As contradicións sobre a mina de Corcoesto chegan aos concellos afectados

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

A mina a ceo aberto de Corcoesto provoca tamén contradicións dentro dos equipos de goberno dos concellos achegados e afectados pola explotación. O Concello de Coristanco é un deles. Mentres o seu alcalde, Antonio Pensado, declarou nalgunha ocasión a súa oposición ao proxecto e incluso a administración local presentou alegacións á ampliación da infraestrutura, o seu tenente de alcalde, Juan García Velo, apoia coa súa sinatura as intencións da multinacional Edgewater ante o Parlamento Europeo xunto cos rexedores de Cabana de Bergantiños ou Ponteceso.

O Concello de Coristanco presenta alegacións ao proxecto e o seu alcalde critica a mina, pero ao tempo apóiaa ante o Parlamento Europeo

Iso é o que denuncia a plataforma Salvemos Cabana e o que se pode comprobar a través das declaracións e dos documentos oficiais saídos do Concello de Coristanco. O seu alcalde, Antonio Pensado, deixaba claro hai tan só uns días en Radio Coruña-Cadena Ser que "tal e como está o proxecto" non podía dicir "que sexa positivo" para as parroquias da súa vila. "Hai unha forte preocupación, si que a hai", recoñece o rexedor, que aclara que a balsa de lodos prevista nos traballos da mina sitúase "nos termos municipais" do seu concello e incluso aclara que estaría situada enriba "dun dos mananciais que subministra auga á parroquia de Cereo". Tamén afectaría a Valenza, que xunto a Cereo é un lugar dedicado á produción agrícola de calidade.

De feito, Antonio Pensado xa advertiu da presentación de alegacións aos novos permisos de exploración e ampliación mineira da empresa (Julia 2), que sorprenderon o propio concello polo que supón en canto ao aumento das zonas afectadas pola mina. Así, a administración local, a través de Monteoliva Arquitectura, empresa encargada da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, vén de presentar alegacións a este novo permiso ao implicar "unhas graves afectacións de tipo ecolóxico, económico, humano, social e territorial" pola proximidade das vivendas afectadas polas 21 cuadrículas mineiras que se contemplan, que nos casos máis próximos están "entre os 49 e 356 metros".

O alcalde recoñece as graves afectacións da mina, pero o seu tenente de alcalde asina a prol dela ante os europarlamentarios

Malia estas reticencias, Salvemos Cabana revela que o tenente de alcalde de Coristanco é un dos asinantes do escrito remitido pola agrupación Corcoesto Si, Mina Si a todos os eurodeputados españois e no que, xunto cos rexedores de Ponteceso e Cabana, apoia os plans de Edgewater, que "destaca o apoio dos nosos principais representantes políticos nos concellos afectados polo proxecto".

Para Salvemos Cabana, estas contradicións "deixan en evidencia a dobre moral coa que está a actuar o equipo de goberno de Coristanco, en especial dende a propia alcaldía". "Por unha banda intenta acalar as críticas facendo ver os veciños das parroquias afectadas que se está a loitar contra o proxecto mineiro, pero por outra apoia abertamente e sen reparos a iniciativa nas máis altas instancias a nivel europeo para que este sexa aprobado".

"Actitudes como esta, de facer unha cousa e xustamente a contraria, confundindo á cidadanía e beneficiando en definitiva a unha empresa que defende un plan de imprevisibles consecuencias para a comarca de Bergantiños, han de ter un claro reflexo nas urnas, porque os cargos públicos débense aos seus representados, e non hai peor descrédito que terxiversar a vontade popular a prol dun proxecto a todas luces insostible", remata a plataforma.

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco Dominio Público @manuelanxoo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.