As prazas de aparcamento serán parques públicos por un día

Imaxe do 'Parking Day' Dominio Público Praza Pública

A Plataforma pola Mobilidade leva a cabo este venres na Coruña o chamado Parking Day, no marco da Semana Europea da Mobilidade. Consiste na ocupación temporal (de 9 a 20 horas) dun espazo destinado habitualmente ao aparcamento de vehículos privados en zona ORA (neste caso, o lugar escollido foi a Praza de Lugo) para convertelo nunha pequena zona verde, destinada ademais á reivindicación do uso de medios alternativos de transporte nas cidades. A iniciativa rematará ás oito da tarde coa realización dunha Masa Crítica, concentración en bicicletas, para circular por diferentes zonas da cidade. A proposta de ruta pasaría por rúas ou barrios da cidade susceptibles de incorporarse a zonas de pacificación do tráfico.

A iniciativa rematará ás oito da tarde coa realización dunha Masa Crítica, concentración en bicicletas, para circular por diferentes zonas da cidade

A iniciativa tamén fai un chamamento a artistas, deseñadores e cidadáns para "transformar estes lugares con parquímetro en parques públicos temporais". A proposta prevé a ocupación temporal duns 8 metros lineais de zona de aparcamento (aproximadamente 1,5 prazas) para instalar alí distintos elementos. En primeiro lugar, un aparcadoiro de bicicletas volumétrico, que aproveitará a estrutura de automóbil utilizada nas I Xornadas pola Mobilidade Sostible para utilizalo como aparcadoiro de bicicletas. Con este módulo intentaráse sensibilizar da elevada ocupación de volume e de superficie do espazo público dun automóbil con comparado coa bicicleta. Tamén se colocará aquí un sinal de direccións no que quedarán reflectidas as direccións dalgúns dos grandes puntos xeradores de movementos da cidade, así como a distancia en quilómetros e tempos a pé e en bicicleta.

Dende este lugar realizaranse medicións da calidade do aire no lugar e en rúas próximas, e tamén dos niveis de ruido, para comparalos cos valores recomendados pola OMS

De igual xeito, dende este lugar realizaranse medicións da calidade do aire no lugar e en rúas próximas, e tamén dos niveis de ruido, para comparalos cos valores recomendados pola OMS. Por último, tamén se instalará un tepe verde, e cadeiras, para converter estes oito metros recuperados nunha zona de descanso para ciclistas, peóns, e en xeral para todas as persoas que se acheguen para interesarse pola iniciativa. En horario de mañá ofrecerase a todo aquel que se achege en bicicleta un pequeño almorzo de bebida quente e biscoito ou galletas. E ao mediodia farase unha comida aberta na que cada participante levará a súa ración.

Imaxe do 'Parking Day' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.