"Antes remaban 100 persoas e agora, cun motor, só teñen que remar 50. Que facemos co resto?"

Gnutti, director do documental, nunha presentación do filme © Films 59

"En 100 anos, a economía deixará de ser un problema para a humanidade". O documental In the same boat ábrese lembrando esta predición, realizada en 1930 por John Maynard Keynes nunha conferencia na Residencia de Estudiantes de Madrid. Keynes acertou ao prever que a tecnoloxía produciría un incremento espectacular da produtividade e da riqueza, mais tamén anticipou que a xornada laboral quedaría reducida no 2030 a 15 horas semanais e non podía nin imaxinar que a riqueza acadaría no comezo do século XXI o actual nivel de desigualdade no seu reparto, unha desigualdade incrementada sobre todo nos últimos 30 anos.

O filme é unha reflexión sobre os efectos do progreso tecnolóxico sobre o emprego, a incapacidade das economías desenvolvidas de crear tantos postos de traballo coma no pasado e a necesidade de ensaiar alternativas que repartan a riqueza

O documental ábrese con esta intervención de Keynes, punto de partida dunha reflexión sobre os efectos do progreso tecnolóxico sobre o emprego, a incapacidade das economías desenvolvidas de crear tantos postos de traballo coma no pasado e a necesidade de ensaiar alternativas que repartan a riqueza. No filme participan os economistas Serge Latouche, Anthony B. Atkinson, Mauro Gallegati, Erik Brynjolfsson e Mariana Mazzucato, así coma Zygmunt Bauman ou o ex presidente uruguaio José Mujica. O filme, proxectado con grande éxito en Madrid e Barcelona en novembro e decembro, preséntase este venres en Vigo (Multicines Norte, 20:10) cunha charla na que participará o seu director, Rudy Gnutti, con quen falamos.

Esta semana morreu Bauman. Polo que teño entendido, comezou sendo unha voz máis no documental, pero no proceso foi involucrándose cada vez máis, interesándose moito polas reflexión que aquí se fan. Como foi a relación con el?

Comecei a facer o documental hai tres anos, pero a idea víñame de moito antes. Eu estudei Antropoloxía en Roma e caeu nas miñas mans o libro Traballar menos para traballar todos do sociólogo Guy Aznar. Redactei unha sinopse e unha lista de persoas, tanto economistas como outras voces, que consideraba que tiñan que aparecer no documental. E unha das primeiras ás que lle enviei a sinopse foi Bauman e en menos dunha semana respondeume dicíndome que estaba moi interesado e no outono do 2014 pasei pola súa casa. Bauman non era un experto nestas cuestións, pero a min interesábame, porque parte do seu concepto de sociedade líquida baséase no cambio producido ao desaparecer a seguridade achegada polo posto de traballo estable. A participación de Bauman facilitoume moito o traballo á hora de contactar con outros entrevistados. Unha vez que viu o documental case rematado, quedou tan encantado co resultado que propuxo facer unha presentación en Barcelona, que fixemos o pasado mes de febreiro no MACBA coa súa participación. A montaxe aínda non estaba lista, pero non podía negarme.

O filme péchase cunha reflexión de Bauman sobre as alternativas ao capitalismo, as pasadas e as presentes, moi valiosa en canto é unha persoa que viviu de pleno o século XX pero tamén albiscou os grandes cambios que estamos a vivir no XXI e que cobra máis valor aínda estes días, case a xeito de reflexión final sobre o futuro... 

Bauman dixo que o filme lle dera moita esperanza, pero en privado era máis cauteloso, un pouco como recoñece no final da película, onde di que el xa viu pasar moitas utopías, que na súa posta en práctica non cumpriron as expectativas prometidas. El movíase entre un certo pesimismo e a convicción de que existe a posibilidade de poñer en práctica unha alternativa máis xusta. É dicir, que a situación é desastrosa, pero que poderiamos aproveitar o desenvolvemento tecnolóxico e a globalización para mellorar a sociedade.

"A cuestión é que sexamos capaces de redistribuír a riqueza que as máquinas e o incremento da produtividade están xerando"

Na película faise unha análise necesariamente crítica sobre o proceso crecente de concentración da riqueza. Mais no canto de centrarse na denuncia dos responsables desta situación, faise fincapé na proposta de alternativas. Mesmo algunha das voces que representan a posición do capital, coma a do directivo de Amazon, que aposta por unha redistribución da riqueza, representa case coma unha cara amable do capitalismo. Era a vosa intención primar a parte propositiva?

Ben, eu tampouco diría que el representa a cara máis amable do capitalismo, porque el non propón redistribuír a riqueza por unha cuestión moral, de xustiza, senón que el cre que a desigualdade é inútil para o seu negocio. Pero, efectivamente, o documental pretende ser moi práctico, quere camiñar cara á construción de alternativas. Non falo en ningún momento de socialismo nin de marxismo. E podería facelo, porque Marx xa debuxou a situación que estamos vivindo, pero non o menciono precisamente para non poñer de relevo un vello conflito que -para min- non serve para nada. Mesmo as clases máis ricas están comezando a decatarse de que a actual situación de desigualdade é prexudicial para eles. Neste senso Tony Atkinson era optimista cando falamos con el, e confiaba en que a tecnoloxía podía ser clave. Pero a cuestión é que sexamos capaces de redistribuír a riqueza que as máquinas e o incremento da produtividade están xerando.

"China ou India están vivindo nos últimos anos un incremento bestial da produtividade e da incorporación da tecnoloxía aos procesos de produción, polo que tamén van comezar a sentir os mesmos fenómenos que xa vivimos aquí"

O filme describe os efectos do crecente papel da tecnoloxía. Son necesariamente negativos? 

Esta progresiva desaparición do traballo polo avance cada vez maior da tecnoloxía non é necesariamente negativa. O que pasa é que non sabemos aínda como reorganizar a sociedade en base a esta nova realidade. Pero o bo é que creo que cada vez máis xente comeza a ter clara esta necesidade, e non só na esquerda ou nas clases traballadoras. E, ademais, non só en Occidente: China ou India están vivindo nos últimos anos un incremento bestial da produtividade e da incorporación da tecnoloxía aos procesos de produción, polo que tamén van comezar a sentir os mesmos fenómenos que xa vivimos aquí.

"Temos que atopar un modelo para repartir o traballo ou para repartir a riqueza xerada por el. Creo que todas as propostas -renda básica, emprego garantido, redución de xornada, limitación da vida laboral...- poden ser válidas"

Entre as solucións propostas, todas pasan por un maior reparto do traballo e da riqueza, con alterantivas coma a renda básica...

Bauman díxoo no documental: hai que desligar emprego e supervivencia. Estamos todos nun barco no que antes remaban 100 persoas e agora, cun motor, só teñen que remar 50. Que facemos coas 50 persoas que xa non poden remar? Poñémolas a remar aínda que non teñan que facelo? Polo tanto, temos que atopar un modelo para repartir o traballo ou para repartir a riqueza xerada por el. Creo que todas as propostas -renda básica, emprego garantido, redución de xornada, limitación da vida laboral...- poden ser válidas. A clave é o reparto da riqueza. A renda básica e outras formas de redistribución da renda o que fan é poñer en común unha riqueza que é unha herdanza de toda a humanidade. E supón un camiño contrario ao proceso que se está dando agora, no que se socializa o risco, por exemplo á hora de innovar, cuxo custo é asumido maioritariamente polo Estado, e privatízanse os beneficios xerados por esta innovación, como di Mazzucato no filme.

"Supón un camiño contrario ao proceso que se está dando agora, no que se socializa o risco, por exemplo á hora de innovar, cuxo custo é asumido maioritariamente polo Estado, e privatízanse os beneficios xerados por esta innovación"

Es optimista con respecto a que se vaian ir adoptando algunha destas alternativas?

Son optimista porque mesmo o 1% estase decatando de que o actual estado de cousas é insostible. Creo, por exemplo, que a idea da renda básica se vai estendendo non porque sexa xusta, senón porque é útil. Nos últimos meses estou detectando que o debate da renda básica se comeza a estender por toda Europa, de Alemaña a Finlandia, pasando por España. Porque hoxe comeza a ser máis utópico pensar que se pode manter a actual situación que apostar por alternativas. Aos meus fillos, que teñen 20 anos, xa nin se lles pasa pola cabeza mercar un coche, e posiblemente é algo no que xa nunca pensarán. En todo caso, como di Mujica na película, creo que o cambio de estruturas vai ser máis doado que o cambio de mentalidade. Mesmo a min cústame imaxinar unha sociedade na que o emprego non sexa o centro.

"Son optimista porque mesmo o 1% estase decatando de que o actual estado de cousas é insostible"

O documental está tendo unha grande acollida nas salas comerciais e noutros espazos, nos que ademais estades buscando que o filme se acompañe de debates e da participación de colectivos sociais...

Si, estivemos cinco semanas en cartel en Madrid e Barcelona e agora imos volver a proxectar o documental de forma estable en Barcelona: vai haber un pase todas as semanas nun cine que, ademais, estará sempre acompañado dun debate con voces expertas e activistas. A difusión que estamos conseguindo é moi importante e mesmo sorprendente, sobre todo porque non contamos con distribuidora e non tivemos apoio de case ninguén. O obxectivo é que a película sexa un instrumento para xerar debate sobre estas cuestións.

 

Rudy Gnutti, con Zygmunt Bauman, hai uns meses Dominio Público Praza Pública
Cartel da película © Films 59

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.