As denuncias por violencia de xénero crecen un 16% no último ano

Denuncias por violencia de xénero presentadas en Galicia Dominio Público Praza Pública

No primeiro trimestre de 2017 presentáronse en Galicia un total de 1.574 denuncias por violencia de xénero, un 16,2 % máis que no mesmo período do ano anterior, cando se presentaran 1.355. Observando os datos dos últimos anos, apréciase unha evidente evolución crecente, sobre todo no último ano. 

O número de denuncias presentadas cada trimestre en Galicia adoita moverse dende a pasada década ao redor das 1.300, aínda que en 2012 e 2013 chegou a descender ata as 1.100, como un efecto derivado da crise económica e dunha maior dependencia das súas parellas de parte das mulleres agredidas. Os datos do primeiro trimestre de 2017 son os máis elevados da última década.

Galicia segue sendo unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10 000 mulleres) máis baixa do Estado, con 10.11 persoas, fronte ao 16.03 de media estatal. Con todo, nesta taxa máis reducida inflúe moito o feito de que en Galicia hai unha maior proporción de mulleres de máis de 65 anos, un grupo de idade cunha menor proporción de denuncias.

Crece igualmente o número de ordes de protección incoadas e concedidas. No primeiro trimestre deste ano foron 356, sobre un total de 469 solicitudes, o que o que supón un incremento do 26,8%. Tamén este indicador se sitúa nos niveis máis elevados nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.