Alertan do posible "exterminio" de animais na canceira de Armenteira

Instalacións da canceira en Armenteira © Coordinadora de Protectoras de Pontevedra

Dende hai meses os colectivos de defensa e protección dos animais da provincia de Pontevedra veñen denunciando os plans da Deputación para cederlle a unha empresa privada a xestión das instalacións da canceira de Armenteira, en Meis. As instalacións construironse hai dous anos, pensadas para dar servizo á comarca do Salnés, e polo de agora non chegaron a entrar en funcionamento. Estes colectivos reclaman que a Deputación lles outorgue a xestión deste espazo, que custou 200.000 euros de cartos públicoa, aos grupos de protección do animais, sen ánimo de lucro, e non a unha empresa privada, que con toda probabilidade será Tragsa. Mesmo chegaron a concentrarse hai un par de meses diante da sede da Deputación, nunha convocatoria que foi secundada por máis dun milleiro de persoas que acudiron acompañadas dos seus animais.

Os distintos colectivos, coma A Revira, temen que a empresa extermine aqueles cans que non poida atender, no que cualifican de "xenocidio animal"

As denuncias non se limitan ao carácter privado do xestor senón que se alerta de que o denominado Centro de Acollida se convirta en realidade nun centro de exterminio de animales abandonados. A razón é que a canceira está pensada para 500 animais e calcúlase que terá que dar servizo a máis de 2.000. E os distintos colectivos, coma A Revira, temen que a empresa extermine aqueles cans que non poida atender, no que cualifican de "xenocidio animal".

Como alternativa A Revira propón unha serie de ideas para mellorar o servizo: crear un censo canino, campañas que impulsen a colocación do chip, medidas legislativas novas contra o abandono e o maltrato, a prohibición da venda e negocio cos animais, sensibilizar a poboación desde idades tempranas e o apoio real ás entidades de protección dos animais que traballan no ámbito local, priorizando a acollida, e non o extermínio. Ademais lembran que cos cartos investidos poderian crearse ate catro protetoras de animais en diversas localidades, con capacidade de atender máis animais.

Entre os colectivos denúnciase ademais a falta de sensibilidade dos xestores do ente provincial e lembran que nunha xuntanza que mantiveron hai uns meses Rafael Louzán pechou o debate sobre as opcións de xestión da canceira cun “A mí los perros me la sudan”.

Instalacións da canceira en Armenteira © Coordinadora de Protectoras de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.