Os pais e nais do alumnado do CEIP Os Tilos (Teo) pronunciáronse maioritariamente en contra de que a materia de Relixión comparta horario lectivo con outras de coñecemento xeral e de que a súa nota teña valor académico, tal e como recolle a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). O colectivo Somos Parte, unha plataforma de pais e nais que defenden un ensino público e democrático, organizou a consulta, como experiencia piloto e paso previo á celebración de consultas semellantes en centros de ensino de toda Galicia.
A votación realizouse ao longo de toda a semana pasada no mesmo centro de ensino, no que se colocou unha urna pechada e precintada. Os votos eran nominais (tiñan que ir identificados cos nomes e apelidos dos pais e nais, o número do DNI e asinados) e o reconto foi verificado pola xuíza de paz do Concello de Teo, Rosa Gómez Limia.
Este primeiro referendo consultivo contou cun total de 192 votantes. A participación “foi elevada, aínda que resulta difícil ofrecer unha estimación”, segundo a voceira de Somos Parte Conchi García. “O censo de alumnos e alumnas do CEIP dos Tilos é de 392, se ben hai pais que votaron cunha única papeleta e teñen varios fillos escolarizados no centro, núcleos familiares monoparentais e casuísticas moi variadas que dificultan o cálculo do índice de participación”, engade. "Abraiounos a alta participación, tendo en conta que somos unha plataforma descoñecida, que esta é a primeira experiencia deste tipo, e que ademais estabamos pedindo datos persoais xunto co voto, o que pode retraer moita xente de participar", sinala.
Os resultados da votación, en cambio, si ofrecen unha imaxe clara. Ante a pregunta de se a nota de Relixión debe ter valor académico, 176 titores e titoras (máis do 90% dos votos emitidos) responderon que non e 12 que si; rexistrouse un voto nulo e 3 en branco. Ante a pregunta de se a Relixión debe compartir horario lectivo co resto de materias de coñecemento xeral, houbo 132 votos negativos, 58 a favor, un voto nulo e outro voto en branco.
"Moita xente ten ganas de dicir o que pensa"
"Queremos trasladar estas mesmas preguntas a outros centros de ensino de Galicia, para ter unha resposta global, que sexa representativa a nivel galego"
O Goberno galego limitou ás cuestións lingüísticas as posibilidades de contar coa opinión dos pais e nais. Pero nas vindeiras semanas e meses Somos Parte realizará referendos semellantes ao dos Tilos en centros de ensino de todo o país, preguntando en primeiro lugar por estas cuestións relacionadas co ensino da Relixión nas escolas públicas. "Queremos trasladar estas mesmas preguntas a outros centros de ensino de Galicia, para ter unha resposta global, que sexa representativa a nivel galego", sinala Conchi García. "Contactamos xa con algunhas Anpas, e outras contactaron directamente con nós interesándose polo tema, pero queriamos concluír esta primeira experiencia para aprender, solucionar erros, e ter un modelo de funcionamento que amosar". Optan, destaca, pola simplificación das consultas: "Non preguntamos sobre moitos temas, porque cremos que cando nunha consulta se inclúen moitos puntos, as respostas a unhas cuestións poden condicionar as de outras".
"Moita xente ten ganas de dicir o que pensa. A xente está desexando poder pronunciarse sobre cuestións deste tipo, sobre as que non foron consultados"
Conchi García subliña que Somos Parte "non está vencellada a ningún grupo ideolóxico, somos unha plataforma de pais e nais, cada un coa súa ideoloxía" e engade que nin sequera fan campña "a favor ou en contra de ningunha medida en concreto". "A nosa intención é democratizar o sistema", salienta. "Vanse poñer en marcha cambios importantes no sistema educativo sobre os que a comunidade académica nunca foi consultada: pais, nais, ensinantes e alumnado. Para nós é fundamental que haxa diálogo entre a administración e todos este colectivos" -di- "Nós queremos facer aquilo que a administración non fixo: consultarlles aos pais e nais que é o que queren, que é o que pensan que é mellor para os seus fillos e fillas. Queremos saber que opina a comunidade educativa con respecto a estas normas que van entrar en vigor e con respecto a outras. Trátase de democratizar o sistema, e de trasladarlle á administración o que pensan os pais e nais". Conchi García conclúe que "moita xente ten ganas de dicir o que pensa. A xente está desexando poder pronunciarse sobre cuestións deste tipo, sobre as que non foron consultados".