As denuncias por violencia de xénero seguen caendo, sobre todo entre as mulleres máis novas

Casos de violencia machista denunciados, por idade da denunciante Dominio Público Praza Pública

Os casos de violencia de xénero denunciados, e nos que a vítima acadou unha orden de protección ou outro tipo de medidas cautelares, seguen desendendo en Galicia e no conxunto de de España. Esta, que podería constituír unha boa nova, tamén podería ser un indicador dunha violencia soterrada e oculta que en moitos casos non ve a luz e non se denuncia, sobre todo dende o comezo da crise económica. En concreto, en 2014 houbo 1.215 casos rexistrados de violencia de xénero en Galicia, unha cifra en constante descenso, dende os 1.368 casos de 2011, os 1.294 de 2012 e os 1.253 de 2013. No conxunto de España a tendencia é semellante, pasando dos 32.242 casos de 2011 aos 27.087 casos o pasado ano.

As estatísticas publicadas polo INE a partir dos datos do Rexistro como vítimas de violencia de xénero do Ministerio de Xustiza ofrecen tamén información sobre a idade das denunciantes e dos denunciados, un perfil que nos últimos tempos foi sumando anos. Dende o 2011 diminuíu especialmente o número de casos nos que a vítima tiña menos de 25 anos (pasaron de 202 a 165) ou entre 25 a 44 (de 831 a 702), mentres que pola contra se incrementaban os casos que afectaban a mulleres entre 45 e 64 anos (creceron de 296 a 301) e a mulleres de máis de 65 (de 39 a 47).

Dende o 2011 diminuíu especialmente o número de casos nos que a vítima tiña menos de 25 anos (pasaron de 202 a 165) ou entre 25 a 44 (de 831 a 702)

O Rexistro permite igualmente observar o tipo de relación de parella que manteñen vítima e agresor. Na meirande parte dos casos o denunciado é o cónxuxe (29%), aínda que a súa proporción está a descender (era o 34% en 2011), en paralelo coa diminución do peso do matrimonio nas relacións. As parellas de feito supoñen xa o 23% dos denunciados, e as ex-parellas de feito outro 15%. Ex-mozos (14%) e mozos (12%) son a seguinte categoría en importancia, por riba dos ex-cónxuxes (6%) e as persoas en proceso de separación (2%).

Casos de violencia machista denunciados, por idade da denunciante Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.