As 7 mulleres asasinadas pola violencia de xénero igualan o peor dato dos últimos anos

Imaxe da concentración celebrada en Ferrol © Marcha Mundial das Mulleres

Co asasinato de Marina, unha veciña de Mos de 69 anos, a mans do seu home, o número total de mulleres mortas polas súas parellas ou ex parellas en 2015 elevouse a 7 en Galicia. Constitúe a cifra máis alta dos últimos anos (o Instituto da Muller iniciou este rexistro en 1999) e tan só en 2008 se acadara este nivel. O número mesmo podería incrementarse co peche dalgunha investigación aberta. Algunhas entidades lembran, ademais, a morte de dous nenos pequenos a mans de seu pai e tamén o asasinato da nova parella dunha muller (Beatriz, tamén falecida), que aínda que non poden ser contabilizados oficialmente como violencia de xénero, si incorporan unha clara motivación machista.

María Isabel, Beatriz, Divina, Silvina, Conchi, María José e Marina son os nomes das sete mulleres

María Isabel, Beatriz, Divina, Silvina, Conchi, María José e Marina son os nomes das sete mulleres. Un total de 40 na última década. O ano foi especialmente terrible na área de Vigo, con tres mulleres mortas na cidade mais o recente caso de Marina, en Mos. No conxunto de España foron 57 en 2015, a cifra máis elevada dende o ano 2011, e levando o total de asasinatos machistas na última década ata os 569.

"Cal é a cifra de asasinadas precisa para que os gobernos tomen en consideración este problema de Estado?"

Este venres tiveron lugar concentracións de repulsa en varias cidades galegas, coma Vigo, A Coruña e Ferrol. "Cal é a cifra de asasinadas precisa para que os gobernos tomen en consideración este problema de Estado? Na pasada campaña de eleccións ao goberno, a violencia non entrou dentro das prioridades, todo o contrario, usouse para atacar e insultar o feminismo e os seus logros. Como é posible que a vicepresidenta do goberno culpabilizase ás vítimas?", sinalou a Marcha Mundial das Mulleres.

A Marcha denuncia que "as reaccións sociais á violencia machista seguen a quedar no mero superficial, lamentacións, minutos de silencio e días de loito cada vez que é brutalmente asasinada unha muller como se fose o resultado dunha reacción persoal do agresor, por causa do alcol, de problemas mentais, económicos, de ciúmes! ou aínda peor, culpabilizando á vítima por tolerar o agresor, por convivir con el sen ter tomado medidas". "Os gobernos non queren que paren os asasinatos", salienta.

O comunicado da entidade lembra tamén que "a meirande parte das mulleres sufrimos unha violencia estrutural promovida por unha sociedade que segue a transmitir como valor que as mulleres pertencen os homes, definidas pola nosa relación con eles e perpetuando o papel de coidadoras". E subliña que "estes crimes fan un servizo ó patriarcado e ó capitalismo. Eses homes malvados fronte aqueles que non exercen violencia física. A perpetuación do control a través do medo".

"Debemos esixir máis medios nos xulgados de xénero, xuíces e xuízas, policía e garda civil con formación en igualdade, apoio psicolóxico e económico as mulleres"

"Parar o feminicidio implícanos á sociedade enteira e en todas as facetas da nosa vida. Temos que desmontar as imaxes e os valores nos que se sustenta a violencia contra as mulleres. Neste camiño debemos esixir máis medios nos xulgados de xénero, xuíces e xuízas, policía e garda civil con formación en igualdade, apoio psicolóxico e económico as mulleres", conclúe.

Número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en Galicia Dominio Público Praza Pública
Imaxe da concentración celebrada este domingo en Vigo © Marcha Mundial das Mulleres
Imaxe da concentración celebrada en Ferrol © Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.