Leve incremento das denuncias e salientable aumento das ordes de protección. No derradeiro día dunha campaña electoral na que a loita contra a violencia machista estivo, de novo, nun segundo plano xeral agás excepcións -xa fose con propostas específicas como as chegadas dende PSOE, NÓS e En Marea ou pola controvertida posición de Cidudanos-, os datos do Observatorio Contra a Violencia Doméstica e de Xénero, dependente do Consello Xeral do Poder Xudicial, amosan que as agresións machistas seguen moi presentes, tamén no país, onde as ordes de protección incoadas para evitar posibles crimes de xénero aumentaron no terceiro trimestre do ano un 33% a respecto do mesmo período de 2014.
No terceiro trimestre do ano rexistráronse 447 peticións de protección
Do total de 447 peticións formuladas ningunha delas foi inadmitida -isto é, todas foron tramitadas-. Tras pasar o correspondente trámite xudicial, un total de 264 -case o 60%- foron adoptadas, mentres que o 41% restante foron denegadas. A tendencia durante o ano é ascendente e, agás no primeiro trimestre, cando o número de ordes foi lixeiramente inferior ás de 2014 -324 fronte a 328-, a cifra non deixou de medrar, toda vez que entre marzo e xuño se puxeron en marcha 397 procedementos, e un ano antes foran 313.
Máis do 75% de quen chegan a ser axuizados por este tipo de delitos rematan condenados
O incremento de ordes de protección prodúcese nun contexto no que as denuncias presentadas foron 1.349 nese terceiro trimestre, vinte máis que no mesmo período un ano antes. Este incremento, do 1,5%, é o mesmo que o rexistrado na media do Estado. A maior parte das denuncias, case un 70%, parten de atestados policiais con denuncia da vítima e un 15%, dun parte de lesións recibido nun xulgado. En menor proporción, cun 8,5%, sitúanse as denuncias presentadas polas vítimas directamente nos xulgados e en apenas o 2% dos casos interveñen familiares das vítimas na interposición da denuncia.
Estas cifras prodúcense nun contexto no que, segundo os datos do Poder Xudicial, en Galicia se rexistraron 9,39 vítimas de violencia machista por cada 10.000 mulleres, un indicador que na media do Estado está en 13,7. Na información publicada este venres o organismo xudicial salienta, asemade, que máis do 75% de quen que chegan a ser axuizados por este tipo de delitos rematan condenados, nove puntos por riba que o promedio estatal.