As ausencias por sancións aos traballadores na TVG multiplicáronse por dez nun ano

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

"É un dos momentos con máis represalias na TVG; nunca as mans do departamento de recursos humanos foron tan lixeiras para abrir expedientes". Fontes do comité de empresa insisten en denunciar a "manipulación informativa" crecente que nos últimos tempos se está a dar na canle pública galega. Por iso, e polo que cualifican de "aumento da represión", decidiron sacar á luz un blog no que denuncian esta situación e na que se analiza o tratamento das novas e as diferentes "varas de medir" segundo os protagonistas nos telexornais, actualizándose acotío comparando moitas das noticias coas que se ofrecen noutros medios.

O comité xustifica a creación do blog polo "aumento da represión e a manipulación na TVG"

Segundo fontes dos representantes dos traballadores, foi o incremento das denuncias dos seus compañeiros e do "temor" ás represalias por parte da dirección da CRTVG o que os levou a dar este paso adiante, consensuado nunha asemblea co cadro de persoal da canle pública. "É un problema histórico que se repite ciclicamente, pero a raíz dos últimos casos de corrupción política, pisouse o acelerador na manipulación e tamén recibimos máis queixas dos redactores", explican estas fontes a Praza.

"Algúns foron directamente apartados de certas informacións sensibles, que adoitan acabar nas mans dos xornalistas máis precarios ou novos, que son os máis cargados con informacións que non se atreven a ordenarlles aos redactores máis veteranos", explica. Se non hai máis queixas públicas é, segundo o comité, "pola represión e o medo a ela". "A protesta castígase", insisten, e para argumentalo achegan datos sobre o incremento dos días de ausencia de traballadores na TVG motivados por cumprimentos de sancións, o que demostraría o aumento das "represalias" e dos "castigos" aos traballadores que critican a "manipulación informativa".

O número de días de ausencia por cumprimentos de sancións na TVG multiplicouse por máis de dez durante 2012

Segundo as mesmas fontes do comité, o número de días de ausencia por cumprimentos de sancións na TVG multiplicouse por máis de dez durante 2012, ao pasar das dez xornadas laborais de 2011 ás 110 do pasado ano, o que supón un incremento do mil por cento. As cifras xorden dos datos de absentismo laboral que a compañía dos medios públicos facilita aos traballadores e no que se comproba o elevado incremento das ausencias derivadas das suspensións por sanción.

Estas sancións poden aplicarse por chegar tarde ao traballo, por estragar material de traballo e incluso por "deslealdade", unha figura que, segundo as mesmas fontes, se utilizaría para amedrentar os traballadores que se opoñen á liña informativa imposta pola dirección. "As represalias son determinantes para que os xornalistas se midan nas noticias que elaboran ou á hora de protestar", explican. Pero é a rigorosidade coa que agora se aplica o réxime sancionador de faltas leve a que denuncian os traballadores.

"As represalias son determinantes para que os xornalistas se midan nas noticias que elaboran ou á hora de protestar"

Ademais, o comité lembra tamén as ameazas vertidas pola dirección da compañía, "incluso en sede parlamentaria", ao entender que as protestas dos afectados polas prefrentes na sede da CRTVG se fixeran coa colaboración dalgún traballador. "Chegaron a ameazarnos con investigacións e sancións penais", insisten, tras recordar tamén as advertencias aos xornalistas que levaron a cabo un informativo reivindicativo no Toural. "Con estes dirixentes, o temor e o medo á represión ou aos expedientes sancionadores é brutal", conclúen.

Mentres, os exemplos de "manipulación" que denuncian os traballadores no blog son variados. Desde o comité explícase que hai unha morea de formas de terxiversar ou virar unha noticia para o lado que lle convén á dirección. Desde a omisión sistemática de protestas ou informacións delicadas para o PP e as administracións que goberna ata a repetición masiva da afiliación política dun encausado en casos de corrupción, sempre que sexa dun partido diferente ao conservador.

 

 

 

Traballadores da CRTVG, nunha protesta CC-BY-SA Merixo
Captura de imaxe do blog do comité da TVG © Eunonmanipulo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.