Paula (nome ficticio) e o seu marido seguen en tratamento psicolóxico e están á espera dunha sentenza coa que poidan "pechar o capítulo máis doloroso da súa vida". Tiveron que percorrer 500 quilómetros no seu vehículo particular para poder abortar. Nesa intervención ela perdeu o útero e a posibilidade de ser nai biolóxica de novo.
A interrupción do embarazo produciuse na semana 32, despois dun conxunto de "imprudencias médicas" polas que demandou o Servizo Galego de Saúde. Asegura que durante o seguimento que lle fixeron no Hospital de Burela lle "ocultaron información sobre o diagnóstico", dilatando a súa xestación até chegar á conclusión no sétimo mes de que "a viabilidade do feto era incompatible coa vida".
Segundo explican desde o Sergas, Paula foi derivada desde Lugo a unha clínica privada en Madrid, para "respectar o dereito á obxección de conciencia dos profesionais" dos hospitais galegos. Ao comezar a intervención na clínica privada, foi trasladada de urxencia ao hospital público La Paz de Madrid.
"Ao introducirlle o espéculo e constatar a hemorraxia, puxéronlle gasas e explicáronlle que non podían facer nada, que tiña o útero vascularizado e facendo espaventos e con moito nerviosismo. Dixéronlle a Paula que podía morrer polo camiño, que tiñan que mirala antes de ir a Madrid e internala en Burela", explica a súa avogada, Francisca Fernández, na demanda que presentou en maio do ano pasado contra o Sergas.
O Sergas xustifica coa lei as derivacións a Madrid a partir da semana 22, pero a normativa non establece ese límite no caso de "anomalías fetaias incompatibles coa vida"
O Sergas négase a dar a súa versión sobre o caso desta muller. "Non nos pronunciamos sobre temas xudiciais", explica unha voceira a eldiario.es. Así mesmo, engade que até a semana 22 si que se practican abortos en centros públicos e que a partir desa data envíanse a outros centros respectando, desta forma, o dereito á obxección de conciencia dos profesionais". A portavoz xustifica este prazo argumentando que a lei o recolle , aínda que non é así, xa que segundo esta normativa non existe límite temporal "se se detectan anomalías fetais incompatibles coa vida". A Fiscalía reactivou o mes pasado unha investigación por varios casos derivados tamén a Madrid en diferentes semanas de xestación.
A interrupción do embarazo de Paula produciuse en novembro do 2012 mediante unha cesárea. "A nena faleceu ao pouco de nacer", lembra a nai, que naquel momento tiña 33 anos e facía fronte ao seu segundo embarazo. "Xoguei a vida nesa viaxe porque se negaban a practicarme un aborto. Nas dúas últimas semanas de xestación non me revisaron o útero. Tampouco tiveron en conta o seis sangrados que sufrira durante o embarazo. Durante o camiño a Madrid ía manchando un pouco e doíame moitísimo", lembra esta galega que tras decatarse de que perdera o útero recoñece que lle "caeu o mundo". "Trastornounos a vida saber que non podiamos ter máis fillos, estabamos en shock. Parecía que estabamos a ver unha película, que todo isto non nos estaba ocorrendo a nós. Non o acababamos de crer", apunta.
"Non se respectou a lei"
"Hai unha cuestión ideolóxica, non existe un tratamento integral dos dereitos sexuais e reprodutivos", afirma a Plataforma Galega polo dereito ao Aborto
O seu defensa lembra que a sanidade galega "non lle ofreceu os recursos adecuados", en referencia á clínica privada de Madrid á que a derivou a Xunta. Así mesmo, a súa letrada, que pertence á asociación El Parto es Nuestro, lembra na demanda que presentou que a lei que regula a Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) recolle que cando se detectan anomalías fetais incompatibles coa vida, as intervencións "realizaranse preferentemente en centros cualificados da rede sanitaria pública".
"Consideramos que estas actuacións da Xunta non se deben só a recortes económicos como consecuencia da crise, hai unha cuestión ideolóxica porque non existe un tratamento integral de dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres", sinala Margarida Curral, portavoz da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto na Coruña . Esta organización xa protestou publicamente polas derivacións de abortos a Madrid , aínda que asegura que "a maior parte de afectadas non sufriron secuelas físicas", como si lle sucedeu a Paula.
Queixas desde a semana 20
Paula e a súa parella consideran que durante todo o seguimento do seu embarazo foron vítimas dun conxunto de "neglixencias". Estas comezaron, sempre segundo o seu relato, na semana 20 de embarazo. Nese momento os profesionais que a atenderon en Burela xa detectaron unha "alteración nos achados da exploración do sistema nervioso central e quistes nos plexos coroideos". Ante este diagnóstico e as preguntas dos pais, a doutora restoulle importancia a este resultado" e pediulles tranquilidade aos pais.
Ao día seguinte a parella acudiu a unha clínica privada para recibir unha segunda opinión. "Advertíronme de que o bebé non viña nada ben. Dixéronme que había un atraso acusado no crecemento da cabeza", lembra Paula. "Volvín ao hospital e conteilles este diagnóstico. Dixéronme que era unha histérica e que o único que facía con este nerviosismo era prexudicar ao meu bebé. Pedinlles que me revisasen, e dixéronme que esperase ao resultado dunhas probas que se encargaron", engade.
"Dixéronme que era unha histérica e que o único que facía con este nerviosismo era prexudicar ao meu bebé"
Cinco semanas despois, a súa avogada asegura que desde o hospital lle deron os resultados dun exame xenético, pero non lle explican que consecuencias teñen os resultados no feto. "De novo vólvenlle restar importancia. A resposta da doutora foi: 'Pode ser que teña un ollo verde e outro azul, ou un guecho de pelo branco ou unha cousa así'. Non te preocupes".
Os demandantes continuaron coa procura de segundas opinións, un profesional da Clínica Ruber do Madrid e outro do Hospital de Santiago. "Os dous dannos o diagnóstico", explica Paula, que obtivo estas respostas en menos de 24 horas e compáranas coa actitude do hospital no que foi atendida. "En Burela dixéronnos que seguían sen saber que supuña a delección cromosómica. E que tiñan a todo o equipo de xinecólogos buscando en Google e en Bibliosaúde información", engade.
A vista xudicial celebrouse o pasado maio. A familia solicítalle ao Sergas unha indemnización duns 270.000 euros por danos físicos, psicolóxicos e morais
Finalmente, de acordo ao escrito xudicial, na semana 31 de embarazo, tras varias queixas e unha petición de cambio de hospital, conseguen que o Sergas os derive a unha xenetista do Hospital Materno da Coruña para que examine os seus informes. "Comentoume o mesmo que os outros dous profesionais. Confírmame que podo abortar porque é un caso que contempla a lei porque é unha incompatibilidade coa vida", sinala Paula.
"De súpeto entroulles a présa, nunha semana xestionáronmo. Chamáronme da Consellería de sanidade. Dixéronme que en Galicia non mo ían practicar e avisáronme de que me ían a mandar a Madrid", explica.
Tras estes feitos, continúan recibindo atención psicolóxica. E solicitan ao Sergas unha indemnización próxima aos 270.000 euros por danos físicos, psicolóxicos e morais ocasionados tanto a Paula como ao seu marido, así como á criatura que tiveron que abortar. "Quero que se faga xustiza e lles quede unha mancha no seu expediente profesional. E sobre todo que a próxima vez o pensen e que se dean conta que non somos unhas choronas, que nos traten con respecto. Que se non saben, que o pensen", apunta esta muller galega. A vista celebrouse este mes de maio. Se finalmente a xustiza lle dá a razón, destinará ese diñeiro a tentar ser nai de novo mediante xestación subrogada no estranxeiro.