29 de xuño, "onde o tecido asociativo LGTBI protagonista e que estará cheo de actos pedagóxicos e reivindicativos, sen renunciar ao espírito festivo da data". E anuncia a súa participación activa na manifestación do Orgullo LGTBI desta cidade o día 29, "data na que nos mobilizaremos contra a política conservadora dos gobernos do Partido Popular, contra o heteropatriarcado e a LGTBIfobia eclesiástica e polos dereitos e conquistas que aínda temos que conquistar. Por un Orgullo LGTBI reivindicativo, anti heteropatriarcal, feminista, laico, ecolóxico e en galego".

Rolda de prensa de ALEAS-EU © ALEAS-EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.