As galegas que reducen a xornada laboral para coidar dos fillos triplican os homes

Nais participando nunha actividade dun colexio galego © CEIP Tirán

A conciliación da vida persoal e laboral é un dos obxectivos máis frecuentemente aludidos ao abordar os retos pendentes en materia de igualdade real entre mulleres e homes. A Secretaría Xeral de Igualdade do Goberno galego defínea como a "necesidade de compatibilizar o traballo remunerado co traballo doméstico e as responsabilidades familiares" e relaciónaa tamén "coa dispoñibilidade do tempo para o desenvolvemento persoal de cada individuo". Aínda que numerosos colectivos sociais e, en maior ou menor medida, tamén as Administracións públicas desenvolven diversos plans neste ámbito, o certo é que a conciliación segue ter ás mulleres como protagonistas indiscutibles.

Na liña do relatado hai poucos días -se cadra inconscientemente- por un xornal de ámbito estatal, que nunha reportaxe eloxiaba que os homes "colaboren" nas tarefas domésticas, unha ollada á análise que vén de realizar o Instituto Galego de Estatística sobre a enquisa de condicións de vida das familias permite coñecer que as mulleres galegas que reducen a súa xornada laboral para coidar dos fillos e fillas de entre 0 e 12 anos triplican os homes que fan o propio. Nomeadamente, en 2012 -último ano dispoñible- un total de 22.262 mulleres reduciron a súa xornada de traballo fóra da casa con esta fin, mentres que só o fixeron 7.870.

Máis de 22.000 mulleres reduciron a súa xornada durante 2012 para atender os fillos e fillas

Mentres que as mulleres son protagonistas indiscutibles á hora de reducir formalmente o seu horario laboral para o coidado dos pequenos e pequenas da casa, as proporcións iguálanse máis cando a variable analizada é a das persoas que din "flexibilizar ou coordinar" o seu horario de traballo "para atender os nenos". Neste caso, o 36,84% das mulleres que residen en núcleos familiares con fillos e fillas de entre 0 e 12 anos asumen esta responsabilidade e o 24,61% dos homes afirman que tamén o fan.

Unha cuestión de xénero e de cartos

Ademais de amosar un notable mantemento dos roles de xénero tradicionais, os datos debullados polo IGE permiten concluír tamén que as reducións de xornada para dedicarse con maior intensidade á familia son unha cuestión de cartos. Así, o estudo cuantifica en 27.317 os fogares galegos nos que algún dos seus membros se acolleu á redución de xornada. Destes fogares, 4.714 ingresan menos de 1.500 euros ao mes e 5.353 cobran entre 1.500 e 2.000 euros. O número de fogares con redución de xornada é practicamente o dobre, 8.932, para rendas de entre 2.000 e 3.000 euros mensuais, e o mesmo acontece cos que ingresan máis de 3.000 euros, que chegan aos 8.317.ç

Os fondos para conciliación caeron un 80% nos Orzamentos da Xunta dende 2009

Estas cifras están sobre a mesa mentres os Orzamentos Xerais da Xunta para 2014 recuperan moi levemente os fondos para programas de conciliación da vida familiar e laboral. Nomeadamente, esta partida está dotada con 1,01 millóns de euros, que son o resultado dun leve incremento a respecto dos 990.000 euros deste 2013. Non obstante, en comparación coas contas públicas do ano 2009, as derradeiras elaboradas polo bipartito, este programa orzamentario sufriu unha caída do 80%.

Nais participando nunha actividade dun colexio galego © CEIP Tirán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.