As axudas por violencia machista chegan só ao 30% das vítimas protexidas

Mobilización da Marcha Mundial das Mulleres, o pasado 25-N en Ferrol CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

A crise económica é un importante obstáculo para "saír do círculo da violencia" machista. Expertas e expertos na abordaxe e tratamento do maltrato de xénero coinciden en sinalar a independencia económica como un elemento fundamental para que as mulleres agredidas poidan afastarse dos seus agresores e denunciar as súas condutas. "Moitas aguantan porque non teñen de que vivir", resumía en conversa con Praza a catedrática de Dereito Procesual da USC Raquel Castillejo. Na mesma liña, a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Inmaculada Montalbán, concorda con que as mulleres agredidas saen agora "con maior dificultade" desta situación, "porque moitas non teñen de que vivir".

Voces individuais e institucionais como o propio observatorio coinciden na necesidade de que a crise non leve por diante os "recursos" despregados nos últimos anos "para asistir de maneira integral e recuperar as vítimas". Malia estas análises, as cifras oficiais permiten concluír que, cando menos, aínda fica moito camiño por percorrer neste ámbito, a comezar pola devandita asistencia económica. Así, por exemplo, dos datos incluídos nun informe estudado este xoves polo Consello da Xunta pódese tirar que os subsidios chegan a apenas un 30% do número de mulleres que foron obxecto dunha orde de protección por violencia machista en Galicia neste 2013.

No que vai de 2013 foron ditadas 884 ordes de protección e foron concedidas 264 axudas económicas

Co gallo da recente conmemoración da xornada internacional contra a violencia machista, o Goberno galego analizou os "datos relativos a este problema" para "facer balance das últimas iniciativas postas en marcha" e "informar das liñas de acción futuras". En apenas 10 meses o número de atención telefónica para as vítimas, o 016, atendeu 5.000 chamadas en territorio galego, máis que en todo 2012. No mesmo período foron ditadas 884 ordes de protección e foron concedidas 264 axudas económicas as cales, segundo admite o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teñen como obxectivo "garantir a independencia económica das vítimas".

Neste contexto, o propio presidente di descoñecer, a preguntas da prensa, se o incremento no volume de ordes de protección ditadas trouxo consigo máis axudas. Este descoñecemento dáse nun contexto no que a Secretaría Xeral de Igualdade decidiu recortar un 25% neste ano a dotación orzamentaria do salario da liberdade e, máis tarde, repoñer un 30% do que se recortara. A baixada de fondos contrasta, non obstante, cos obxectivos previstos nas memorias dos sucesivos Orzamentos Xerais da Xunta. Nos de 2012 Igualdade prevía atender -non só economicamente- 850 mulleres e os seus respectivos fillos e fillas. Para este 2013 a previsión era de 2.100 persoas atendidas e o proxecto orzamentario de 2014 eleva a cifra ata 5.575.

Máis accións de sensibilización cunha incógnita na escola

O informe abordado polo Executivo galego contempla tamén "tres decisións" que se englobarán no VI Plan Galego de Igualdade. No ámbito do "coñecemento e seguimento" o Goberno contará cun Observatorio da Violencia de Xénero de seu no que apoiará "o deseño das estratexias para loitar contra esta lacra", en verbas de Feijóo. Tamén se creará unha "comisión asesora de publicidade non sexista", para "orientar as entidades e axentes publicitarios" e a principios de 2014 abrirá as súas portas o agardado Centro de Recuperación Integral en Santiago, ao que as vítimas só poderán acudir de maneira "ambulatoria" ao non ter carácter residencial.

O presidente descoñece se as novas liñas de acción incluirán a prevención da violencia machista no ámbito escolar

Resta saber, así e todo, se estas novas liñas de acción chegarán a un dos ámbitos máis precisados de sensibilización e formación en igualdade e contra a violencia: o ensino. Á luz dos estudos máis recentes a xustificación do maltrato entre a mocidade e as súas familias non só non diminúe, senón que aumenta, feito que levou o Observatorio estatal a reclamar hai poucos días que a prevención de condutas violentas sexa inserida na formación escolar. Do mesmo xeito, o propio Ministerio de Sanidade negocia co de Educación para que, en ausencia de Educación para a Cidadanía, a violencia machista se aborde noutra materia das contempladas pola LOMCE. Feijóo descoñece, cando menos polo momento, se a Xunta tomará medidas neste ámbito.

Mobilización da Marcha Mundial das Mulleres, o pasado 25-N en Ferrol CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.