Clarisa Rodríguez Pérez, María Rivas Vaamonde, Marita Gallego Abeledo, Carmen Fernández Seguín, Consuelo Rodríguez López... Mulleres todas que sufiron con extraordinaria dureza a represión franquista, e cuxas historias, até hai ben pouco, ficaban minimizadas, ocultadas, silenciadas. En boa medida o que hoxe coñecemos delas debémosllo a Aurora Marco, a investigadora e historiadora que dende hai varias décadas vén traballando na repcuperación da memoria, en especial da memoria das mulleres galegas, con obras como Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento).
O pasado venres foi distinguida co premio Republicana de Honra 2014 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, no marco da cea de celebración do Día da República. Como republicana hoxe é un día especial para ela, un día de conmemoración, cara ao pasado, e de reivindicación, cara ao futuro, como ela mesma destaca: “De cara ao pasado é a conmemoración, o que representou a República, polos valores de igualdade, de fraternidade, de xustiza, de liberdade, por todas as conquistas que se lograron”. “Pensando no futuro, temos un sistema de goberno hereditario e vitalicio e iso é unha cousa absolutamente anacrónica. Gustaríame unha república, unha república para fuxir desta monarquía obsoleta e corrupta”, engade.
"Gustaríame unha república, unha república para fuxir desta monarquía obsoleta e corrupta”
Destaca sobre todo o labor realizado polas mulleras, por aquelas loitadoras que ela se dedica a estudar e a recuperar as súas traxectorias: “As mulleres republicanas para min foron unha referencia. Cando eu empecei a traballar, hai xa moitos anos, na recuperación da historia das mulleres galegas, funme encontrando con nomes, fun afondando nas súas historias, e decateime de que esas mulleres foron fundamentais: foron abríndonos un camiño polo que despois fomos trepando pouquiño a pouco as que despois vivimos na ditadura. Eu son unha desas mulleres que fomos aprendendo e valorizando todo o que fixeron”. Conclúe que "nelas atopei todos estes valores e máis. Encontrei a forza, a valentía, a coraxe, a firmeza nas ideas”.
"Hai que continuar por este camiño, porque isto é imparábel, ninguén nos vai impedir que sigamos deitando luz sobre o que pasou con persoas que sufriron tantas penalidades"
Hai dous anos Montse Dopico publicou en Praza unha excelente reportaxe sobre as mulleres guerrilleiras, a partir da obra de Marco. No texto destacábase o silenciamento da actividade destas mulleres e da represión sufrida por elas. E tamén os prexuízos que se engadiron a esa represión: "Os golpistas chamábanlles as queridas dos bandoleiros. E exercían sobre elas unha sorte de represión que engadía á absoluta brutalidade empregada cos homes un elemento patriarcal, do que a máxima expresión era o abuso sexual. Querían escarmentar a unha caste de mulleres que desafiaban o réxime coa súa liberdade. Que transgredían o rol tradicional na que o franquismo quixera confinalas.
Marco descaba naquela reportaxe que "a participación das mulleres na actividade da guerrilla, fose da natureza que fose, era un acto de resistencia política. Independentemente das relacións familiares e/ou sentimentais que puidesen unilas cos homes". "O perigo que entrañaba calquera apoio á guerrilla -familias enteiras foron fusiladas por facelo- obriga a descartar a imaxe que delas quixo proxectar a ditadura, como amantes dos guerrilleiros. Eran mulleres cun compromiso político, e público, inequívoco”, concluía.
"Cando nós recuperamos a historia dunha guerrilleira, a satisfacción das familias é algo irrenarrábel"
A historiadora destaca a importancia que rachar estes muros de silencio ten para os familiares destas mulleres e homes represaliados: "Cando nós recuperamos a historia dunha guerrilleira, a satisfacción das familias é algo irrenarrábel. Durante tanto tempo gardaron en silencio iso e tiñan tan inscrito aquel horror que o recoñecemento que se lle fai ao seu familiar é unha forma de tranquilizar esas persoas, que viviron toda a súa vida ese tema oculto, silenciado"
Aurora Marco denuncia así mesmo as dificultades para o estudo e a recuperación de moitas destas historias de vida: “É unha realidade que estivo moi agochada. Houbo unha Transición en que se fraguou un pacto de silencio de non mirar cara atrás. E durante moitos anos todas estas historias de represión coñecíanse, pero estaba silenciado, oculto. Sobre todo no caso das mulleres represaliadas; todo isto permanecía entre os muros das casas". Lamenta a ausencia de apoio institucional para levar a cabo este tipo de investigacións: "con este goberno que padecemos, a nivel autonómico e a nivel estatal, non hai ese apoio. E sen ese apoio tanto colectivos como investigadores seguimos traballando". "Hai que continuar por este camiño, porque isto é imparábel, ninguén nos vai impedir que sigamos deitando luz sobre o que pasou con persoas que sufriron tantas penalidades, persoas que foron asasinadas, encarceradas, persoas inhabilitadas, deportadas ou exiliadas", remata.