Arzúa prepara unha nova edición da máis grande feira ecolóxica de Galicia

Imaxe dunha das edicións anteriores de Terractiva © Terractiva

A Feira Ecolóxica de Arzúa celebrarase a fin de semana do 15 e o 16 de novembro cun total de 65 expositores que converterán o encontro nun espazo de referencia para o sector verde. Propostas de produción ecolóxica, terapias alternativas e artesanía sustentable daranse cita no Recinto Ferial Terra do Queixo. Á Feira Ecolóxica achegaranse creadores de xeados, zumes, viños, mel de produción ecolóxica e cosmética natural. Tamén fabricantes de mermeladas, chocolates e licores artesáns. E tamén acudirán luthiers que amosarán os seus instrumentos tradicionais ou carpinteiros que ofrecerán as súas tallas de madeira.

Destaca, por exemplo, a participación da produtora lucense Aceites Figueiredo, que presentará o seu aceite de oliva virxe cento por cento galego. Tamén o fará a empresa lalinense Arquisolux, especializada na fabricación de materiais naturais para a bioconstrucción: pavimentos, enerxía renovable, pintura de arxila, morteiros ou revestimentos naturais e illantes ecolóxicos. Entre a súa oferta de produtos, destaca a pintura ecolóxica, que permite pintar directamente coas mans e resulta de fácil limpeza, ademais de caracterizarse pola ausencia de cheiros.

A Feira comezou a celebrarse en Arzúa en 2004. En 2012, por mor dos recortes, a Deputación da Coruña -que até ese momento apoiara o evento renunciou a colaborar coa feira. Malia ese atranco, o proxecto non esmoreceu e mantivo sempre o seu compromiso pola ecoloxía, a produción natural e a innovación. Así mesmo, ano a ano mantivo e mesmo incrementou o número de propostas e expositores que se daban cita no lugar.

Imaxe dunha das edicións anteriores de Terractiva © Terractiva
Postos da feira ecolóxica © Terractiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.