Arousa maniféstase polo emprego, mentres as traballadoras de Cuca seguen á espera do apoio da Xunta

Cartaz da manifestación, apoiada polo Concello de Vilagarcía Dominio Público Praza Pública

O que ía ser unha manifestación local, en Vilaxoán, para esixir de Garavilla -propietaria de Conservas Cuca- a reapertura da factoría na vila, cumprindo así a sentenza xudicial que dende hai tres meses a obriga a facelo, creceu até ser algo máis. Máis en canto ás demandas que porá na rúa, comenzando pola reivindicación ao problema do desemprego, e tamén en canto á súa extensión, converténdose nunha mobilización de ámbito comarcal, apoiada pola corporación municipal de Vilagarcía ao completo, e tamén por distintas entidades sociais (asociacións de veciños, confrarías, sindicatos...) de varios concellos. 

A marcha, baixo o lema En defensa do emprego e o futuro de Vilagarcía, percorrerá as rúas de Vilaxoán dende as oito da tarde, partindo da conserveira e concentrándose ante a sede do INEM e ante o concello. Búscase, como salienta Francisco Vilar (CC.OO.) demandar a defensa dos postos de traballo en toda a comarca, a través do conflito aberto de Cuca, "para que os mozos e mozas non teñan que emigrar". 

Búscase demandar a defensa dos postos de traballo en toda a comarca, a través do conflito aberto de Cuca, "para que os mozos e mozas non teñan que emigrar"

A situación segue sendo a mesma dende hai varias semanas. En xaneiro unha sentenza do TSXG deulles a razón ás traballadoras, confirmando todos os puntos do fallo emitido en marzo de 2013 polo xulgado número 2 do Social de Pontevedra, anulando o ERE (que afectara a 69 persoas) e o traslado da empresa ao Grove, e instando a reanudar a produción na súa localización orixinal. Porén, a empresa leva tres meses ignorando esta sentenza. A presión das traballadoras forzou a compañía a ofrecer unha solución intermedia e temporal: un transporte gratuíto entre Vilaxoán e O Grove, no que, ademais, o tempo de viaxe de ida e volta sería contabilizado dentro da súa xornada laboral. Porén, o persoal de Cuca segue esixindo que a empresa cumpra todos os puntos da sentenza e reabra a fábrica de Vilaxoán.

O Concello de Vilagarcía nos últimos días aprobou por unanimidade de todos os grupos con representación municipal (PP, IVIL, PSOE, BNG e EU) apoiar a mobilización

Unha reivindicación que dende o comezo atopou a unanimidade dos veciños, veciñas, e forzas políticas nesta localidade, e en todo o Concello de Vilagarcía, que nos últimos días aprobou por unanimidade de todos os grupos con representación municipal (PP, IVIL, PSOE, BNG e EU) apoiar a mobilización, imprimindo ademais medio milleiro de cartaces, distribuídos por todo o concello. Esta unanimidade, que tamén se estende a outros ámbitos (tamén a asociación de comerciantes Zona Aberta apoiará a manifestación), choca co silencio do Goberno galego nos últimos meses, dende que o TSXG fixo público o seu fallo, e tamén coa defensa firme que a Xunta lle deu á empresa vasca Garavilla. Por exemplo cando, coa axuda da policía, desmantelou a planta de Vilaxoán, mesmo habendo xa unha primeira sentenza xudicial que lles daba a razón ás traballadoras. Naquela ocasión o PP empregou a súa maioría absoluta no Parlamento para impedir que o vicepresidente tivese que ofrecer explicacións por esta acción.

Curiosamente, tan só dous meses antes o Parlamento aprobara por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular a través da que se instaba á Xunta de Galicia "a desenvolver cantas xestións sexan necesarias ante a propiedade, para garantir os postos de traballo da factoría Conservas Cuca de Vilaxoán" e a manter a factoría na súa ubicación orixinal. Hai dúas semanas o PSdeG-PSOE presentou una batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que garanta o cumprimento das sentenzas xudiciais e o cumprimento igualmente da devandita prosición non lei que a cámara aprobara por unanimidade. Aínda se está á espera da resposta do Goberno galego sobre estas cuestións.

A empresa Garavilla reiterou nos últimos días a súa negativa a cumprir a sentenza do TSXG

Pola súa banda, o outro actor deste conflito, a empresa Garavilla, reiterou nos últimos días a súa negativa a cumprir a sentenza do TSXG e asegurou que a reapertura da fábrica é "inviable", ao tempo que acusou as traballadoras de Cuca de mobilizarse unicamente buscando unha indemnización para "xubilarse sen volver traballar".

Cartaz da manifestación, apoiada polo Concello de Vilagarcía Dominio Público Praza Pública
Concentración das traballadoras de Cuca ante a factoría © CCOO
A fábrica de Cuca, en Vilaxoán CC-BY-SA Pontevedra Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.