Alegacións e posible denuncia á Fiscalía contra a ampliación da mina de Corcoesto

Participantes na manifestación contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Máis ameazas e atrancos legais para a mina a ceo aberto de Corcoesto. Salvemos Cabana vén de presentar alegacións ante o novo permiso de exploración concedido a Edgewater, o Julia 2, que engade 630 hectáreas adicionais de investigación á empresa e que busca determinar o potencial aurífero mediante a realización de procesos xeoquímicos, trincheiras e sondaxes. Ademais, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños denuncia que neste mesmo permiso agóchase un plan que pretende que o futuro deste proxecto en Bergantiños se converta no gran centro de "tratamento, escombreira e balsa de lodos" doutras exaltacións no país e mesmo de fóra, algo que na súa opinión "invalida totalmente o estudo de Impacto Ambiental". Así, anuncian que "se os responsables da Xunta de Galicia non paran inmediatamente" esta iniciativa, denunciarán esta situación ás fiscalías de Medio Ambiente e Anticorrupción.

Salvemos Cabana presenta alegación polo novo permiso de exploración que engade 630 hectáreas ao proxecto de Corcoesto

Segundo Salvemos Cabana, os traballos deste novo permiso de exploración, que segundo o proxecto supera os 400.000 euros, "poderían ser costeados integramente a través de subvencións públicas", pero advirten do "efecto que as operacións poden ter especialmente sobre as parroquias coristanquesas de Cereo e Valenza" ao realizarse "nunha zona diseminada con gran número de casas e cultívos agrícolas nas proximidades" coa posibilidade de afectación tanto ás conducións de auga, coma aos acuíferos subterráneos pola inxección de auga utilizada para realizar as sondaxes, que poden chegar a realizarse ata os 500 metros de profundidade.

A plataforma levará á Fiscalía as intencións de converter Corcoresto nunha megaplanta de tratamento por "invalidar o estudo de Impacto Ambiental"

Ademais, na parte norte do permiso de investigación encóntrase o Lugar de Interese Comunitario Río Anllóns, que podería verse directamente afectado, e en proximidade o da Costa da Morte e a Zona de Especial Protección para as Aves Costa da Morte, áreas que "se ben non están directamente implicadas polo permiso en cuestión, encóntranse nas inmediacións".

Tal e como recorda Salvemos Cabana, a Lei 22/2011 do 28 de xullo establece a obrigatoriedade da retirada de residuos procedentes do engraxe e lubricación da maquinaria e das propias sondaxes, diversos labores mineiros realizados anos atrás na parroquia de Corcoesto e que hoxe están abandoadas, "encóntranse en deplorable estado e non tiveron ningún tipo de restauración".

"Cando se celebra o Día Mundial do Medio, preocúpannos de xeito especial os plans que a compañía Edgewater explicita no proxecto de solicitude, nos que manifesta a súa intención de acaparar todos os recursos mineiros do que denominan como cinto de ouro Malpica-Tui para efectuar o proceso de cianuración do material na planta de Corcoesto potenciando ao máximo a rendibilidade económica pero sen considerar outros factores", lembra, tal e como denunciara no pasado mes de abril.

"Corcoesto é simplemente a punta do iceberg dos plans desta transnacional canadense en Galicia"

"A Xunta de Galicia debería comezar a denominar esta empresa como Mineira de Galicia SL porque Corcoesto é simplemente a punta do iceberg dos plans desta transnacional canadense", denuncia a plataforma, que cre que o Goberno galego "debería depurar responsabilidades pola posible conivencia entre moitos dos seus altos cargos, responsables do Partido Popular e dos concellos directamente afectados, e os xestores da mineira".

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños coincide nestas críticas á ampliación do proxecto mineiro e advirte de que a estratexia é "facelo por fases con dous obxectivos: non alarmar á poboación,o cal provocaría un rexeito masivo; e para agachar o tremendo impacto ambiental conxunto de todos eses proxectos". Tal e como xa se denunciou nos últimos meses, a propia empresa recoñece no plan de investigación Julia 2 que Valenza se convertiría nunha megabalsa de cianuración e Cereo nunha macroescombreira para recibir todo o mineral de Galicia.

Para a plataforma, a súa ubicación no Val de Lourido, cunha pendente que remata no Rio Anllóns, "fai sospeitar que calquera pequeno desprazamento deses millóns de toneladas de refugallos tóxicos traídos de toda Galicia podería provocar un desastre de magnitudes difíciles de calcular".

 

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.