A mina de Corcoesto “suporá un investimento de 110 millóns de euros e a xeración de 1.371 postos de traballo”. Alberto Núñez Feijoo sorprendeu a todos con esta declaración na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves, no que se aprobou a nova Lei reguladora da política industrial de Galicia, unha norma orientada a facilitar a implantación de grandes proxectos e da que o plan da empresa canadiana Edgwater de explotar unha mina de ouro a ceo aberto será a primeira en beneficiarse. A lexislación adáptase deste xeito ás necesidades dos proxectos e das empresas e, como salientou Feijoo, permitirá a Edgewater “aforrar un ano e medio de trámites administrativos”.
Pero sen dúbida o que máis chamou a atención da intervención do presidente da Xunta foi esa cifra de case 1400 postos de traballo. Sorprendeu porque entra en total contradición con todas as estimacións e declaracións efectuadas anteriormente. Nos últimos meses o alcalde de Cabana falou de 500, o concelleiro de Industria elevou a cifra a 800, aclarando que serían 271 empregos directos e outros 500 indirectos, e o propio proxecto presentado por Edgewater, que debería ser a referencia máis fiable, limita os postos de traballo creados a eses 271, 138 directos e 133 subcontratados.
Dende a plataforma pola defensa de Corcoesto críticase a falsidade e a propaganda dos responsables políticos que defenden o proxecto
Dende a plataforma pola defensa de Corcoesto críticase a falsidade e a propaganda dos responsables políticos que defenden o proxecto, e denúnciase que o Goberno “utiliza o medo ao paro e á crise” para poder “facer promesas e convencer a xente”. Estes 271 postos de traballo están perfectamente definidos no proxecto presentado pola empresa. Son 138 de persoal propio (10 enxeñeiros de minas, 6 xeólogos, 5 técnicos de seguridade e medio ambiente, 1 administrativo, 10 expertos en medio ambiente e riscos laborais para a planta de tratamento, 10 financeiros e contables, 5 encargados de compras e almacén e 3 encargados da recepción e da limpeza). E 133 de contrata (8 encargados da dirección da explotación mineira, 6 de topografía, 60 operarios -6 maquinistas, 40 condutores, 6 maquinistas de bulldozer...-, 11 mecánicos, 29 expertos en voaduras, 3 operarios non cualificados, 4 administrativos, 4 encargados do servizo de prevención e 8 expertos en sondaxes).
Polo tanto, ninguén se explica de onde obtén Núñez Feijoo eses 1.100 postos de traballo adicionais
Polo tanto, ninguén se explica de onde obtén Núñez Feijoo eses 1.100 postos de traballo adicionais. Mesmo asumindo que se poderían tratar de contratos sucesivos para labores relacionadas coa montaxe e desmontaxe da explotación, é evidente que non se pode afirmar que a mina vaia dar traballo a un milleiro de persoas, pois no propio proxecto prevese que moitos destes contratos teñan uns quince días de duración. “Así tamén chego eu a máis de mil empregos”, insiste un dos voceiros do colectivo contrario á mina, que cre que o Goberno “utiliza o medo ao paro e á crise” para poder “facer promesas e convencer a xente”.
Un dano irreparable á economía da comarca
“Aínda que creasen o emprego que prometen o impacto socioeconómico e ambiental da mina non compensaría"
A Plataforma calcula que destes 271, “non máis de vinte empregos serían para xente da comarca, porque o resto son para técnicos especializados da propia empresa e a través de subcontratas”. E de feito engaden que “aínda que creasen o emprego que prometen”, o impacto socioeconómico e ambiental da mina non compensaría: “Corcoesto dou traballo toda a vida a través de explotacións madereiras ou gandeiras, da agricultura... Se se abre esta mina todo isto desaparecerá e temos que ter en conta que afecta a dez quilómetros á redonda”.
Porque diso se trata. Do prexuízo irreparable que esta mina pode provocar non só no medio ambiente, senón nas actividades económicas, gandeiras, madereiras, agrarias ou turísticas da zona. Os colectivos opostos ao proxecto lembran que o método empregado para a obtención de ouro, separado a través do cianuro, xa foi prohibido por varios países e rexeitado polo Parlamento europeo e denuncian que a catalogación deste proxecto como “estratéxico” por parte da Xunta permitirá a Edgewater Exploration evitar moitas das esixente medidas medioambientais. A empresa canadiana aproveita tamén que a vella lei de mineiría española non estea preparada para enfrontarse á mineiría a ceo aberto e utiliza os baleiros legais para apostar por proxectos que lle sería moi difícil noutros estados.
A plataforma esixe, así mesmo, que a empresa presente un informe de Augas de Galicia no que avalíe a adaptación do proxecto, do uso das tecnoloxías a base de cianuro no mesmo, e da xeración de residuos con elevado contido en arsénico á Directiva marco sobre política de augas. Os colectivos demandantes están moi preocupados, en concreto, polos posibles efectos do cianuro e o arsénico sobre a rede hidrográfica da zona en xeral, e sobre o LIC Río Anllóns (Rede Natura) en particular.
Segundo a empresa estaría en funcionamento dez anos, cuns ingresos anuais de 60 millóns de dólares
A mina a ceo aberto terá unha extensión de máis de 700 campos de fútbol e segundo a empresa estaría en funcionamento dez anos, cuns ingresos anuais de 60 millóns de dólares. O dano para a paisaxe do lugar sería irreparable e a contaminación é igualmente inevitable. A extracción prevista de 30 mil toneladas de ouro xerará seis millóns de toneladas de refugallos cun elevado contido en xofre, que se almacenarán en balsas. Todo por dez anos de actividade, todo por 271 postos de traballo na extracción (posto que os restantes procesos se realizarían fóra de Galicia). A hipoteca do futuro de toda unha comarca