As mocidades soberanistas manifestaranse unidas e pola independencia o 24 de xullo

Presentación da manifestación unitaria do 24 de xullo © JG

A mocidade de esquerda nacionalista e independentista manifestarase xunta na véspera do Día da Patria. Así o anunciaron este martes en rolda de prensa representantes das oito organizacións convocantes (Adiante, Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca! e Liga Estudantil Galega) que convocan a unha mobilización que sairá o vindeiro día 24 de xullo ás 20 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela.

A manifestación unitaria sairá da Alameda de Compostela o 24 de xullo ás 20 horas

A marcha reivindicativa percorrerá as rúas da zona vella da capital galega e rematará cun acto política nunha praza aínda por determinar. As oito organizacións políticas e estudantís chamaron a mocidade "galega e consciente" a saír unida á rúa "para rexeitar o marco xurídico-constitucional vixente e reivindicar para Galiza a plena soberanía".

Ademais, tamén se presentou o manifesto conxunto asinado polas organizacións convocantes e no que se denuncia a "situación extrema" que están a padecer as mozas e mozos galegos, "froito da dominación que o patriarcado, o sistema capitalista e o Estado español exercen sobre as súas vidas e sobre o dereito a decidir como pobo".

"O combate unitario en favor da independencia é a única vía de futuro que ten Galiza", di o manifesto

As oito organizacións consideran esta convocatoria unitaria como "un paso moi importante na unidade de acción de quen desde a autoorganización xuvenil e estudantil defenden un proxecto de liberación nacional e transformación social", e aseguran ser conscientes de que o "combate unitario en favor da independencia é a única vía de futuro que ten Galiza para saír da devastación económica, social e cultural".

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.