As 'Brigadas deseucaliptizadoras' traballarán nun monte comunal de Cotobade afectado polos incendios do outono

Brigada deseucaliptizadora en Froxán, no mes de xullo © Verdegaia

As Brigadas Deseucaliptizadoras, iniciativa lanzada o pasado mes de abril por Verdegaia, traballarán este sábado 18 no Monte Veciñal en Man Común de Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade. A proposta de traballo para esta brigada céntrase na eliminación de eucaliptos e acacias que están a invadir o monte, sobre todo aqueles espazos afectados por incendios forestais nos últimos anos. Esta eliminación require dun traballo manual minucioso inasumible economicamente para a comunidade, envellecida e reducida en poboación.

A proposta de traballo para esta brigada céntrase na eliminación de eucaliptos e acacias que están a invadir o monte

O monte viuse afectado especialmente pola vaga de lumes de outubro de 2017. "Isto, ademais de supor un duro golpe á Comunidade, que perdeu varios cultivos silvícolas de piñeiro, próximos á corta e substitución por frondosas, deixou a Comunidade, que ocupa 300 hectáreas, nunha situación difícil", explican.

A Comunidade de Rebordelo quere crear unha Área de Conservación, que ocuparía dous terzos da superficie total do monte, dedicada á protección ambiental e de uso público, xerando un cordón de protección de frondosas que protexa a aldea do lume. Nesta área atópanse os abastecementos de auga da comunidade, e mais as zonas de produción micolóxica e de produción de castaña que se están a desenvolver. No resto do territorio estanse avaliando posibilidades doutros aproveitamentos como a apicultura ou gandaría en extensivo.

A Comunidade de Rebordelo quere crear unha Área de Conservación, dedicada á protección ambiental e de uso público, xerando un cordón de protección de frondosas que protexa a aldea do lume

Esta zona representa unha mostra ecolóxica e etnográfica da paisaxe en transición entre as serras litorais e a dorsal galega, cunha biodiversidade "moi particular xa que atopamos especies características de distintas faixas ecolóxicas", explican dende Verdegaia. Serve de corredor ecolóxico entre as dúas áreas de especial conservación dentro do concello de Cotobade: O Río Lérez, ZEPVN (zona de especial protección dos valores naturais) e LIC (lugar de importancia comunitaria) e a Serra do Cando, ZEPVN e LIC. O monte comunal de Rebordelo posúe os seus propios valores ecolóxicos. Atopamos bosques de frondosas en bo estado de conservación, con numerosas variedades de carballos, alén doutras especies: bidueiros, salgueiros, sabugueiros, castiñeiros, loureiros estripeiros...

Brigada deseucaliptizadora en Froxán, no mes de xullo © Verdegaia
Brigada deseucaliptizadora en Froxán, no mes de xullo © Verdegaia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.