Os promotores da iniciativa levarán o martes ao Parlamento os apoios recibidos por esta proposta que pide un novo modelo da xestión dos residuos, desbotando a queima do lixo e apostando polos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe. Eran necesarias 15 mil sinaturas para iniciar o proceso da iniciativa lexislativa popular e ese número superouse amplamente. A partir de aí os catro grupos con representación no Hórreo debaterán a toma en consideración da proposta para que inicie o seu proceso na cámara. Para apoiar a ILP o BNG presentou esta semana mocións en todos os concellos da comarca do Deza.
Os promotores da iniciativa lembran que a Lei de Residuos de Galicia de 2008 xa establece os "tres erres" como "obxectivo prioritario" e as directivas europeas na materia, traspostas á lexislación do Estado en 2011, "formularon o obxectivo de transformar a actual nunha sociedade do reciclado". Neste contexto chegou o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) no mesmo 2011, un documento que, na súa opinión, "cumpre só na teoría os obxectivos" da lexislación anterior, xa que no seu orzamento "a suma de prevención, información, educación ambiental, recollida selectiva e outras medidas de reutilización e reciclaxe atinxe o 18,1%", mentres que "o 48% dos investimento destínase a unha nova planta de eliminación por incineración".
A ILP pide a modificación do PXRUG, destinando non menos do 15% á "redución" de residuos e non menos do 60% "á preparación para a reutilización para a reciclaxe". Paralelamente, a incineración ficaría "excluída, con ou sen recuperación de enerxía -caso de Sogama- das actuacións a promover pola Xunta para o tratamento de residuos". Ademais subliñan que “se fai necesario clarificar e darlle forza xurídica á xerarquía que establece a prioridade dos tres erres".
Os plans comarcais de reciclaxe e compostaxe crearían ao redor de 3.000 postos de traballo
Cales serían as alternativas a esa desaparición da incineración? Entre outras, a implantación da compostaxe doméstica "como modelo prioritario, especialmente nos núcleos de poboación dispersa", así como a "compostaxe comunitaria en pequenos núcleos, barrios e espazos urbanos". Estas accións complementaríanse con plantas de reciclaxe e compostaxe comarcais "de tal forma que ningunha delas teña unha capacidade de máis de 100.000 habitantes equivalentes" ou, o que é o mesmo "40.000 toneladas ano". Polo tanto, a lei suporía pór en marcha unhas 25 plantas en todo o país, que se complementarían cun sistema de recollida "porta a porta" en poboacións de menos de 10.000 habitantes. Estes plans comarcais de reciclaxe e compostaxe crearían ao redor de 3.000 postos de traballo.