Amnistía Internacional alerta de que o dereito a protestar está "ameazado" en España

Capa do informe © Amnistía Internacional

Un informe de Amnistía Internacional denuncia que o Goberno español "está utilizando todos os medios posibles" para limitar por lei o dereito á liberdade de expresión e á protesta pacífica e que "as multas, os malos tratos, o uso excesivo da forza e a impunidade policial ante os abusos están a afectar o dereito á liberdade de expresión e reunión". A entidade sinala que "os proxectos de reforma lexislativa poden supor ademais un duro golpe á protesta pacífica". "Non podemos consentilo. Non podemos consentir que moitos manifestantes pacíficos estean a pagar un alto prezo por exercer os seus dereitos humanos", engade.

"As multas, os malos tratos, o uso excesivo da forza e a impunidade policial ante os abusos están a afectar o dereito á liberdade de expresión e reunión"

O documento, titulado España: El derecho a protestar, amenazado, recolle así mesmo violacións de dereitos humanos cometidas por membros de forzas de seguridade e alerta da falta de investigación destes abusos. Amnistía Internacional acompaña ademais o informe dunha serie de vídeos nos que algunhas persoas explican a represión policial ou xudicial sufrida por varios activistas, como Jorge Aranda, Consuelo Baudí ou Pablo Ortiz. Ao longo das case cen páxinas do documento, tamén se describen outros casos de violacións de dereitos ou de violencia policial, coma o coñecido de Esther Quintana en Catalunya (perdeu un ollo por unha bala de goma lanzada polos Mossos) ou as cargas posteriores á manifestación Rodea o Congreso.

Para Amnistía Internacional, en España as medidas de austeridade adoptadas no contexto de crise económica "levaron milleiros de persoas a saír á rúa para protestar ante os recortes de servizos básicos que afectan os seus dereitos". E subliña que as autoridades españolas están a responder á mobilización con restricións aos dereitos á liberdade de expresión e reunión pacífica. "A policía someteu a comprobacións de identidade a manifestantes pacíficos durante as manifestacións ou mesmo antes delas; impuxéronse multas a persoas simplemente por asistir a protestas ou reunións; manifestantes pacíficos sufriron abusos e uso excesivo da forza, ou foron detidos e trasladados a comisarías onde sufriron tratos humillantes ou malos tratos baixo custodia", sinala.

O informe fai fincapé en que "estes abusos non son investigados adecuadamente" e que "as autoridades non renderon contas por eles"

Ademais, fai fincapé en que "estes abusos non son investigados adecuadamente" e que "as autoridades non renderon contas por eles". "Ao contrario, en lugar de defender e garantir o dereito de liberdade de expresión e reunión pacífica están a tratar de reformar a lexislación. O endurecemento do Código Penal e da Lei de Seguridade Cidadá poden ser un novo golpe para estes dereitos", engade. 

A entidade deixa claro que "non imos consentir que asfixien a protesta pacífica nin con abusos nin con leis represivas. Non imos consentir que os manifestantes pacíficos sigan pagando un alto prezo por exercer os seus dereitos humanos". E conclúe que "o descontento non pode acalarse mediante a represión. Porque a protesta é sen dúbida a mellor maneira de defender o teu dereito a protestar".

"O descontento non pode acalarse mediante a represión. Porque a protesta é sen dúbida a mellor maneira de defender o teu dereito a protestar"

Amnistía Internacional presenta, finalmente, unha serie de recomendacións para as autoridades, co obxectivo de garantir os dereitos constitucionais á liberdade de expresión e á reunión pacífica, ameazados. Pide, por exemplo, que toda restrición imposta a estes dereitos sexa "demostrablemente necesaria e proporcionada para un dos motivos identificados expresamente no dereito dos dereitos humanos". A entidade subliña por exemplo que "o requisito de notificación previa non se aplica de maneira que constitúa un requisito de autorización previa" e que "o incumprimento do requisito de notificación previa non dá lugar en si mesmo a multas contra organizadores ou participantes".

A entidade subliña que "o requisito de notificación previa non se aplica de maneira que constitúa un requisito de autorización previa" e que "o incumprimento do requisito de notificación previa non dá lugar en si mesmo a multas contra organizadores ou participantes"

Tamén esixe que o Estado garanta que, "cando un axente de policía lle pide a unha persoa que participa nunha manifestación que lle mostre a súa identificación, ese axente lle entregue á persoa en cuestión un recibo que, entre outras cousas, especifique o motivo do control de identidade". Tamén demanda que se retiren ou modifiquen "as reformas lexislativas que, coma as propostas actualmente, aumentarían o ámbito de utilización da lexislación penal e administrativa para restrinxir e sancionar o exercicio do dereito á liberdade de expresión e de reunión pacífica".

Amnistía Internacional esixe que respecten o dereito á liberdade de expresión de todos os manifestantes e o dereito da poboación á información

En canto aos corpos e axentes de seguridade, Amnistía Internacional esixe que respecten o dereito á liberdade de expresión de todos os manifestantes e o dereito da poboación á información. En particular deben garantir que os xornalistas poden realizar o seu traballo sen interferencias inxustificadas, incluído o seu traballo de gravar e difundir información sobre os sucesos ocorridos nas manifestacións, o cal inclúe as accións da policía. AI tamén demanda que se elaboren e fagan públicas "unhas normas claras sobre o uso da forza por parte dos funcionarios encargados de facer cumprir a lei no contexto do labor policial durante as manifestacións", e que esas normas "deben ser plenamente conformes cos Principios Básicos da ONU".

O informe tamén sinala que "as porras e outros dispositivos de impacto similares non deben utilizarse contra persoas que non mostren unha conduta ameazadora ou agresiva". E, de igual xeito, os proxectís menos letais, coma as pelotas de goma, "non deben utilizarse nunca a menos que o seu uso sexa estritamente necesario como defensa fronte a unha ameaza inminente de morte ou lesións graves, e só cando uns medios menos extremos sexan insuficientes para lograr ese obxectivo". Ademais, estas armas de proxectís menos letais non deben utilizarse de maneira que entrañen o risco de que o proxectil impacte na cabeza, o peito ou o abdome dunha persoa, e non deben dispararse con tanta forza que causen a perforación da cavidade corporal ou outra lesión innecesaria.

O informe tamén sinala que "as porras e outros dispositivos de impacto similares non deben utilizarse contra persoas que non mostren unha conduta ameazadora ou agresiva"

Así mesmo, o documento esixe que "todas as persoas postas baixo custodia deben ter acceso inmediato a un avogado, e en todo momento debe respectarse o seu dereito a consultar cun médico". Deben tomarse, ademais, "medidas para que se realice unha gravación sistemática e completa de vídeo e audio en todas as zonas das comisarías nas que poida haber presentes detidos, salvo cando con iso se viole o dereito dos detidos á intimidade ou a comunicarse de forma confidencial co seu avogado ou cun médico".

"Todo uso da forza por parte dos funcionarios encargados de facer cumprir a lei debe ser obxecto de revisión"

Finalmente, Amnistía Internacional fai fincapé na rendición de contas e a investigación xudicial sobre a comisión de delitos por parte dos axentes de policía, como abusos ou tortura. Sinala que "todo uso da forza por parte dos funcionarios encargados de facer cumprir a lei debe ser obxecto de revisión" e que "cando esa revisión indique que pode haber un uso excesivo da forza, ou cando existan denuncias a ese respecto, debe levar a cabo unha investigación inmediata, independente e imparcial". Se a investigación conclúe que houbo un uso excesivo da forza, "os responsables deben ser sometidos aos procedementos penais ou disciplinarios oportunos". "O uso arbitrario ou abusivo da forza por parte dos funcionarios encargados de facer cumprir a lei debe tratarse coma un delito", engade.

A entidade defende que "toda denuncia de tortura ou outros malos tratos debe ser investigada de maneira inmediata, imparcial e efectiva, unha obriga que se aplica, mesmo cando non haxa denuncia expresa, sempre que existan motivos razoables para crer que tivo lugar un acto de tortura ou outros malos tratos". A investigación debe incluír un exame médico e debe ser capaz de identificar e levar ante a xustiza aos responsables, con castigos, en caso de sentenza condenatoria, proporcionais á gravidade do abuso cometido. Ademais, todos os axentes das forzas e corpos de seguridade que sexan investigados por torturas ou outros malos tratos ou outras violacións graves de dereitos humanos deben ser suspendidos do servizo activo mentres se levan a cabo os procedementos.

Capa do informe © Amnistía Internacional

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.