"Eu creo que estou en condicións de dicirlles que o proxecto se aprobará antes de que remate o verán, pero o verán remata en setembro", vén de sinalar o Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, na inauguración dun curso de verán en San Lorenzo de El Escorial. Preguntado por se podería concretar algo máis, limitouse a afirmar que "para min o verán remata exactamente igual que para o Instituto Nacional de Meteoroloxía, non sei exactamente que día de setembro". O PP segue xogando cos tempos no seu empeño por aprobar unha reforma da lei do aborto que poería limitar notablemente este dereito, situando España trinta anos atrás, cunha das lexislacións máis retrógradas de Europa.
Dado que o PP quere evitar por riba de todo que o presidente do Goberno dea explicacións públicas sobre esta polémica reforma, dende hai tempo barállase o 25 de xullo como data máis probable para a aprobación
A proposta debe ser aprobada polo Consello de Ministros antes de iniciar o seu trámite parlamentario. Sempre se barallou a idea de que os populares buscaban superar este trámite a finais de xullo, aproveitando a desmobilización social propia do mes de agosto, e limitando así a contestación inmediata nas rúas. O texto durmiría nas Cortes até setembro, para poder ser aprobado antes de final de ano, o máis lonxe posible das eleccións autonómicas e municipais de maio, procurando prexudicar na menor medida posible as opcións electorais dos conservadores. Só se celebrarán dúas xuntanzas do Consello de Ministros antes das vacacións de agosto: o do venres 25 de xullo, e o do venres 1 de agosto, pero neste está previsto que compareza Mariano Rajoy, por tratarse do derradeiro Consello do curso político. E dado que o PP quere evitar por riba de todo que o presidente do Goberno dea explicacións públicas sobre esta polémica reforma, dende hai tempo barállase o 25 de xullo como data máis probable para a aprobación.
A Plataforma convoca a cidadania galega a "permanecer alerta e a amosar a unidade, a enerxia de todas as mulleres galegas e mesmo o acompañamento de moitos na defensa dos nosos dereitos" e a "sair á rúa"
Colectivos feministas de todo o Estado, entre eles a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, manteñen dende hai meses unha Alerta Feminista, a convocatoria de concentracións e manifestacións en todas as cidades na tarde do día que o Consello de Ministros aprobe a reforma. A Plataforma convoca a cidadania galega a "permanecer alerta e a amosar a unidade, a enerxia de todas as mulleres galegas e mesmo o acompañamento de moitos na defensa dos nosos dereitos" e a "sair á rúa". Nesta convocatoria salientan que "estamos a vivir nunha situación na que as mulleres vemos como os nosos Dereitos Sexuais e Dereitos Reprodutivos están a ser atacados, e no que non se nos deixa decidir sobre o noso corpo. Hoxe a loita feminista cobra moita máis importancia non só para combater as políticas de cortes da dereita, mas tamén na defensa das nosas liberdades, de ser nais ou de non o sermos, de ter dereito a un aborto libre, gratuíto e na sanidade pública".
Este luns as comunidades autónomas de Andalucía, País Vasco, Asturias e Canarias pedirán a retirada da reforma da lei do aborto durante a quenda rogos e preguntas da Conferencia Sectorial de Igualdade, xa que este asunto non está incluido na orde do día. Nos últimos meses a reforma promovida polo Partido Popular foi superando os derradeiros obstáculos en órganos consultivos controlados politicamente polo propio PP. Así, o 13 de xuño o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) aprobou o ditame presentado pola vogal conservadora Carmen Llombart sobre a contrarreforma. Tamén lle deron o seu visto bo o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e o Consello Fiscal. Os grupos da oposición esixíronlle ao PP que remitise a súa proposta ao Consello de Estado, que xa realizou un informe (favorable) sobre a lei de 2010.