"As reformas só pretenden obrigarnos a elixir entre un traballo indigno ou o paro"

José Antonio Gómez, no último congreso de UGT-Galicia © UGT-Galicia

José Antonio Gómez foi reelixido a pasada fin de semana como secretario xeral da UGT-Galicia co 74,4% dos votos. Nesta entrevista, ao igual que fixera no peche do congreso, insiste en reclamarlle á Xunta un plan de choque contra o desemprego e advirte das ameazas dunha "estratexia ideolóxica" que endurece a cada día a situación da clase traballadora e pretende destruír as conquistas sociais acadadas hai xa anos. Sabe que veñen anos difíciles e reclama "ganas, coraxe e unidade" para loitar contra as duras medidas impostas pola dereita.

Viviu como secretario xeral de UGT-Galicia toda a crise e agora semella que afrontará anos duros, como sae o sindicato do último congreso?

Vivimos estes anos con moita preocupación porque foron anos tremendamente difíciles para os traballadores e traballadoras. A maioría dos cidadáns estano pasando mal e neste mesmo contexto imos ter que levar a cabo a nosa actividade sindical. Estamos convencidos de que lle poñeremos ganas e coraxe para facer o traballo e lograr que a situación sociolaboral do noso país mellore. Seguiremos pelexando polo que pelexamos historicamente e nesta crise: pola redistribución da riqueza, polo Estado de Benestar e pola xustiza social. Saímos do congreso con moita autoestima, malia todas as dificultades que temos e a pesar de que seguirán intentando desprestixiarnos, como fan coa política e co labor institucional.

Que haberá de novo no traballo de UGT para os vindeiros anos?

Aprobamos unha resolución por unanimidade e tomamos decisións importantes, como adelgazar a nosa estrutura para que todos os recursos dos que dispoñemos estean ao servizo dos afiliados. Estamos convencidos de que se facemos ben o noso traballo, a xente seguirá confiando en nos, como vén facendo desde moitos anos atrás e como se demostra cos datos que nos sitúan como a primeira forza sindical en Galicia. O que queremos é manter o sindicato cimentado na empresa, que é onde nos arraigamos. A partir de aí, teremos que reforzarnos máis e lograr combater todas as desigualdades que hai na sociedade. Tamén sabemos que temos moitas ameazas agora mesmo.

"O Banco de España só se sitúa a favor das grandes empresas e das entidades financeiras; e faino dun xeito doutrinario"

Como cales?

Pois un exemplo é a última proposta do Banco de España sobre a eliminación do salario mínimo, que pretende situar os traballadores como semi-escravos ou como escravos totais. Ademais, pretenden seguir esnaquizando a negociación colectiva, cando o que debería facer ese organismo é manifestarse sobre outros tipos de problemas, como o feito de que non haxa crédito nin para as familias nin para as empresas. No entanto, amósase a favor das grandes corporacións empresariais e das grandes entidades financeiras dun xeito doutrinario.

Que é o urxente para cambiar o rumbo desta situación económica?

Hai outras alternativas e o noso país e os seus gobernantes terían que loitar contra estas medidas europeas de austeridade e control do déficit e porse fronte a elas defendendo os intereses xerais dos cidadáns. Isto non se vai arranxar mentres se siga recortando, eliminando demanda interna e xerando máis pobreza. Demandámoslle á Xunta que coloque como prioridade na súa axenda o paro e elabore un plan de choque para loitar contra o desemprego. Son cinco meses de goberno e non vemos ningún tipo de expectativa, máis aló de datos conxunturais como as cifras do paro do último mes de maio.

"O goberno da Xunta leva cinco meses no poder e non se ve expectativa ningunha; debe elaborar xa un plan de choque contra o paro"

Son datos positivos ou unicamente conxunturais?

Alégrome de que diminúa algo o desemprego, pero se analizamos polo miúdo os datos, o que vemos é que se agudiza a precariedade laboral e que hai unha caída fortísima da contratación indefinida. É algo conxuntural polo comezo do verán, e as cifras de paro en Galicia seguen sendo inasumibles, ao igual que a taxa de cobertura de desemprego, que segue caendo. Son moitos os cidadáns que viven da axuda e do sustento doutros. Iso non pode ser.

"As reformas e os recortes dos gobernos son unha estratexia, ideoloxía pura"

Pero a crise provoca que a cidadanía acepte calquera traballo por moi precario que sexa...

Isto é estratexia. A idea é ter un exército de traballadores precarios cunha devaluación salarial tremenda. O que pretenden é que teñamos que escoller entre ter un traballo indigno ou non ter traballo. Esta é a realidade onde nos colocan todas estas reformas, que son dun carácter tremendamente ideolóxico. Van na dirección de favorecer a grandes corporacións empresariais porque as reformas que se fan non e preocupan nada das pequenas e medianas empresas e tampouco de impulsar os sectores produtivos estratéxicos ou de manter os servizos públicos que nos igualan a todos. Non se defende a cohesión social porque isto é ideoloxía pura. Todos temos ideoloxía e os que fan estas políticas teñen a súa, non hai dúbida.

O desprestixio das forzas sindicais tamén forma parte dunha estratexia?

Iso tamén forma parte desta ideoloxía e estratexia que nos queren impoñer. Saben ben que se fosen capaces de derrubar o muro sindical, seríalles moito máis doado impoñer todo este tipo de políticas. E saben tamén que a organización dos traballadores é a que pode frear esta tendencia. Se algo move e cambia as cousas é a unión do movemento obreiro e das mulleres, e estou convencido porque nolo demostrou a historia desde sempre. Por iso destaco acotío a importancia das mulleres e das políticas de igualdade, que precisamente están desaparecendo polas decisións dos nosos gobernos.

"O desprestixio dos sindicatos tamén é estratexia porque saben que é a unión dos traballadores a que move e cambia as cousas"

Falando de unidade, seguirá UGT pulando pola unidade sindical en Galicia?

Díxeno e direino sempre: a unidade sindical é fundamental e imprescindible neste momento. E falo dunha unidade sindical sen apriorismos. Estou convencido de que é moito máis o que nos une que o que nos separa ás organizacións sindicais. Temos unha relación e unha unidade fluída con CCOO e estou convencido de que a imos manter no tempo. Esperamos seguir encontrándonos coa CIG, aínda que non sexa todas as veces que queremos. Seguiremos esforzándonos porque así sexa e non por nós, senón por todos os traballadores e traballadoras do país, que son os que precisan esta unidade.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.