Alertan dos intentos de formalizar a ilegal mina de Cementos Cosmos

Canteira en Triacastela © Triacastela Viva

A canteira de pedra caliza que Cementos Cosmos explota en Triacastela leva un tempo paralizada ao non contar con licenza municipal, e por outras irregularidades. Recentemente algúns activistas detectaron sinais que demostraban o reinicio da actividade e agora a rede de colectivos contra minaría destrutiva ContraMINAcción vén de denunciar que a empresa estaría tentando legalizar a súa situación, a través da solicitude da necesaria licenza municipal da que carecen.

Cementos Cosmos leva catro décadas explotando de forma ilegal esta mina a ceo aberto; agora vén de solicitar a licenza municipal ao abeiro da disposición transitoria 12ª da Lei do Solo feita no seu día para legalizar as canteiras ilegais, ademais dunha tentativa de saltar a avaliación ambiental dos impactos en virtude a outra disposición adicional do decreto 133/2008, o cal xa non está actualmente en vigor.

"Desde un punto de vista administrativo a prepotencia da empresa é tal que nen sequera garda as formas"

Para Contraminacción, "todo este procedemento é escandaloso, pois ademais das trapalladas e da búsqueda de fisuras na lexislación para legalizar unha auténtica barbaridade, desde un punto de vista administrativo a prepotencia da empresa é tal que nen sequera garda as formas, con omisión de documentación, falsidade na que se presenta, e tantas irregularidades que a simple admisión a trámite demostran o servilismo e colaboracionismo da administración coas mafias mineiras e a súa total falta de respeito aos veciños directamente afectados e aos direitos da cidadanía en xeral, ao medio ambiente, ao patrimonio, e como non, á legalidade".

O Plan Director de Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado a pasada semana polo Consello da Xunta, permite o mantemento e mesmo a ampliación de minas a ceo aberto xa existentes en zonas protexidas

O colectivo alerta de que se pretende conceder licenza urbanística "de forma automática e sen ningunha avaliación ambiental" para unha concesión mineira que "podería borrar do mapa varias aldeas, incluíndo ducias de vivendas na súa demarcación e dando direitos de expropiación forzosa sobre elas e centos de hectáreas de territorio, principalmente terras agrícolas de primeira calidade". Engade que "a cousa aínda non fica aí, pois tamén destrúe fisicamente seis camiños que forman parte do dominio público obrigando aos seus usuarios da dar un rodeo de 12 quilómetros para comunicarse con lugares a menos de dous quilómetros, creando un buraco de quilómetros facendo de barreira insalvábel no territorio".

Hai dous anos ADEGA alertaba de que a canteira ocupaba ilegalmente parte dun monte comunal, froito dun escuro acordo ao que o concello chegara coa empresa en 1971

A concesión mineira tamén afecta a Rede Natura, encontrándose no LIC Ancares-Courel, pero segundo Contraminacción "isto tentan salvalo definindo un perímetro mineiro que se retira da súa delimitación". En calquera caso, o Plan Director de Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado a pasada semana polo Consello da Xunta, permite o mantemento e mesmo a ampliación de minas a ceo aberto xa existentes en zonas protexidas.

Esta mina xa foi denunciada noutras ocasións. Hai dous anos ADEGA alertaba de que a canteira ocupaba ilegalmente parte dun monte comunal, froito dun escuro acordo ao que o concello chegara coa empresa en 1971. Daquela os montes comunais estaban baixo titularidade municipal. Porén, as entidades que denunciaban esta situación aseguran que a compra-venda é de dubidosa legalidade e nula lexitimidade, porque segundo o dereito galego sobre montes comunais, estes son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables.

Alertouse en varias ocasións do prexuízo que a mina podía provocar na Cova Eirós, un dos maiores xacementos arqueolóxicos de Galicia

De igual xeito, alertouse en varias ocasións do prexuízo que a mina podía provocar na Cova Eirós, un dos maiores xacementos arqueolóxicos de Galicia. Ademais da Cova de Eirós, na área están outras tres covas que aínda non foran estudadas e que poderían ser totalmente destruídas, no caso de que nalgún momento se aceptasen as pretensións da empresa de ampliar a súa explotación. En 2005 Cementos Cosmos solicitou unha reclasificación de recursos para poder estender a súa explotación, concedida en 2008.

Canteira en Triacastela © Triacastela Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.