Arcadi Oliveres: "A xente nas rúas, a xente con conciencia, pode facer moitas cousas"

Conferencia de Arcadi Oliveres en Valencia CC-BY-NC-SA Xara Carevolta

“A economía: ao servizo do comercio ou das persoas?”. Este é o título da conferencia que este luns ofrecerá na Facultade de Socioloxía da Coruña Arcadi Oliveres, dentro do ciclo Recuperar Soberanía, Desarmar o TTIP, organizado por ECOAR, e polo que nas últimas semanas pasaron Susan George, Albano Dante ou Ricardo García Zaldívar. Oliveres, economista, experto en relacións norte-sur, comercio internacional e débeda externa, ten nas súas costas cinco décadas de activismo a prol da xustiza social, dende finais dos anos sesenta e a Transición. Tivo un papel moi importante na Associació Justícia i Pau e, máis recentemente, no movemento 15M. En 2013 creou xunto con Teresa Forcades e outras activistas a plataforma Procés Constituent. Con esta conferencia péchase o ciclo de charlas ao redor do TTIP e os seus efectos, poucos días antes da xornada da mobilización a nivel europeo contra o acordo de libre comercio, que se celebrará o vindeiro sábado 18 de abril, con varios actos convocados en Galicia.

"Xa no momento en que se creou a OMC, temíase que o que se pretendía non era só a rebaixa dos aranceis e as alfándegas, senón que tamén buscaba unha liberalización no campo dos servizos e dos investimentos industriais"

Hai uns días, neste mesmo ciclo de conferencias, Ricardo García Zaldívar centraba a súa crítica ao TTIP en que o acordo lle dá máis poder ás empresas e retírallo á cidadanía. Entendo, polo título da túa charla, que incides no mesmo...

Estou de acordo con esa idea, pero se cadra eu iría un pouco máis atrás. Teño a impresión de que a raíz deste problema é a Organización Mundial de Comercio (OMC), que ten a súa orixe no GATT e na vitoria norteamericana na Segunda Guerra Mundial, que puxo a economía ao seu servizo, creando unhas estruturas internacionais para ese fin (FMI, Banco Mundial e GATT). Xa no momento en que se creou a OMC, temíase que o que se pretendía non era só a rebaixa dos aranceis e as alfándegas, senón que tamén buscaba unha liberalización no campo dos servizos e dos investimentos industriais. Isto implicaba que todos os instrumentos dos que podía dispor un país para preservar a súa industria ou as súas estruturas de transporte ían desaparecer.

Como nese momento xa viron que isto ía ser difícil de aplicar dunha vez en todos os países, entre outras cousas polo rexeitamento social que atoparon nas rúas de Seattle en 1999, comezaron coa estratexia do 'divide e vencerás', fomentando a sinatura de pactos bilaterais. Fixéronse varios, en distintos puntos do mundo, comezando por Norteamérica, e agora chega o TTIP, que evidentemente é moi potente. O TTIP busca ademais establecer unha alianza entre Europa e os EE.UU. para contrapesar o poder crecente de China.

"Temos o exemplo previo do NAFTA, asinado en 1992 por Estados Unidos, Canadá e México. E non tivo que pasar moito tempo para comprobar o desastre que este pacto tivo para a economía mexicana"

Temos o exemplo previo do NAFTA, o Tratado de Libre Comercio de América do Norte, asinado en 1992 por Estados Unidos, Canadá e México. E non tivo que pasar moito tempo para comprobar o desastre que este pacto tivo para a economía mexicana, cun incremento da pobreza e do desemprego, e co mantemento da emigración masiva cara ao norte. Evidentemente a UE non é México, hai un maior equilibrio con respecto aos Estados Unidos, pero polo que puidemos saber, parece que dende Europa non se quere ter ningunha capacidade negociadora.

Hai uns meses pouco ou nada se sabía dos puntos que se estaban negociando, e corríase o risco de que o acordo fose aprobado sen debate nin oposición. Conseguiuse rachar ese muro de silencio sobre o TTIP?

Saben que se a xente ten máis información sobre o acordo, o rexeitamento ao TTIP vai crecer, e polo tanto procuran tapalo todo o que poden. Nesta estratexia de opacidade hai un claro precedente, o AMI (Acordo Multilateral sobre Investimentos) finalmente frustrado porque a xente si chegou a ter coñecemento do que pasaba. O AMI foi denunciado publicamente por Jack Lang, que fora ministro de Cultura en Francia, e que na súa condición de eurodeputado tivera acceso a el. Fixo públicos os documentos en Internet e xerou unha rebelión contra o AMI. E moi posiblemente cousas coma esta explican a teima actual en manter ocultas as negociacións do TTIP. Nas últimas semanas vimos como os eurodeputados que pediron ter acceso aos documentos oficiais das negociacións, coma Ernest Urtasun (ICV), foron obrigados a facelo nunhas condicións moi restritivas [nunha habitación pechada, sen móbiles, gravadoras e mesmo sen bolígrafo]. Polo tanto, a opacidade é total, non só fronte á poboación senón fronte aos representantes desa poboación.

"A xente nas rúas, a xente con conciencia, pode facer moitas cousas. Se cadra non derrotar totalmente o TTIP, porque para iso habería que derrotar algo anterior, que é o capitalismo, pero si modificalo moito"

É posible deter ou botar abaixo o TTIP?

Ao igual que a opinión pública foi quen hai anos de botar abaixo o AMI, se agora houbese unha boa información e unha boa mobilización, habería opcións de cando menos adialo ou de limitalo moito. En Seattle, na primeira reunión da OMC, as protestas nas rúas fixeron que a xuntanza fracasase. Tiveron que organizar unha nova rolda, tres anos despois, en Qatar -un lugar máis tranquilo porque as manifestacións están prohibidas- para poder avanzar no seu proxecto. A xente nas rúas, a xente con conciencia, pode facer moitas cousas. Se cadra non derrotar totalmente o TTIP, porque para iso habería que derrotar algo anterior, que é o capitalismo, pero si modificalo moito.

Que importancia ten a mobilización do 18 de abril? 

Paga a pena mobilizarse e que ese 18 de abril se converta nun gran acto de difusión e protesta ante a opinión pública. Fíxate que hai menos dun ano celebramos unhas eleccións europeas nas que practicamente ninguén falou do TTIP, e tampouco doutros temas moi importantes da política europea, coma a débeda ou o euro. Esas eleccións movéronse unicamente en termos de política interna. É moi importante que haxa unha formación da opinión pública nestes temas. Vai ser moi importante, polo tanto, ese 18 de abril, pero temos que estar todos os días do ano presionando con respecto ao TTIP, estando enriba dos nosos eurodeputados e eurodeputadas.

"Un partido que se comporta tan mal cos seus cidadáns merece unha severa derrota. Por iso a loita electoral é moi útil e necesaria, para rematar rapidamente con esta situación"

Nos últimos meses descendeu a intensidade das mobilización nas rúas, coincidindo coa proximidade das eleccións deste 2015. Este descenso das mobilizacións explícase só polo escenario electoral?

Si se percibe un descenso nas mobilizacións sociais. E a explicación seguramente acabas de dala na túa pregunta: estamos nun ano electoral, con eleccións municipais, autonómicas e as estatais en outono. Hai xente que traballa nos movementos sociais que ten tamén que preocuparse destas cousas, e isto pode ter desviado un pouco a atención. Pero en calquera caso a realidade é que o PP leva anos practicando un ataque frontal aos intereses da poboación, favorecendo tan só a unha pequena minoría. E un partido que se comporta tan mal cos seus cidadáns merece unha severa derrota. Por iso a loita electoral é moi útil e necesaria, para rematar rapidamente con esta situación, aínda que por suposto non é a única forma, e a mobilización nas rúas debe seguir.

Es optimista? Vai ser o 2015 un ano de cambio?

Eu son optimista por natureza, e si creo que este ano imos ver cambios. Non sei se un gran cambio, pero si cando menos un pequeno cambio. Ademais, hai que ter en conta que habitualmente sempre se produce no último momento unha certa reacción conservadora no electorado. Pero vai haber cambios, porque a poboación xa non resiste máis esta situación, este malestar, e xa non falo da clase media, falo das clases completamente depauperadas, que non teñen traballo, que non teñen ingresos, que non teñen vivenda e ás veces non teñen nin que comer. En Catalunya nesta semana santa os colexios tiveron que abrir porque moitos nenos, se faltaba o comedor escolar, non tiñan que comer.

"Vai haber cambios, porque a poboación xa non resiste máis esta situación, este malestar"

Como valoras o ambiente político en Catalunya e o que pode pasar este ano nas distintas citas electorais?

En Catalunya mestúranse dous grandes eixos: a reivindicación nacional, que gañou moita forza nos últimos anos por mor da sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut, e a reivindicación social. Eu son partidario da independencia, pero sen darlle un moi importante contido social non serviría absolutamente para nada. Unhas persoas están só preocupadas polo eixo independentista, outras só polos temas sociais, outros polas dúas cousas, e ao final prodúcese unha mestura que imos ver a través das eleccións de maio e as de setembro que resultado ten.

Arcadi Oliveres CC-BY-NC-SA Joan Luzzatti

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.