As razóns do rexeitamento do sector á nova Lei de Acuicultura

Banco marisqueiro CC-BY Luis Solarat

"O problema xorde porque as xentes do mar ocupan un espazo (marítimo-terrestre) que é público e moi cotizado pola acuicultura industrial. Por iso convértese nun obstáculo para os intereses das multinacionais; de aí dedúcese o motivo que anima os redactores deste borrador a favorecer os intereses destas grandes empresas e pór as bases legais e administrativas que permitan ir favorecendo a introdución deste tipo de acuicultura en detrimento das xentes do mar". Con esta dureza posicionouse hai unhas semanas contra o anteproxecto da nova Lei de Acuicultura a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), formada por todas as confrarías e entidades de representación de mariscadoras e bateeiros da zona. 

O malestar é xeral no sector en toda Galicia. En termos semellantes pronunciáronse a Asociación de Autónomos do Mar (Aproamar), o Consello Regulador do Mexillón de Galicia ou a agrupación de mexilloeiros Opmega, así como a maior parte dos patróns maiores das confrarías do país, que nun 90% se opuxeron ao texto nunha xuntanza da Federación Galega de Confrarías. Os partidos da oposición, grupos ecoloxistas e mesmo cargos públicos do Partido Popular amosaron igualmente o seu rexeitamento. Cales son as razóns deste malestar? Que é o que o sector lle critica ao proxecto presentado polo Goberno galego?

Ofrece a posibilidade de transformar en acuicultura a actual actividade de extracción e abre a porta á instalación de máis bateas de mexillón, agora non permitidas

A Xunta busca sinalar na costa galega zonas de interese preferente para estas instalacións, en función da falta de actividade económica, de situacións de desemprego ou da crise demográfica que poden estar sufrindo determinadas comarcas. Tamén abre a porta á instalación de máis bateas de mexillón, agora non permitidas, e igualmente permitirá novos cultivos de novas especies fóra das rías. Ademais, ofrece a posibilidade de transformar en acuicultura a actual actividade de extracción, levada a cabo por mariscadores e mariscadoras, de xeito que "as zonas de marisqueo que, ao abeiro desta lei, se transformen en zonas onde se exerza a acuicultura, pasarán a denominarse como parques de cultivo colectivo". É este artigo 54 ("Da transformación do marisqueo en acuicultura") o que espertou un rexeitamento maior entre os produtores e produtoras, por moito que dende a Xunta se argumente que a transformación será unha posibilidade "voluntaria".

A primeira crítica, expresada pola maior parte das entidades, é a da privatización do espazo e da actividade, a través dunha norma que -entenden- favorece os actores máis poderosos, grandes empresas do sector da acuicultura. “Non favorece nin respecta o sector do mar. O único que se pretende é privatizar a lámina de auga sen ter en conta ao sector", sinalaba hai semanas un patrón maior. Foi a xa referida Plataforma en Defensa da Ría de Arousa quen, a través dun moi completo documento de alegacións ao anteproxecto de lei, mellor sintetizou os motivos de oposición á iniciativa.

"Este é un exemplo máis de privatización dos servizos públicos e como non poden eliminar dun golpe a toda a xente do mar, optan por elaborar unha normativa que poña a todos a competir cunhas normas de xogo que favorecen os máis grandes e poderosos"

"Pretende privatizar o mar e non garante o futuro dos nosos mariscadores”, sinala a PDRA, que engade que o plan “non nace froito do diálogo coas organizacións de produtores e trátase dun texto de marcado carácter neoliberal” e que está feito "ao ditado do lobby da acuicultura industrial, acometendo unha reconversión que destruirá o tecido produtivo actual”. As alegacións da PDRA engaden que "este é un exemplo máis de privatización dos servizos públicos e como non poden eliminar dun golpe a toda a xente do mar, optan por elaborar unha normativa que poña a todos a competir cunhas normas de xogo que favorecen os máis grandes e poderosos, baixo o manto dunha aparencia dos principios de igualdade, obxectividade, publicidade e transparencia".

De igual xeito, a Asociación de Autónomos do Mar (Aproamar) sinala que “coa opción de pasar ao sistema de concesión administrativa estase forzando á privatización", o que "provocará o encarecemento económico e fiscal da explotación, o que finalmente levará "á entrada de empresas, sociedades de capital e grupos económicos consolidados guiados fundamentalmente polo lucro empresarial". Engaden que se producirá así mesmo un incremento dos custes e da presión impositiva. Dende a Asociación de produtores de mexillón de Vilaxoán, advírtese de que "os plans sectoriais de ordenación "van ser o instrumento administrativo-legal que lles vai permitir modificar o uso actual do espazo e implantar os establecementos de acuicultura industrial, eliminando mecanismos administrativos de protección, como por exemplo a análise de incidencia ambiental".

 

Que di a Xunta?

Quintana amosou a súa "sorpresa" polas críticas recibidas ao proxecto, destacando sobre todo que “a posibilidade de transformar o marisqueo en acuicultura é totalmente voluntaria”

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, amosou a súa "sorpresa" polas críticas recibidas ao proxecto, destacando sobre todo que “a posibilidade de transformar o marisqueo en acuicultura é totalmente voluntaria”. E subliñando a súa "estrañeza" pola solicitude das confrarías "de retirar unha lei que se atopa en fase de alegacións e que dá cobertura aos proxectos experimentais da acuicultura coma os que, paradoxalmente, teñen posto en marcha moitas das confrarías críticas co texto”.

A Xunta subliña a importancia desta normativa para relanzar unha actividade económica na que "Galicia debe xogar un papel protagonista"

Na presentación do anteproxecto a Xunta destacou que a lei completará "o marco normativo ao que se lle leva dando forma nos últimos anos e que está constituído xa por unha Estratexia Galega de Acuicultura e un Plan Director de Acuicultura Litoral". Ademais, subliñou a importancia desta normativa para relanzar unha actividade económica na que "Galicia debe xogar un papel protagonista, sobre todo tendo en conta que acumula unha experiencia histórica que lle permite poder aspirar a afianzar o lugar punteiro en materia acuícola que sempre tivo". A norma busca que "esta actividade sexa estratéxica, duradeira e viable" e, salienta o Goberno galego, sería a primeiro texto lexislativo específico da Unión Europea nesta materia. Igualmente, dende a Xunta ponse en valor a importancia que o crecemento da acuicultura en Galicia pode ter para o desenvolvemento dunha I+D punteira dende as universidades e centros de investigación do país.

 

Elementos medioambientais

A propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, recoñeceu que, dado que a directiva europea de Hábitats non exclúe a acuicultura nos espazos da Rede Natura, a instalación de plantas de produción nestas zonas é unha posibilidade

O anteproxecto tamén recibiu críticas por parte de entidades en defensa do medio ambiente. A propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, recoñeceu que, dado que a directiva europea de Hábitats non exclúe a acuicultura nos espazos da Rede Natura, a instalación de plantas de produción nestas zonas é unha posibilidade. Quintana subliñou que xa o plano estratéxico establecía "zonas" en función dos distintos niveis de protección, de xeito que a esixencia ambiental ascende até chegar ao máximo, "que sería o derradeiro recurso de ubicación". Dende a Xunta, afírmase que se garantirá que os proxectos respecten o medio ambiente, subscribiranse seguros de responsabilidade civil, avais medioambientais, e que as empresas estarán obrigadas a deixar a zona "como estaba" unha vez remate o período de explotación.

Ademais, dende as confrarías alértase de que a acuicultura industrial "utiliza produtos farmacolóxicos e pensos non naturais que van producir un deterioro ambiental do medio mariño". Advírtese igualmente de que a utilización de reprodutores nos criadeiros pode levar implícitos unha serie de riscos, pois poden ser portadores de multitude de patóxenos.

 

Banco marisqueiro na ría de Muros-Noia © Mariscadores/as De Noia-Muros Contra O Anteproxecto De Lei De Acuicultura
Mariscadoras en Camariñas CC-BY-NC-ND brindavoine2002
Mariscadora en Cedeira CC-BY-NC-ND Javier Falcó

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.