A plataforma Stop Desafiuzamentos da Coruña vén de alertar dunha "nova técnica de intimidación a domicilio" que, segundo asegura, puxo en marcha o subdelegado do Goberno central na Coruña, Jorge Atán, "man a man co delegado Samuel Juárez". Tal e como denuncia o colectivo, e ademais da importante vaga de sancións e identificacións na cidade a diversos activistas, o Executivo do PP está a "despregar tamén estratexias intimidatorias máis sibilinas".
Activistas de Stop Desafiuzamentos reciben "advertencias" por desobedecer a policía en actos nos que non estiveron presentes
Segundo asegura Stop Desafiuzamentos, varios membros deste colectivo recibiron unha notificación -baixo o concepto Advertencia- unha notificación asinada polo subdelegado Atán na que se lles acusa de "desobedecer a axentes da Comisaría Provincial da Coruña, sen especificar nin onde nin no marco de que tipo de situación, pero ameazando con poñerlles multa se non modifican no futuro o seu suposto comportamento". "Archivo propuesta de iniciación y advertencia", pon a carta, tal e como se pode comprobar na fotografía adxunta.
A plataforma asegura que os seus servizos xurídicos lle confirmaron que este envío de cartas "intimidatorias" non é un protocolo legal contemplado entre as posibilidades de comunicación coa cidadanía, nin por parte da Delegación nin por parte da Subdelegación do Goberno. Ademais, advirten, os compañeiros agora advertidos "non foron identificados en momento ningún do día sinalado na carta recibida". "Polo tanto, parece que o recado que pretende darlles a Subdelegación é que sexan conscientes de que están 'baixo control', se cadra mesmo que existen listas negras, procurando que o medo ás represalias económicas as disuadan de participar en futuras mobilizacións sociais", reflexionan.
"A Subdelegación quere que sexan conscientes de que están 'baixo control' e mesmo de que existen listas negras"
Stop Desafiuzamentos "denuncia e condena esta actitude de acoso por parte do Goberno do Partido Popular", ao tempo que se solidariza coas compañeiras e din que fan "unha vez máis" súa a máxima de que "se tocan a un/ha, tócannos a todos/as”. A plataforma lembra que xa son "numerosísimas" as sancións impostas polo Executivo do PP contra as persoas que participan en todo tipo de movementos sociais, tanto a nivel galego –a terceira comunidade máis multada-, como estatal. "A día de hoxe non hai concentración ou manifestación, sexa feminista, ecoloxista, antifascista, pola sanidade ou o ensino público, contra estafa bancaria, a favor do dereito á vivenda ou calquera outro dereito social, que non teña lugar rodeada de policías armados con material antidisturbios", aseguran.
"A este coaccionante contexto engádeselle ademais o hábito obsesivo da policía de identificar as persoas que reivindican dereitos sociais, a hipersensibilidade destes corpos á hora de considerar que se está a interromper a orde pública, e a man rápida das Subdelegacións e Delegacións do Goberno para desenfundar propostas de sanción económica", insisten.
Varios colectivos sociais levan tempo denunciando a masiva campaña de multas e ameazas de sancións recibidas por manifestarse
De feito, segundo publicou Praza, máis de cen persoas foron sancionadas en Galicia pola súa participación en manifestacións celebradas durante os anos 2012 e 2013 nas rúas do país. Concretamente, foron 110 os expedientes incoados e case 30.000 euros (28.164) os cartos reclamados polas devanditas sancións, o que supón unha media duns 256 euros por cada multado. Ademais, diversos colectivos denunciaron tamén a masiva campaña de multas ou de ameazas de sancións recibidas por participar en diferentes mobilizacións. Queremos Galego, Contraminacción, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Stop Desafiuzamentos ou plataformas de afectados polas preferentes censuraron o "acoso" que sofren e denunciaron unha "criminalización" dos movementos sociais en Galicia por parte da Delegación do Goberno.
Stop Desafiuzamentos da Coruña leva tempo denunciando esta situación coa campaña Múltannos a nós para asustarte a ti. O colectivo denuncia que está a ser "vítima dunha constante tensión burorrepresiva, ao igual que a maioría de colectivos sociais que visibilizan as súas reivindicacións na rúa". "O obxectivo é que a sociedade sinta temor do caro que lle pode saír expresar as súas críticas públicamente, estratexia do medo que o Goberno intensifica habilmente cercando calquera tipo de mobilización pacífica, sexa ou non numerosa, cunha cantidade de antidisturbios tan escandalosa que acotío son máis en número que as propias manifestantes", lembra.
Stop Desafiuzamentos acumula 12 notificacións de sancións administrativas por valor de máis de 4.000 euros e seis activistas teñen procesos xudiciais abertos e serán xulgados o vindeiro 28 de maio por suposta desobediencia durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés o pasado novembro; outras tres acudirán a xuízo o 11 de xuño como represalia por teren denunciado os insultos do responsábel da Área de Servizos Sociais da Coruña, Xosé Luis Quintela, contra a citada usuaria de ditas instalacións; e tres máis serán xulgadas nos próximos meses por teren solicitado o número de identificación a un policía que previamente lles pedira o DNI, o día do desafiuzamento de Aurelia Rey.
Malia a todos estes ataques, Stop Desafiuzamentos di que "estas estrataxemas empregadas polo poder electoralmente instaurado non fan máis que evidenciar a súa impotencia ante o poder moral do pobo desafiuzado, roubado para rescatar uns bancos que manteñen abandonadas as vivendas que nos negan a todas e todos nós". "Cada ataque recibido é un pequeno obstáculo no camiño que iremos solventando até chegar a unha vitoria que estamos seguras de alcanzar", rematan.