As Fragas do Eume, ante os mesmos riscos un ano despois do lume

O lume, perto das vivendas nas Fragas do Eume © Brif de Laza, Ministerio de Agricultura

"A Xunta de Galicia elude a súa responsabilidade sobre a necesaria planificación forestal no Parque Natural das Fragas do Eume". Os colectivos integrados na Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural denuncian, xusto un ano despois do grave incendio que asolou as fragas do Eume, "a inexistencia do obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión e dun plan forestal" o que "non só favorece ano tras ano o risco de incendios, senón que impide que as persoas propietarias poidan conciliar a explotación forestal e a conservación da biodiversidade".

Os colectivos ecoloxistas denuncian a inexistencia dun plan reitor e forestal para as Fragas do Eume

Segundo estes colectivos, e transcorrido un ano desde os lumes, a Consellería de Medio Ambiente "limítase a informar das medidas de urxencia adoptadas, silenciando os problemas de eucaliptización e ignorando as peticións de maior información de cara a consensuar os usos e aproveitamentos no parque". Segundo denuncian, o 22,5% do Parque Natural Fragas do Eume está ocupado por repoboacións de piñeirais ou eucaliptais, "realizadas moitas delas en terreos de alta pendente". "Foi precisamente nestes espazos, debido á alta pirofitidade producida polas resinas e alcois existentes na composición orgánica desas especies, onde o incendio ocorrido en 2012 tivo unha especial virulencia e onde a recuperación está sendo máis difícil", destacan.

Os colectivos ecoloxistas destacan que aínda que o lume se iniciou nunha zona de matogueiras, atopou nas repoboacións "un excelente combustible" que lle permitiu acadar as zonas de fragas. Así, destacan que nas zonas de rochedo se pode observar unha maior erosión e a perda de boa parte do manto protector, pero destacan "o acerto" de non autorizar talas prematuras nos espazos queimados, "evitando así danos no chan".

Acusan a Xunta de "silenciar os problemas de eucaliptización" e de "eludir a súa responsabilidade"

No entanto, censuran que os responsables de Medio Ambiente, na súa última nota de prensa, se limitasen a "informar das medidas de urxencia adoptadas, silenciando os problemas de eucaliptización e eludindo a súa responsabilidade sobre a necesaria planificación forestal no Parque Natural". "O eucalipto, en fase de rebrote despois do lume, ademais do alto risco de propagación de incendios, é unha ameaza real para a biodiversidade natural do bosque caducifolio atlántico, posto que non é unha especie autóctona e se convirte en invasora colonizando espazos máis aló das propias plantacións de monocultivos forestais", destacan.

"Medio Ambiente provoca a falta de avances no plan de usos ao impoñer a parálise dos órganos consultivos"

Por todo isto, denuncian que o ano 2012 pechouse, "ao igual que os anteriores", coa falta de avances cara á definición do obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión e dun plan forestal. "O borrador presentado en febreiro de 2011 resultou ser unha proposta insuficiente ou mesmo contraproducente de cara á conservación da biodiversidade", indican, tras destacar a "falta de avances derivada da parálise que os responsables de Medio Ambiente impoñen aos órganos, xa meramente consultivos, onde están representados os diferentes intereses".

"Durante o 2012 a Xunta non convocou a obrigada reunión ordinaria da Xunta Consultiva do Parque nin se realizaron outro tipo de xuntanzas onde achegar posturas. Só no mes de maio se celebrou unha reunión extraordinaria con carácter meramente propagandista para dar conta das medidas tomadas como consecuencia do incendio que sufriron as Fragas do Eume", din. 

Os ecoloxistas solicitan que se cumpran as normativas e se substitúan os eucaliptos e piñeiros por outro tipo de cultivos

Así, a través dun comunicado, os colectivos reivindican novamente que se cumpran as diferentes normativas. Segundo eles, a localización de eucaliptais e piñeirais na zona de transición entre as matogueiras e as fragas, e nos terreos de alta pendente, "son un risco e deben ser substituídos por outro tipo de cultivos caducifolios e non pirófitos compatibles coa conservación da biodiversidade e cos intereses das persoas propietarias".

Por iso, piden que estas medidas sexan integradas no PRUX e no plan de xestión forestal, "consensuados nun auténtico proceso de consulta e participación pública a través dos diferentes órganos (Xunta Consultiva, Consello Forestal, Consello Galego de Medio Ambiente, etc.)". "A Xunta debe proporcionar toda a cobertura técnica e facilitar que as persoas propietarias accedan aos recursos públicos dispoñibles para acadar que a declaración como Parque Natural sexa unha vantaxe para elas e para o conxunto da cidadanía, e un exemplo real de conservación do territorio protexido", rematan.

Camiño da Ventureira, nas Fragas do Eume, en marzo de 2012 CC-BY Iván Méndez
A Ventureira, nas Fragas do Eume, en febreiro de 2013 CC-BY Iván Méndez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.