Áreas de xestión clínica: entre o temor ao reinicio e o veto aos directores 'a dedo'

Un quirófano do Sergas © Sergas

Hai tan só unhas semanas, o Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación presentado por Sanidade contra a sentenza que anulaba o artigo do decreto de áreas de xestión clínica que permitía a libre designación de directores de área. Daba así a razón de novo aos sindicatos médicos O'Mega e Cesm, tal e como xa llela dera o TSXG en ditame de 2015, cando determinara en contra do artigo 10, que autorizaba a libre designación destes xefes de área. 

O Supremo veta de vez o nomeamento a dedo dos directores das áreas de xestión clínica

O Supremo vetou así de vez a posibilidade de nomear a dedo estes responsables, pero o polémico decreto de xestión clínica saíu indemne no resto de puntos malia os varios intentos xudiciais que contra el levaron a cabo diferentes sindicatos. Ata catro recursos foran rexeitados, segundo a Xunta. Aquelas 21 unidades que o Sergas tiña previstas para o primeiro trimestre de 2014 quedaron en suspenso tras o forte rexeitamento por parte dos profesionais sanitarios, pero estiveron sempre latentes tras o decreto aprobado hai case catro anos, semellante ao que se aplica en Castilla y León. 

A intención era crear áreas de equipos profesionais sanitarios que poderían xestionar os seus propios orzamentos, que recibirían un extra no caso de aforrar e que mesmo poderían decidir sobre a contratación de persoal. Os sindicatos e colexios médicos vían no proxecto un claro intento de "privatización da sanidade pública" que poñía en risco a súa categoría de personal estatutario. Mesmo houbo unha folga xeral no sector e nada de sobou máis da iniciativa da Xunta. 

CCOO alerta que o Ministerio de Sanidade quere "retomar" a implantación das unidades de xestión clínica

Agora, os temores entre os profesionais a que se retome este proxecto regresan. Fontes sindicais alertan das mensaxes lanzadas en público e en privado polo Sergas, mesmo a responsables nalgunha área sanitaria, e CCOO verbaliza ese temor. Así, alerta de que o Ministerio de Sanidade quere "retomar" a implantación destas áreas de unidades de xestión clínica da man das autonomías e advirte dunha nova "folga xeral" no caso de que iso se concrete. 

Para Comisións, a creación destas áreas de xesión "ten só unha finalidade: a privatización dos servizos sanitarios". "Para iso necesitan a fragmentación dos centros sanitarios, o illamento duns servizos doutros e a laboralización do persoal como paso previo  privatización dos sectores máis rendibles da nosa sanidade", di o sindicato. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.