Alertan do inicio da privatización dos cárceres de Teixeiro e A Lama "seguindo o exemplo dos Estados Unidos"

Cárcere da Lama © blogcarcelalama.blogspot.com

O Ministerio do Interior comezará o vindeiro 1 de abril un plan piloto no que ensaiará o uso de vixilantes privados en 19 prisións de toda España, entre elas as galegas de Teixeiro e A Lama. Nestes centro penitenciarios, o Ministerio de Interior introducirá gardas de seguridade privados para realizar funcións que, até o momento, realizaban axentes da Garda Civil. Nunha primera fase haberá dous vixilantes en cada cárcere. O Ministerio afirma nun documento de traballo que nun primeiro momento isto non suporá unha redución de efectivos das unidades policiais pero engade que non se descarta nun futuro "unha substitución progresiva" das forzas de seguridade do Estado por membros de seguridade privada.

O Ministerio non descarta nun futuro "unha substitución progresiva" das forzas de seguridade do Estado por membros de seguridade privada

Alternativa Galega de Esquerda denuncia neste senso que “o Estado español pretende seguir o exemplo estadounidense e colocar os cárceres en mans de empresas privadas” e lembra que o sistema penitenciario estatal acumula críticas e denuncias de organismos internacionais e organizacións de defensa dos dereitos humanos "por incumprir os estándares mínimos en trato dos presos, condicións de habitabilidade –a saturación en Teixeiro, por caso, é alarmante- ou reinserción dos internos". AGE considera que o camiño da privatización dos cárecere é "grave" e "perigoso".

A coalición reunirase cos sindicatos de traballadores dos cárceres galegos para analizar os planos da dereita e presentará iniciativas no Parlamento de Galicia co obxectivo de frear a entrada de empresas privadas na seguridade das prisións.

Tamén a Asociación Unificada de Guardias Civiles criticou a medida e denuncia que "a intención final do Goberno é privatizar a seguridade nas prisións".

 

Cárcere da Lama © blogcarcelalama.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.