O 26 de febreiro do pasado ano, no marco dun dispositivo policial establecido ante o Parlamento para controlar unha concentración de protesta, varios axentes de policía foron sinalados por non levar a identificación que están obrigados legalmente a portar. Varios manifestantes mesmo reclamaron a través de altofalantes que os axentes colasen estes distintivos no seu uniforme, conseguindo que algún o fixese. Porén, outros negáronse a facelo e mesmo chegaron a ameazar unha das manifestantes con sancionala simplemente por realizarlle esta petición, o que foi recollido nun vídeo que circulou viralmente.
A Unidade de Réxime Disciplinario da División de Persoal abriu investigación contra un dos axentes que se negou a identificarse en Compostela. Porén, ordeou o seu arquivo ao considerar que non houbo "responsabilidade ningunha"
Segundo a oficina do Defensor del Pueblo, "a Dirección Xeral da Policía informou de que os integrantes da unidades de intervención policial (...) tiveron que colocar a peza de abrigo, o que obrigou os actuantes a recolocar os distintivos identificativos do seu número de carné profesional noutras pezas, podendo quedar, puntualmente e sen mediar dolo algún, algún funcionario sen distintivos na peza exterior".
Así mesmo, a Unidade de Réxime Disciplinario da División de Persoal informa de que abriu investigación contra un dos axentes que se negou a identificarse en Compostela cando foi requirido polas manifestantes. Porén, ordeou o seu arquivo ao considerar que non houbo "responsabilidade ningunha". Dereitos Civís denuncia que "nun dispositivo policial no que practicamente todos os axentes non levaban identificación, comprobar que a unidade responsable de perseguir esas ilegalidades considera que as amezas a unha persoa por solicitar que se cumpra legalidade non é sancionable, resulta un convite para que os axentes non cumpran as normas".
Neste senso, Dereitos Civís porá o feito en coñecemento do Congreso para que valoren a actuación do Réxime Disciplinario da Policía Nacional. "É un caso claro no que se quedou documentada unha infracción, e no que non se actúa", sinalan. Ademais, a oficina do Defensor del Pueblo sinalou nunha comunicación enviada a Dereitos Civís que vén de dirixirse á Dirección da Xeral da Policía para ampliar información.
Dereitos Civís porá o feito en coñecemento do Congreso para que valoren a actuación do Réxime Disciplinario da Policía Nacional. "É un caso claro no que se quedou documentada unha infracción, e no que non se actúa", sinalan
En agosto do 2011 o Movemento polos Dereitos Civís iniciou unha campaña de denuncias contras a cargas policiais acontecidas en Madrid logo da visita do Papa, os 17 e 18 de agosto. A Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, recolleu a denuncia e realizou unha recomendación de que se "adopte as medidas necesarias para que se poida identificar de forma inequívoca e sen dificultade aos funcionarios policiais, aumentando as dimensións dos números de identificación e situando os mesmos en varios lugares do uniforme". A recomendación foi aceptada en parte polo Ministerio de Interior, podéndose ver xa nas rúas a axentes con chalecos numerados para a súa identificación. Porén, a Secretaría de Estado non aceptou a recomendación de aumentar o tamaño da identificación persoal, sinalando que "aumentar o tamaño do distintivo de identificación personal non resolvería os inconvenientes da súa visualización".
O artigo 18 do Real Decreto 1484/1987, de 4 de decembro, sobre normas xerais relativas a escalas, categorías, persoal facultativo e técnico, uniformes, distintivos e armamento do Corpo Nacional de Policía, deixa claro que "todos os uniformes levarán obrigatoriamente a placa-emblema do Corpo, con indicación do número de identificación persoal, no peito, por riba do peto superior dereito da prenda de uniformidade". De igual xeito, o artigo 21 do mesmo Real Decreto lembra que "os funcionarios que realizan servizo de uniforme" levarán "obrigatoriamente o carné profesional, que será exhibido cando sexan requiridos para identificarse polos cidadáns, con motivo das súas actuacións policiais".
