As protestas obrigan a convocar unha asemblea aberta a toda a parroquia para informar sobre Porto Cabral

Protestas ante o IFEVI Dominio Público Praza Pública

Non houbo votación sobre a venda dos montes comunais de Cabral a Eurofund Investments. As protestas dun importante sector dos comuneiros, dos veciños de Cabral e de membros de colectivos ecoloxistas opostos ao proxecto do megacentro comercial de Porto Cabral obrigaron a suspender unha reunión ordinaria da Comunidade de Montes. Nela, a xunta reitora da entidade pretendía impoñer o voto a man alzada para unha decisión crucial sobre que moitos comuneiros e veciños non contan con información abonda, segundo denuncian os colectivos opositores.

O resultado de varias horas de debates e tensión foi que a reunión quedaba suspendida, non se votaba a proposta e decidíase convocar unha asemblea informativa aberta a todos os veciños e veciñas da parroquia, que precederá á convocatoria dunha reunión extraordinaria da Comunidade de Montes que decidirá, esta vez si, con voto en urna o futuro deste monte dos arredores de Vigo. Aínda non hai data para estas dúas xuntanzas. Houbo tensión e un importante despregue policial que finalizou coa detención de tres dos concentrados en contra do proxecto que foron trasladados a comisaría. Até a tarde non serán postos en liberdade.

Os opositores ao proxecto conseguiron algúns dos seus principais obxectivos: o adiamento da votación, a posibilidade de que veciños e comuneiros se informen e o compromiso de que a decisión final se tomará en voto segredo e en urna

Os opositores ao proxecto conseguiron, polo tanto, algúns dos seus principais obxectivos: o adiamento da votación, a posibilidade de que veciños e comuneiros se informen dun proceso que polo de agora foi moi pouco transparente, e o compromiso de que a decisión final se tomará en voto segredo e en urna. Tamén denuncian a actitude da xunta reitora da Comunidade de Montes, "que non pode tomar esta decisión por todos os comuneiros" e a forte campaña mediática que dende distintas instancias se está levando a cabo para promover este proxecto, botando man sobre todo do argumento dunha suposta xeración de emprego, e de que "no caso de non vender os terreos poderian ser expropiados directamente", como afirmaba o presidente da xunta reitora.

A Ría non se Vende denuncia que a orixe desta operación está "no aberrante proceso de redacción do PXOM de Vigo, rexeitado, alegado e recorrido na súa contra por moita da veciñanza", que deixou estes terreos nun comezo clasificados como chan rústico de especial protección forestal "no punto de mira da especulación". Co PXOM este espazo pasou a estar clasificado como urbanizable, "dando paso a esta operación de auténtico pelotazo urbanístico que conta coa complicidade do Concello de Vigo e a presunta colaboración da directiva da Comunidade de Montes de Cabral", denuncia o colectivo.

Nas últimas semanas cada vez son máis numerosas as voces opostas ao macrocentro comercial. O venres CCOO, CIG e UGT fixeron público o seu rexeitamento a Porto Cabral e lembraron o dano que este tipo de áreas lle fan ao pequeno e mediano comercio e que "as contratacións que se fagan serán maioritariamente precarias, cun abuso por parte destas grandes cadeas da modalidade a tempo parcial, que non garanten un salario que permita vivir dignamente".

 

Felicitacións

Esquerda Unida felicitou publicamente este mesmo domingo os veciños e veciñas de Cabral que obrigaron a Xunta Reitora da Comunidade de Montes a realizar unha asemblea informativa. EU considera que "é evidente que Cabral quere ser informada de que tipo de proxecto está detas de Porto Cabral" e que o presidente da Comunidade de Montes "debería dimitir de xeito inmediato por intentar impoñer o seu criterio sobre os dos comuneiros". EU pide ademais a posta en liberdade inmediata dos tres detidos por esixir información e transparencia no proceso e anuncia unha pregunta ao Ministerio do Interior no Congreso dos Deputados polo “desmesurado dispositivo policial empregado na asemblea de comuneiros de Cabral". O xuízo rápido previsto para este luns ás 11.00 horas no Xulgado de Instrución Nº3 foi suspendido "á espera de novas dilixencias xudiciais"

Protestas ante o IFEVI Dominio Público Praza Pública
Protestas ante o IFEVI Dominio Público Praza Pública
Protestas no interior do IFEVI Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.