Aluvión de solidariedade con Laura Bugalho ante o seu xuízo deste martes

Unha das imaxes de apoio a Laura Bugalho Dominio Público Praza Pública

Este martes celebrarase en Compostela o xuízo contra a activista social e sindicalista Laura Bugalho, acusada en 2009 de falsidade documental no seu labor de axuda a persoas migrantes despois de que o seu traballo sacase á luz unha presunta rede de extorsión. O proceso contra ela espertou nas últimas semanas unha intensa reacción de solidariedade, que emprega o lema "moitas Lauras precisa este país" para denunciar a situación que vive a activista e reclamar a súa absolución. Está convocada unha concentración de apoio que terá lugar ás nove da mañá diante dos xulgados de Fontiñas.

En 2009 Laura Bugalho destapou unha trama de estafa a inmigrantes na 57 persoas de orixe marroquí foran traídas a España coa promesa dun emprego despois de teren abonado dez mil euros

En 2009 Laura Bugalho destapou unha trama de estafa a inmigrantes na que estaban implicadas "persoas con moito poder": ao redor de 39 empresas do sector do Metal da comarca de Compostela, persoal de sindicatos, da policía, da seguridade social, funcionarios de estranxeiría e persoal diplomático. No marco desta trama 57 persoas de orixe marroquí foran traídas a España coa promesa dun emprego despois de teren abonado dez mil euros. En principio o seu destino foi Andalucía, pero algúns deles chegaron a Galicia para traballar na industria do metal en condicións de ilegalidade.

A CIG, sindicato no que traballa Laura Bugalho, explica que "a raíz desa denuncia recibiu un aviso desde a policía da Coruña para alertala de que estaba a ser investigada". A activista comezou a sufrir un forte acoso policial e estrañas circunstancias que ela non cre que foran casuais, coma un asalto á súa casa. Unha semana despois foi detida, pasando 48 horas nos calabozos e sendo acusada de trata ilegal de inmigrantes e falsificación documental. Aínda que a primeira acusación decaeu enseguida, a Fiscalía mantivo a segunda, pedindo para ela 3 anos de cárcere. A acusación baséase nas declaracións de sete persoas que hoxe en día están en paradoiro descoñecido. O proceso, arquivado en 2013, foi reaberto de novo pola Fiscalía.

Conas Ceives lanzou unha campaña de apoio, na que ducias de persoas publicaron fotografías nas que amosan a mensaxe "moitas Lauras precisa este país", o mesmo hashtag que se utiliza en redes sociais. "Moitas Lauras fan falla en tódolos países. E aquí precisamos moitas tamén. Pero sobre todo, precisámola a ela. Porque Laura non só loita no público, na rúa; tamén loita dende o corazón, dende a amizade, coidando os coidados. Representa dunha forma radical iso de que 'o persoal é político'", destaca a convocatoria, que denuncia "un proceso xudicial perverso, inxusto, cuxo único obxectivo semella desmoralizar a Laura para que chegue a pensar que non paga a pena". O chamamento conclúe dicindo que "se tocan a unha, tócannos a todas. Pero se tocan a Laura, ademais, están a atacar todo o que representa, pretenden rachar tódalas redes que ela teceu coa súa vida, as súas loitas, os seus afectos. Mais elixiron mal lugar e mal momento porque non deixaremos que o consigan".

 

Laura Bugalho © Premios Nicolás Salmerón
Unha das imaxes de apoio a Laura Bugalho Dominio Público Praza Pública
Unha das imaxes de apoio a Laura Bugalho Dominio Público Praza Pública
Unha das imaxes de apoio a Laura Bugalho Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.