“Cando saimos de alí, conducimos tres ou catro horas sen parar co único obxectivo de afastarnos o máximo posible”. Nacho Carretero, xornalista galego, narra así a súa fuxida do centro penitenciario de Raiford (Florida), nos Estados Unidos. Unha forma de evasión da realidade que acababa de vivir naquel lugar que todos coñecen como o corredor da morte.
O periodista coruñés entrevistou alí durante dúas horas a Pablo Ibar, español que leva 18 anos preso e que foi condenado a morte por asasinato. A única proba que hai contra el é un vídeo borroso, xa que nin o sangue, nin o ADN, nin as pegadas se corresponden coas súas. Pero alí segue, agardando “un xuízo xusto” pero sabendo que unha gadaña terma sobre a súa cabeza.
Carretero entrevistou a Pablo Ibar, condenado a morte por asasinato malia que non hai proba ningunha concluínte contra el
Na súa entrevista, publicada no diario Qué e no Diario Vasco, Nacho Carretero expresa con claridade e crueza o sentir dun home condenado a morte e encerrado nunha cela de dous metros por tres da que tan só sae dúas veces por semana. Agora, explica en Praza as súas sensacións. As que lle produciu un lugar “arrepiante e que dá calafríos”. Desde o inicio e até o final.
Carretero tardou catro meses e medio en xestionar a entrevista, os que pasaron desde que contactou por primeira vez co cárcere e até que falou con Pablo Ibar a través dun cristal blindado. “A burocracia é moi esixente, pero efectiva; precisas un visado, arranxar papeis na Embaixada, varios permisos e até un certificado que demostre que non tes antecedentes penais... É daquela cando deciden se che dan o permiso ou non”, explica. Déronllo e viaxou a Florida xunto a un compañeiro.
E chegaron a Raiford, unha pequena aldea “no medio da nada” onde se atopa o complexo carcelario. Unha vila que ten dez veces menos habitantes que o cárcere que acolle. Unhas 250 persoas fronte ás 2.500 do seu edificio veciño. E aló foron. “Impresiona bastante e a tensión aumenta a medida que vas entrando no recinto, sobre todo cando che fan baleirar os petos e te rexistran”, explica. “Tes que enviar unha lista con todo o que vas pasar dentro; se levas un bolígrafo de máis, tes que deixalo fóra”, conta.
A cadea está en Raiford e conta con dez veces máis poboación que a vila onde se sitúa
No recinto non todos os presos están condenados a morte. Hai 400 coa pena máxima e moitos outros con cadena perpetua ou moi longa. Non se mesturan. “Os condenados a morte levan un mono laranxa e o resto azul”, explica.
“É todo moi peliculeiro: ábrese unha verxa, e outra e outra máis... E atravesas un patio duns cen metros que percorres a través dunha alambrada. A sensación é angustiosa”, aclara Carretero, que puido fixarse nunha sala chea de presos mentres agardaba nunha cabina a chegada de Pablo Ibar. “Foi desacougante; estaban nas mesas sen facer nada, mirando ao infinito, sen distración ningunha... Xa estaban esmagados”, conta con dureza.
"É desacougante; ves presos que non fan nada, só miran ao infinito, sen distración ningunha... Xa están esmagados"
Porque esa é a sensación que ten o xornalista galego e o mesmo que lle explicou Pablo Ibar: “Moitos perden a cabeza completamente”. E non é de estrañar. Os condenados a morte están en habitáculos de dous metros por tres, non poden falar por teléfono e só reciben cartas e tan só saen da cela dúas veces por semana. “Hai moitos presos aos que no visita ninguén desde hai 15 anos e contáronnos casos de violadores de menores que nunca saen do habitáculo porque os matarían... Levaban decenas de anos na cela!”, conta Carretero, que oíu como Pablo Ibar lle contaba tamén as “condicións extremas, as fortes pelexas e outras cousas que di que nunca contará na vida”. “O que hai alí son dous castigos: estar encerrado nese sitio e estar agardando a morte”, asegura.
"Sofren dous castigos: estar encerrados nese lugar e estar agardando a morte"
“É arrepiante; cando estás alí non pensas en se o condenado merece ou non esa pena, senón que sentes unha empatía inmediata cara a eles; é inevitable sentir un calafrío”, recoñece Carretero, que considera que “o sistema penal americano entende o que lles pasa como un castigo xusto”. “Creo que nós temos outra mentalidade”, asegura.
"É arrepiante; cando estás alí non pensas en se o condenado merece a pena, senón que sentes unha empatía inmediata cara a el"
O xornalista galego nunca esquecerá o momento da entrevista a Pablo Ibar e unha chea de detalles que se lle quedarán gravados para sempre na súa mente. “É moi duro: saúdas xuntándolle a man a través dun cristal e ao principio hai tensión, pero en canto se relaxa conta cousas moi duras, québraselle a voz, resopla...”, relata Nacho Carretero, que ten un momento metido na cabeza que non se lle dá ido. “Xusto cando marcha e xunta as mans detrás para que lle poñan as esposas; daquela miroume e volveu resoplar, quizais pensando en que tiña que volver dentro a revivir todo o que nos estaba contando”, engade o periodista, que lembra que “pase o que pase” ao preso español “quédanlle moitos anos dentro desa prisión”.
No mellor dos casos, entre oito e dez anos. “Probablemente non o condenen a morte, pero xa non sei que preferiría eu se estivese no seu lugar”, asume Nacho Carretero, que explica que “os presos non se suicidan porque esa tamén é outra maneira de castigalos: evitar que se quiten a vida”. “Moitas cousas das que suceden alí non se contan e o propio Pablo recoñece que hai cousas que nunca explicará”.
"Evitar que se suiciden é outra maneira de castigar os presos"
Si conta como “moitos dos encerrados non razonan, fóiselles a cabeza” e, logo da longa conversa con Pablo Ibar, entende que a única forma de non caer nese precipicio é “a esperanza”. “Se a perdes, perdes a cabeza e é lóxico que esa esperanza se alimente moito máis se es inocente”, di. Tamén a familia. E aí Carretero quere destacar a do preso español e, en especial, a figura da súa muller. “Unha persoa que tiña 18 anos cando el entrou na cadea e que estivo sempre ao seu carón, que conduce nove horas cada fin de semana para ir velo; todas as semanas. O seu é amor puro, dedicación e un exemplo de comportamento”, explica.
"A miña impresión é que é inocente, pero iso non é o importante, o importante é que ninguén merece que o executen"
E é inocente? “Polo que me transmitiu el e a súa familia, a miña percepción é que é inocente, pero isto é só unha opinión e non creo que sexa importante; se eu fixen isto foi porque creo que ninguén merece que o executen, porque eu non creo neste método de xustiza”, remata Nacho Carretero, que como o propio Pablo Ibar, pide que ninguén se esqueza del, dun condenado a morte condenado tamén a vivir nese horrible escenario. Para pedir que non o executen, pódese asinar aquí.