As 'Brigadas deseucaliptizadoras' viaxan a Cenlle, coas acacias como obxectivo

Traballo das brigadas, o pasado 21 de abril en Froxán © Verdegaia

As Brigadas Deseucaliptizadoras realizarán este sábado 26 a súa segunda xornada de traballo. será en Lentille, no concello de Cenlle (O Ribeiro). O obxectivo principal da xornada de traballo é a erradicación de acacias, unha especie exótica invasora que supón un serio problema ambiental polo seu rápido crecemento, por competir coas especies autóctonas e pola acidificación do solo que trae consigo. A acacia esténdese con rapidez nas zonas arrasadas polo lume, como se pode comprobar nestes momentos en moitos dos montes galego que sufriron incendios o pasado outono. A intervención das brigadas manterá as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir ao lume, coa idea de introducir no vindeiro inverno froiteiras bravas.

A acción centrarase nunha parcela de Lentille orixinalmente vinculada á igrexa e que leva en estado de abandono desde os anos 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada.

Nesta ocasión foron algo máis de 20 persoas as que se apuntaron como voluntarias para a realización dos traballos, que se levarán a cabo entre as 10 da mañá e as 2 da tarde, hora na que se ofrecerá un xantar ás persoas participantes. A xornada completarase cunha foliada, un pequeno obradoiro práctico sobre o combate contra a velutina e un paseo pola zona, no que se poderá gozar das vistas do val do Avia. A organización das brigadas ofrece luvas e ferramentas para todo o mundo e recomenda levar roupa e calzado apropiado para o traballo no monte, así como un chuvasqueiro se así o recomenda o tempo previsto.

As Brigadas levaron a cabo a súa primeira acción o mes pasado en Froxán. O obxectivo é organizar localmente todaas as persoas que en toda Galicia queren realizar accións de coidado do monte, a restauración de espazos queimados e a prevención de incendios forestais. O proxecto está tamén pensado para que calquera colectivo (comunidades de montes veciñais, asociacións veciñais, grupos de sendeirismo...) poida implicarse na organización dunha brigada local. Así, aqueles colectivos locais ou titulares de parcelas forestais que queiran establecer unha Brigada no seu territorio, poden anotarse por medio da web no formulario de incorporación de parcelas.

"As accións das Brigadas, cun non menos importante sentido de convivio e comunidade, artículanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal ofrecido ás voluntarias)", destacan.

Traballo das brigadas, o pasado 21 de abril en Froxán © Verdegaia
Traballo das brigadas, o pasado 21 de abril en Froxán © Verdegaia
Traballo das brigadas, o pasado 21 de abril en Froxán © Verdegaia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.