As Marchas da Dignidade chaman a 'rodear o parlamento' o sábado 21

Percorrido previsto para a manifestación Dominio Público Marchas da Dignidade

"Loitamos polos nosos dereitos, e seguiremos a loitar mentres non consigamos cambiar un sistema inxusto e antidemocrático e devolver o poder ás persoas, sometendo ó poder político á vontade popular. Loitaremos por ter pan, traballo e teito para o noso país". Deste xeito péchase o manifesto que acompaña a convocatoria da iniciativa Rodea o Parlamento, que o vindeiro sábado 21 de xuño chama a manifestarse ante a cámara galega. A marcha promovida polas Marchas da Dignidade, que terá como lema Pan, traballo e teito, coincidirá con iniciativas semellantes ante outros parlamentos do Estado. O manifesto da convocatoria denuncia tamén o control das cámaras polo poder financeiro e o bipartidismo de PP e PSOE.

A marcha partirá da estación do tren de Compostela ás 12 horas, saíndo da mesma á avenida de Lugo, continuará pola rúa do Hórreo, rúa Ramón Piñeiro, volverá á avenida de Lugo e rematará por volta das 13 horas na Rotonda da avenida de Lugo (enriba do tunel) coa lectura do manifesto, que demanda dos poderes públicos "novas políticas que resolvan a grave situación que están a vivir amplísimos sectores populares de Galicia", comezando pola esixencia do "dereito a poder comer, o dereito ao traballo digno e o dereito a unha vivenda".

Búscase "situar o debate nos Parlamentos. Centros de decisión en teoría democráticos que deixaron de selo porque están secuestrados polas mafias dos partidos do réxime: PP e PSOE"

Búscase, segundo Manolo Caamaño, "situar o debate e a contestación nos Parlamentos, no europeo, no español, nos parlamentos autonómicos. Centros de decisión en teoría democráticos que deixaron de selo porque están secuestrados polas mafias dos partidos do réxime: PP e PSOE". Trátase de "reivindicar políticas que rematen coa situación que estamos a vivir, no plano económico, no plano social, no plano dos dereitos nacionais e da lingua", sinala Caamaño, que conclúe que "queren laminar a Galicia como nación, como pobo".

O manifesto denuncia que "o poder financieiro provocou unha crise social e económica" e que "mentres esta mafia actúa, os poderes políticos actúan como sicarios ó seu servicio, en vez de defender ás persoas que están a ser víctimas desta gran estafa". Destaca que "o parlamento galego e os demáis parlamentos de todo o estado español foron secuestrados por esta mafia e, coa principal colaboración dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE, están a roubar o que é do pobo para entregalo ás grandes empresas, moitas das cales sentarán nos seus consellos de administración ós mesmos que lles favoreceron cando gobernaban".

"Ninguén lexitimou os partidos que gobernan para dar ós bancos preto de douscentos mil millóns de euros, ninguén lexitimou o goberno para que permita que se desafiucen ás familias mentres os bancos dispoñen de milleiros de vivendas baleiras"

O texto fai fincapé en que "ninguén lexitimou os partidos que gobernan para dar ós bancos preto de douscentos mil millóns de euros, ninguén lexitimou o goberno para que permita que se desafiucen ás familias mentres os bancos dispoñen de milleiros de vivendas baleiras, ninguén lles autorizou para facer pública unha débeda que era privada, ninguén autorizou o goberno a que siga as indicacións da Troika e ninguén autorizou un tratado de libre comercio entre Estados Unidos e Europa que será un dos maiores ataques á democracia en toda a súa historia". E, de igual xeito, advirte de que "no Parlamento Galego con nocturnidade e alevosía se privatizan servizos públicos esenciais, como sanidade e educación. Péchanse camas en hospitais, reducen persoal docente no ensino, despilfarran cartos públicos en obras inútiles e, en definitiva,  tómanse decisións que levan ás persoas a unha situación de miseria".

Finalmente, alerta de que "tampouco se nos dan respostas sobre o futuro que nos agarda. Se a única saída para ese 57% da nosa xuventude no paro é a emigración, se os nosos traballadores teñen que subsistir e soportar un 10% de baixadas salariais de media e aceptar calquera tipo de condicións laborais".

Cartaz da convocatoria Dominio Público Marchas da Dignidade
Percorrido previsto para a manifestación Dominio Público Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.