As edificacións ilegais tamén se derruban

Dous dos tres edificios xa foron derrubados, e o terceiro está sendo demolido esta semana © Que pasa na costa

As edificacións ilegais, agás excepcións, tamén se derruban. Pode que sexa un proceso longo, pode que tarde anos, pero ao final, son demolidas. Na Costa da Morte temos varios exemplos recentes, que recolle o xornal Que pasa na costa. A comezos de mes daba conta de que dous hoteis ilegais estaban sendo derrubados en Muros, e este xoves salienta a demolición de tres edificios máis en Fisterra.

No caso de Muros, a Axencia de Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta ordenara a deolición ao constatar que non dispuñan de licencia municipal. Foron os propios promotores os que procederon á demolición voluntaria destas infraestructuras tras varios incumprimentos e a imposición de varias multas. En febreiro de 2010 ditouse a execución forzosa, confirmada de novo polo TSXG en 2012.

En Fisterra, pola contra, tratábase de tres casas sen rematar no lugar da Insua, en Mar de Fóra, construídas sen licenza e sen autorización autonómica en solo rústico de protección de costas. A orde de demolición data de 2010 e non foi até a imposición dunha multa de 400.000 euros ao propietario o pasado mes de xaneiro, que este accedeu ao derrube, que reabaixará a multa nun 80%. O BNG culpa da situación ao goberno municipal e á “falta de PXOM e a irresponsable xestión urbanística da alcaldía baseada no ti vai facendo", que se paga agora con durísimas consecuencias”. 

Dúas das tres edificacións situadas a carón da praia, aínda virxe, de Mar de Fóra, xa foron demolidas a semana pasada, e a terceira está sendo derrubada estes días. Fixeron falta seis anos dende as primeiras denuncias, publicadas en Que para na costa, que lembra así mesmo que toda a zona carece de ningún tipo de ordenación. Naquel momento o xornal recollía unha denuncia anónima, que aseguraba que "hai un par de anos non había nin unha casa nesta zona, pero xa vemos que, tras darse a coñecer esta zona logo do Prestige, hai xente que decidiu apropiarse das súas vistas, non respectando en absoluto unha praia tan única e bela como Mar de Fóra".

Dous dos tres edificios xa foron derrubados, e o terceiro está sendo demolido esta semana © Que pasa na costa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.