Alianza lingüística no Congreso para deter a Lei Wert

Representantes dos tres colectivos con varios deputados © BNG

Alianza en galego, catalán e éuscaro contra a Lomce. A Mesa pola Normalización Lingüística, o colectivo vasco Kontseilua e o catalán Ciemen-Enllaçats Per la Llengua pediron este martes axuda aos grupos parlamentarios do Congreso para frear esta lei Wert, logo de presentar un manifesto no que denuncian o "ataque directo" que supón esta proposta de reforma educativa para as súas respectivas comunidades lingüísticas.

Todo, malia que os tres colectivos denunciaron a actitude da Mesa do Congreso, que lles dera permiso para realizar o acto pero que lles impediu o paso da prensa, polo que tiveron que facer declaracións no exterior tras reunirse con varios grupos parlamentarios.

"A lei Wert trata o galego, o catalán e o éuscar como linguas tóxicas que deben manterse afastadas dos nenos", di Callóns

O presidente da Mesa, Carlos Callón, volveu calificar o anteproxecto como a "lei da Wertgoña" por tratar o galego, o catalán e o éuscaro como "linguas tóxicas" e "que deben manterse como os medicamentos, afastados dos nenos". Para o dirixente do colectivo, a aplicación da Lomce suporía unha situación que "nunca houbo en 30 anos de democracia" para as tres linguas. "Temos que retraernos ao franquismo. Parece que Wert quere ser o Vesubio para as nosas linguas e que só sexan elementos folklóricos para colocar nos museos, pero nós queremos linguas vivas", manifestou.

Ao tempo, Carlos Callón destacou no Congreso que esta lei agravaría aínda máis a situación que sofre o galego en Galicia, onde "está prohibido que se impartan determinadas materias" na lingua propia, tal e como destacou. "A Xunta ordenou destruír 190.000 libros de texto polo feito de que estaban neste idioma", lembrou, tras advertir de que Galicia "foi o banco de probas para aplicar a Lomce".

Ademais, Callón explicou que A Mesa e os outros dous colectivos "fan un chamamento a todas as comunidades lingüísticas en defensa dos nosos idiomas, e un chamamento ao conxunto dos grupos parlamentarios do Congreso para que se opoñan á Lei Wert, e para facer que o Goberno escoite e retire esa lei”.

"O borrador da lei arrincona as nosas linguas e os nosos falantes", denuncia Kontseilua

Pola súa banda, Paul Bilbao, representante de Kontseilua, asegurou que os colectivos foron ao Congreso "para denunciar o borrador presentado por Wert, que o que vai facer é arrinconar máis as nosas linguas e os seus falantes. Nas últimas décadas traballamos para normalizar as nosas linguas e cremos que este borrador vai ser un retroceso", explicou, antes de participar na primeira reunión cos deputados, para engadir que o seu obxectivo é conseguir que os grupos se convertan no seu "altofalante" no Congreso.

Os tres colectivos piden que os grupos favorables á normalización lingüística trasladen a súa posición ao Goberno

Así, aclarou que o que pretenden conseguir é que Wert "escoite a opinión da sociedade civil organizada" que, ao seu xuízo, é "totalmente contraria" á proposta que fixo o ministro. "O noso final obxectivo é que todos os grupos ou polo menos aqueles que sexan favorables á normalización das linguas minorizadas teñan en conta a nosa opinión e que esa opinión sexa trasladada ao órgano pertinente", explicou.

Pola súa banda, o representante do Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions (Ciemen), que forma parte da plataforma Enllaçats per a Llengua, Joaquim Arenas, defendeu o modelo lingüístico educativo catalán e a inmersión como método "aplicado en moitos países, que Cataluña fixo seu, para poder realizar a escola catalá para todos os nenos".

"A Lei de Wert é unha lei que frustra todo o esforzo que se fixo durante todo o século XX e que arrinca de moi lonxe", alertou, para insistir en que a reforma ameaza a "mentalidade pedagóxica que callou en Cataluña" e a súa aplicación suporía "traizoar" aos nenos cataláns porque se deixaría de dar a todos os alumnos os mimos instrumentos.

Algúns parlamentarios amosaron xa o seu apoio ás demandas das tres organizacións. As deputadas do BNG na Cámara amosaron o apoio do BNG ao labor das organizacións lingüísticas e compartiron as mesmas críticas á nova lei de Educación que está a elaborar o Ministro de Educación.

BNG, ERC e Amaiur amosaron o seu apoio ás tres plataformas defensoras da normalización lingüística

A deputada Rosana Pérez asegurou que o “BNG considera imprescindíbel que as plataformas en defensa das linguas se mobilicen e veñan ao Congreso a concienciar e a defender os dereitos lingüísticos, sobre todo ante un novo ataque como é a Lei de Educación. Unha lei que xa temos dito que é recentralizadora, que nega o plurilingüismo e a realidade plurinacional”.

Ademais, engadiu que “incentiva o ensino privado". "Destinan recursos públicos ao financiamento do ensino privado para alimentar un negocio. É fundamental que nos mobilicemos para facer valer o noso dereito a expresarnos na nosa lingua”, insistiu.

O portavoz de Amaiur no Congreso, Mikel Errekondo, tamén anunciou o apoio do seu grupo ás plataformas e asegurou que non basta con pór "parches" para "tentar arranxar a lei" de Wert senón que "hai que esixir a súa retirada".

Pola súa banda, o portavoz de ERC no Congreso, asegurou que, desde a súa formación, aplauden a iniciativa das organizacións e que están á súa disposición "para facer o que faga falta", á vez que explicou que falarán sobre posibles iniciativas a pór en marcha, na liña das que xa veñen impulsando ERC, para defender as súas linguas e os seus modelos escolares. "Temos unha complicidade total", confirmou.

Representantes dos tres colectivos con varios deputados © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.