"Amedrentan os nenos dicíndolles que lles vai entrar o demo no corpo e na casa"

Algúns dos pais e nais de Zas autores da protesta CC-BY-SA Praza Pública

"Pertencemos á Igrexa e á fe católica e temos suficiente capacidade intelectual e responsabilidade para defender os nosos fillos". É a cautela que lanza un grupo de pais e nais de Zas antes de expoñer o conflito que manteñen co responsable da súa parroquia a conta do xiro "extremista" que, aseguran, experimentou a doutrina que reciben na catequese os seus nenos e nenas, ata o punto de retiralos destas xuntanzas e ensinarlles o Catecismo pola súa conta, nun local alleo á institución católica. A causa, din, está na chegada á parroquia das relixiosas da Fraternidad Reparadora Apostólica, que comezaron a "adoutrinar" os pequenos "na tristura, no sufrimento",  "na valoración da dor e da enfermidade como castigo de Xesús polos nosos pecados" ou na ameaza de que "se non acoden ás xuntanzas, o demo vai entrar no seu corpo e na súa casa".

Estas monxas, explican, mudaron os materiais de catequese "de toda a vida" polo libro Vén y sígueme, no que estas familias observan "claras referencias ao Opus Dei". "A súa filosofía -resumen- é que as cousas boas son cousas de Xesús e as malas acontecen porque as merecemos". Sobre estes principios, relatan, as sesións cos nenos mudaron de día e nelas comezou a haber "control de asistencia", tanto para a catequese "como para a misa do domingo". A partir de aí comezaron as "presións para que os nenos e catequistas confesen semanalmente" e a "separación por sexo a partir dos 13 anos".

"Instan as nenas a ofreceren a súa dor a Xesús" e "amosáronlles o vídeo da realización dun aborto", reprochan as familias

Tras esa división por xénero "as nenas quedan dentro da igrexa" coas devanditas monxas, e "cada día unha delas saca as nenas fóra, ficando a outra irmá dentro, co grupo". "Preguntámoslles ás nenas de que lles falan nestes encontros" e elas "contestan que as advertiron de que non lles contasen nada aos seus pais". Posteriormente, din, revelaron que "lles dan libros ás agachadas, incítanas ao xaxún, a sentírense afortunadas por estaren enfermas e a ofrecer a súa dor a Xesús".

As "desconfianzas" iniciais, abondan víronse "corroboradas" con accións como a "creación do Movimiento del Ejército de Jesús", consistente "en facer dos nenos soldados de Xesús, para o que tiñan que asinar un compromiso sen coñecemento dos pais para acudir sempre á chamada" das monxas "para orar e reunírense". En torno a este movemento, salientan, organizáronse "xogos como cruzar a rúa cos ollos vendados" ou explicacións "macabras" como amosar "un vídeo da realización dun aborto". "Ante as preguntas dos nenos" sobre se "en caso de malformación ou violación" se "permite" a interrupción voluntaria do embarazo, din, "elas responden que unha alta porcentaxe" das violacións "non o son realmente".

Un responsable do arciprestado culpa o voceiro do PP na vila de instigar a polémica

"Ante todo isto e despois de forzar tres xuntanzas co noso párroco, Severo Lobato", os pais e nais obtiveron "o silencio como resposta" e resolveron que impartirían catequese eles mesmos coa axuda "das catequistas que abandonaron a catequese cando comezou a polémica". Agora, din, dende a arquidiócese de Santiago asegúrase que os nenos non poden seguir a participar da actividade eclesiástica. Mentres, a polémica transcende a propia Igrexa e mesmo chega á política, xa que o coordinador de pastoral do arciprestado de Soneira, Daniel Turnes, culpa o voceiro do PP no concello de Zas, Pedro Osende de instigar a polémica. As familias rexeitan que haxa motivacións políticas por tras das súas protestas e, como resposta, Osende denunciou a Turnes ante a Garda Civil.

Algúns dos pais e nais de Zas autores da protesta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.