As praias de Redondela, mellor con algas

O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, coa bióloga Ana Prado, na praia de Cesantes © Ecoloxistas en Acción

O Concello de Redondela tomou a decisión este verán de reducir a retirada de algas das praias, seguindo recomendacións científicas e de grupos ambientalistas como Ecoloxistas en Acción. Así, en areais coma o de Cesantes ou Arealonga, a recollida pasou de ser diaria a realizarse alternativamente por zonas, establecendo dúas xornadas de descanso ecolóxico.

"Reducir ao mínimo a recollida das algas acumuladas nos areais fai que neles aflore de novo a vida e impide a erosión das praias", di a bióloga Ana Prado

"Retirar as algas das praias supón eliminar un piar básico para o mantemento do ecosistema litoral", destaca Ecoloxistas en Acción, que engade que "reducir ao mínimo a recollida das algas acumuladas nos areais fai que neles aflore de novo a vida e impide a erosión das praias". Dende o Concello de Redondela incídese no feito de que a medida adoptada evita a perda de area, pois entre outras razóns o 80% do peso das algas retiradas procede da area que se saca xunto con elas. A entidade ecoloxista anima a outros concellos a que tomen exemplo de Redondela.

Ana Prado, bióloga de Ecoloxistas en Acción, visitou estes días a praia de Cesantes, xunto co concelleiro de medioambiente de Redondela. Subliña que "as algas non son lixo" e celebra a decisión adoptada polo Concello. "Agradecemos o traballo de sensibilización cara ao medio ambiente que se está a realizar nas praias de Redondela e felicitamos a implicación da cidadanía en preservar o  patrimonio natural do seu municipio permitindo que a súa natureza se recupere", sinala a entidade.

Ana Prado subliña que "as algas non son lixo" e celebra a decisión adoptada polo Concello. "A xente ten que pensar que as praias non son espazos artificiais, son espazos naturais", di

"A xente ten que pensar que as praias non son espazos artificiais, son espazos naturais", engade Prado. "As algas arriban ás praias, teñen un ciclo natural de descomposición, iso achega nutrintes á praia. Do mesmo xeito que nun bosque a capa de follas que quedan no chan é imprescindible para o mantemento dos ecosistemas, o mesmo ocorre nas praias. As algas constitúen o alimento para moitas especies, tamén para as especies marisqueiras. Se privamos ás praias das algas o que facemos é empobrecelas, creando espazos mortos", explica.

Con todo, algúns usuarios das praias amosaron o seu descontento nos últimos días coa presenza de algas nas praias e procederon a retiralas pola súa conta.

"Unha vez chegan á costa a propia 'maquinaria' biolóxica encárgase de procesalas, de maneira que se van degradando, liberando os seus nutrintes á vez que son consumidas por invertebrados, como a pulga de mar (Talitrus saltator), quen, á súa vez, forman parte da dieta de aves limícolas como virapedras (Arenaria interpres), píllaras (Charadrius sp.), pilros (Calidris sp.) ou biluricos (Actitis hypoleucos)", explican dende Ecoloxistas en Acción. "Este proceso de 'autolimpeza' periódico é fundamental para o mantemento da biodiversidade, pois unha praia sen algas é unha praia morta", engade.

"Os métodos de limpeza con maquinaria pesada retirando todo o material acumulado na beiramar, son agresivos co medio físico", sinala a entidade, que recomenda métodos manuais

A entidade explica que "os métodos de limpeza con maquinaria pesada retirando todo o material acumulado na beiramar, son agresivos tamén co medio físico, pois non só supoñen unha merma directa de area, senón que ademais inciden na perda desta por erosión". "O cambio de sistema de limpeza, pasando dos métodos mecánicos aos manuais (orientados a recoller residuos tales como os plásticos ou latas, respectando as algas) é o aconsellable para o mantemento da biodiversidade e a conservación da propia praia", engade.

Praia de Cesantes e, ao fondo, a illa de San Simón CC-BY-SA Furafolhas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.