As entidades LGBTI reclaman algo máis que "respecto"

Román Rodríguez e Alfonso Rueda, na presentación da campaña, o mes pasado © Ana Varela

"Eu respecto". O pasado mes de febreiro, a Xunta de Galicia iniciou unha campaña de "sensibilización para igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI" nos centros de ensino, nos que distribuíu uns cinco mil carteis con este lema. Unha sensibilización que, vendo algúns casos recentes de acoso (os publicados polos medios e, sobre todo, os moitos que suceden de forma cotiá e fican invisibilizados), semella máis que necesaria. A campaña enmárcase no desenvolvemento da Lei 2/2014 pola Igualdade de trato e a non discriminación, unha norma que foi pioneira no Estado, que contou cun apoio case unánime no Parlamento (abstívose AGE), pero que dende o inicio recibiu fortes críticas das entidades LGTBI, que consideraban que as modificacións efectuadas polos Partido Popular a baleiraran de contido.

"A campaña ten os mesmos problema que a propia lei á que fai referencia, que é unha lei simplemente tendencial, unha lei que podemos cualificar de anxelical (...) Non se poñen obrigas, nin sequera para a propia administración, para evitar esa discriminación"

A mesma valoración crítica está a facerse da campaña Eu respecto, que é sinalada polo seu carácter ambiguo e "difícil de interpretar", como destaca de forma moi clara Carlos Callón nun vídeo, no que -iso si- recoñece os aspectos positivos da iniciativa posta en marcha polo Goberno galego: "aínda que sexa de forma tardía e tímida, existe unha campaña que fala da tolerancia e do respecto ás persoas que falan de forma diversa". Porén, Callón subliña que "a campaña ten os mesmos problema que a propia lei á que fai referencia, que é unha lei simplemente tendencial, unha lei que podemos cualificar de anxelical (...) Non se poñen obrigas, nin sequera para a propia administración, para evitar esa discriminación".

Alberto Hernández Platero, coordinador da entidade compostelá Ultreia LGTBI, afirma que "a campaña Eu respecto pillounos a todos e todas por sorpresa. O goberno da Xunta non falou con ningún colectivo para a elaboración desta campaña" e cualifícaa como "unha medida moi tímida e sen grande alcance nin distribución por toda Galicia". Ademais, en referencia ao contido, di que "parece estar feita e promovida por xente que non ten nin idea da realidade cotiá do colectivo LGTBI. O propio lema o demostra: Eu respecto... pero non teño nada que ver, a miña posición é totalmente neutral, semella dicir". "Consideraríamos máis visual, máis rechamante, máis pedagóxico incluso, un cartel cunha bicada entre dous homes ou dúas mulleres, ou que mostrase a imaxe dunha persoa transexual, ou dunha familia homoparental", engade.

Callón realiza no vídeo unha análise semellante: "Esta campaña, ao igual que outras iniciativas, ten un problema de focaxe básica: Cando di 'Eu respecto' é porque 'Eu non teño nada a ver'. É como dicir 'Eu que non son', 'Eu que son un mero espectador da diversidade sexual, son capaz de respectala". "O que acontece é que a sexualidade humana é, por característica, diversa. Nin tan sequera as letras LGTBI son suficientes. Non chega con todas as letras do dicionario para falarmos da diversidade sexual do ser humano", conclúe. "Se o Goberno galego de verdade quere avanzar nesta temática, o que ten facer é incluíla nos currículos dos centros de ensino. Por exemplo, se Eduardo Blanco Amor ou Federico García Lorca foron homes que amaron outros homes e iso ten moita importancia nas súas peripecias vitais e tamén para comprendermos a súa obra literaria, pois que se nos diga nos libros de texto", propón.

"A que centros educativos van chegar os cartaces? Vaise explicar aos alumnos e alumnas a campaña? Vanse facer partícipes dela e traballar a temática nas aulas? Temos moitas dúbidas de que o enfoque desta campaña sexa o correcto"

A entidade coruñesa A.L.A.S. afirma que "toda medida destinada a favorecer a visibilidade e fomentar o respecto cara o noso colectivo é benvida". Porén, subliña que é "unha medida de moi baixo calado e pouco impacto, sobre todo tendo visto o deseño dos cartaces que, sen unha explicación supletoria, non van ser entendidos polos alumnos e alumnas dos centros". "A que centros educativos van chegar os cartaces? Vaise explicar aos alumnos e alumnas a campaña? Vanse facer partícipes dela e traballar a temática nas aulas? Temos moitas dúbidas de que o enfoque desta campaña sexa o correcto", sinala. De igual xeito, ALEAS cualifícaa como "ambigua" e "insuficiente", destinada "a cubrir o expediente por parte da Xunta". "Limítase a poñer a bandeira do colectivo LGTBI no cartaz e está completamente falta de contidos e de pedagoxía, cremos que non será todo o útil que debería".

 

A Lei 2/2014

Para ALAS, a lei que finalmente aprobou o Parlamento galego é "unha boa declaración de intencións" e destaca que foi "o xerme para a xestación doutras leis más avanzadas que existen agora en outras comunidades autónomas". Porén, sinala que "debido á criba que sufriu durante o proceso parlamentario, non podemos dicir que o resultado sexa o mellor dos posibles". "Hai moitas inconcrecións e faltan temas moi relevantes como poden ser a creación de protocolos de actuación ante agresións que aplicar no ámbito policial e da xustiza, a toma de medidas específicas para o tratamento nos Centros Penitenciarios sobre todo das persoas trans, ou a estipulación dun réxime sancionador, entre outros".

ALEAS é mesmo máis crítica: "É unha lei que quedou baleira de contidos polas emendas do PP e quedou nunha mera declaración de intencións, o cal dá como resultado campañas coma esta que non serven para a normalización do colectivo LGTBI. Cando foi aprobada presumiu de ser unha lei pioneira, e hoxe, dous anos despois, vemos que os resultados da mesma son nulos e que a Xunta aproveitouna coma unha campaña publicitaria". E en termos semellantes exprésase a Asociación Nós Mesmas, de Vigo, que cualificou a norma aprobada na cámara de "farsa", sinalando que "a modificación parlamentaria transformou o proxecto inicial, que avanzaba na protección e garantías non discriminatorias para o colectivo e que foi feito desde o diálogo coas asociacións LGTBI, nunha lei cortina que non implica ningún avance real nos dereitos das persoas LGTBI", unha lei "cun nome que induce a engano" e que se converteu "nun documento propagandístico para o PP".

"Trátase dunha lei partidista, redactada e aprobada sen consensuar coas asociacións LGTBI de Galicia. E ademais, os seus contidos nin sequera se aplican"

Ultreia amósase igualmente moi crítica coa norma aprobada polo Parlamento galego: "Trátase dunha lei partidista, redactada e aprobada sen consensuar coas asociacións LGTBI de Galicia. E ademais, os seus contidos nin sequera se aplican. Temas como a educación ou a sanidade non están ben profundizados, non tratando así a transexualidade no ensino, nin os dereitos reproductivos de mulleres lesbianas e bisexuais", di, engadindo ademais que "falta un réxime sancionador". Engade que "nin sequera se di claramente cales son os órganos responsables destas competencias, cargando nalgúns casos con esta responsabilidade aos concellos, que en moitos casos non teñen capacidade para poñer en práctica as competencias que lles outorga a lei". "Estes temas, xunto cunha linguaxe con palabras ao estilo promoverase en vez de farase, fan que estas sexa a lei máis feble do Estado español", conclúe, propoñendo que se redacte de novo "completamente", seguindo modelos "como a de Estremadura, a norma que consideramos máis avanzada no conxunto de leis aprobadas".

 

Como mellorar a aplicación da lei?

A.L.A.S. reclama unha "implicación real" da administración que "só se pode obter mediante compromisos reais e non meras suxestión que de seguro rematarán ignoradas nun caixón tal e como está a suceder xa agora". Propón, por exemplo, "a creación de servizos de mediación LGTBI que dean apoio ás persoas destes colectivos". "Non podemos nin debemos agardar a un futuro indeterminado mentres se seguen a producir a diario delitos de odio por materia de discriminación por orientación sexual e/ou identidade de xénero", destaca.

"Onde está a inclusión da realidade LGTBI de manera transversal nos plans de estudos e na formación do persoal docente?", pregúntase ALAS

"Onde está a inclusión da realidade LGTBI de manera transversal nos plans de estudos e na formación do persoal docente?", pregúntase. "A día de hoxe, toda a realidade LGTBI que se transmite nos centros educativos se limita a unha charla anual nalgúns centros de secundaria e impartidas tan só en certos cursos ou aquelo que o profesorado decida tocar nas aulas motu proprio", denuncia.

Neste senso, o pasado 10 de febreiro a deputada do BNG Carme Adán preguntoulle no Parlamento ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre as medidas adoptadas polo Goberno galego para o desenvolvemento no ámbito educativo da Lei 2/2014, ao fío dos varios casos denunciados de acoso nas aulas contra menores transexuais ou homosexuais: "Quero lembrarlle que os estudos falan de que o 95 % dos nenos e das nenas trans sofren acoso escolar, o cal é unha realidade que nos debe de preocupar", sinalaba a deputada. Na súa resposta, o responsable de Educación, destacou que a administración realizara xa "adaptacións dos currículos, tanto no ámbito nacional como no ámbito autonómico, de xeito que o alumnado galego reciba unha axeitada formación en valores". E tamén anunciou a presentación, en breve, dun "protocolo no cal se vai dar unha resposta a todo o que ten que ver co dereito á identidade de xénero". Despois de que Adán lle pedise máis concreción, por exemplo no relativo á "formación do persoal docente", Rodríguez destacou a posta en marcha dun "grupo de traballo entre a Consellería e as tres universidades, representadas polos seis decanos de Educación", para "adecuar os contidos formativos do grao e tamén dos másteres de profesorado ao que son as novas realidades sociais e educativas".

"Onde están as accións formativas a incluír nos plans de formación para os corpos e forzas de seguridade? Onde está a colaboración estreita coas organización e colectivos LGTBI desenvolvendo campañas que impulsen as nosas accións para achegalas a toda a sociedade?", pregúntase igualmente A.L.A.S. "É tan pouco o que aparentemente se está a facer, que a lista é interminable. De nada serve unha lei con importantes carencias e que non se está a aplicar", conclúe. No mesmo senso, ALEAS pide "dotar de concrecións e compromisos" á lei. "Non abonda con avogar, hai que poñerse obxectivos e cumprilos", di e demanda "recuperar o apartado das penalizacións eliminado polo PP, parte fundamental para protexer as persoas LGTBI".

 

Como mellorar o traballo nos centros de ensino?

"O método claro nos centros educativos é traballar o tema directamente nas aulas. Que os alumnos aprendan a comprender a diversidade na orientación sexual e identidade de xénero que existe no noso mundo, non só respectar algo que non coñeces"

"O método claro nos centros educativos é traballar o tema directamente nas aulas. Que os alumnos aprendan a comprender a diversidade na orientación sexual e identidade de xénero que existe no noso mundo, non só respectar algo que non coñeces", propón Ultreia. "A través de charlas, de traballos en equipo, de actividades como xogos de rol, os rapaces, e incluso os profesores, poden descubrir a nosa realidade, e mesmo favorecer a visibilización de persoas do colectivo nos propios centros e loitar contra o bullying LGTBIfóbico. Porén, en moitos centros falta iniciativa, mesmo por LGTBIfobia nalgúns docentes, e tamén formación", destaca.

"O primeiro e máis necesario é a introdución da diversidade sexual no currículo escolar e no temario. Tamén unha loita efectiva de denuncia do bullying"

"O primeiro e máis necesario é a introdución da diversidade sexual no currículo escolar e no temario. Tamén unha loita efectiva de denuncia do bullying. Contar co tecido asociativo, organizacións e activistas LGTBI para crear campañas e realizar charlas. Algo tamén importante é apoiar ao profesorado LGTBI para que sexa visible, combatendo a discriminación e servindo ao alumnado de referente", subliña ALEAS.

"A responsabilidade non debe volcarse unicamente nos alumnos e alumnas nin dirixir as actividades só aos nenos e nenas, senon tamén aos docentes e ás familias"

Mentres, dende A.L.A.S, lémbrase que "as aulas son un dos espazos de maior risco para as persoas do colectivo LGTBI", pois "os casos de acoso lgtbifóbico teñen lugar todos os días nos colexios, polo que o traballo non debe desenvolverse só a posteriori". "A responsabilidade non debe volcarse unicamente nos alumnos e alumnas nin dirixir as actividades só aos nenos e nenas, senon tamén aos docentes e ás familias", din. "É imprescindible traballar en detectar o acoso lgtbifóbico nas aulas e iso comeza pola concienciación do profesorado, xa que cando un alumno ou alumna chama maricón a un compañeiro, a resposta do adulto adoita ser máis benevolente que se se tratase doutra actitude discriminatoria", comentan. "Por outra banda cómpre revisar os materiais didácticos que se lle proporcionan aos alumnos e alumnas, xa que son na súa maioría non inclusivos e discriminatorios, por non falar da escasa existencia de materiais para unha educación diversa", engade.

"En relación ao traballo cos nenos e nenas, é necesario comezar a facelo dende idades moi temperás, que é cando comezan a construír a súa identidade"

"En relación ao traballo cos nenos e nenas, é necesario comezar a facelo dende idades moi temperás, que é cando comezan a construír a súa identidade e ata agora todos e todas o teñen feito en base á heterosexualidade e ao binarismo de xénero socialmente aceptado", subliñan. "É moito máis efectiva unha educación na que lles falemos aos alumnos e alumnas, por exemplo, de diversidade familiar, que encher os corredoiros dos colexios con carteis informativos que promovan o respecto, que deberían ter un papel mais complementario ou de reforzo", conclúe a entidade coruñesa.

 

Cartel da campaña 'Eu respecto' © Xunta
Román Rodríguez e Alfonso Rueda, na presentación da campaña, o mes pasado © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.