As reválidas da Lomce volven afrontar en Galicia o boicot que xa triunfou en cursos anteriores

Presentación da campaña polo boicot das reválidas © PGDEP

A Lomce segue vixente e as protestas contra ela, tamén. Da polémica lei educativa derívanse as avaliacións finais para alumnos en diferentes niveis educativos, as coñecidas como reválidas, moi contestadas e protagonistas dun boicot que triunfou especialmente en Galicia nos últimos cursos. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (Pgdep) promove de novo o boicot nas deste curso, que terán lugar o 23 e 24 de maio en 3º de Primaria e os 29 e 30 do mesmo mes en Primaria e ESO. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público volve chamar ao boicot ás reválidas de Primaria e ESO de finais deste mes

No caso das primeiras, teñen carácter censual, polo que está chamado a facela todo o estudantado dese curso. No caso das avaliacións finais de Primaria e ESO, son mostrais e aínda non se coñecen os centros educativos propostos. 

A Pgdep insiste en que son probas "impostas unilateralmente polo PP na Lomce" e advirte de que a publicación no DOG das ordes que regulan estas reválidas coinciden coa aplicación das probas PISA nun número indeterminado de centros que, como no caso das reválidas, "a Consellaría de Educación oculta á comunidade educativa". 

A Plataforma considera as reválidas "un desprezo absoluto ao profesorado" e defende a avaliación continua

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, integrante da Plataforma, sinala as reválidas e as probas PISA como "resposta ao mesmo interese de introducir elementos de control académico e curricular por parte dos gobernos" e "unha subordinación dos contidos curriculares a eses intereses, xerarquizando as diferentes materias e introducindo elementos de tensión innecesaria no alumnado". Ademais, insiste en que esas avaliacións externas "supoñen un desprezo absoluto ao profesorado, despoxado do seu papel central no proceso de ensino-aprendizaxe e sometido a un control que busca eliminar ou restrinxir ao máximo a liberdade de cátedra e a autonomía tanto do profesorado individualmente como dos propios centros educativos”.

A Plataforma insiste na defensa da avaliación continua "fronte ao modelo neoliberal, xerarquizante e clasista" da Lomce e defende unha "educación integral na que non existan materias de primeiro e segundo nivel e onde o alumnado, especialmente aquel con necesidades específicas de apoio educativo, non sexa segregado nin estandarizado". 

Galicia liderou o rexeitamento ás reválidas nos últimos anos; a Xunta recoñeceu un 40% de absentismo e os impulsores cifrárono no 80%

O colectivo lembrou o "éxito" das campañas de boicot levadas a cabo nos últimos cursos, alcanzando o 80% de absentismo, segundo a Plataforma, e até o 40% nas cifras recoñecidas pola Xunta, tamén no curso pasado. Sexa como for, foron moitas as familias que naqueles días non levaron os seus fillos e fillas aos centros en Primeira, logrando mesmo que a proba de 4º da ESO non tivese valor académica. 

O apoio ao boicot e o rexeitamento a estas probas en Galicia foi a maior no conxunto de Estado e desde as ANPAS advirten de que a súa intención para as de final de mes volve ser a de oporse ás reválidas. Xosé Bustelo, en representación das asociacións de nais e pais que integran a Plataforma, solicitou un esforzo das familias para "facer fronte aos problemas de conciliación laboral e familiar e non enviar as crianzas aos centros". 

A Pgdep acusa a Xunta e a Consellaría de Educación de tentar "desmobilizar as familias restándolle importancia ás reválidas e incidindo en que non teñen valor académico". "Só o seguidismo cego e sen fisuras que a Consellaría practica coas ordes que lle chegan do PP permite entender que se sigan a dilapidar cartos públicos na realización dunhas probas que non teñen ningún percorrido nin resultado de relevancia, ao tempo que os problemas que acusa a educación no noso país seguen lastrando toda posíbel recuperación, tanto no número de profesorado e na resposta ás súas demandas como na redución das rateos ou a mellora da atención á diversidade", finaliza a Plataforma. 

Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.