As rías galegas deberán seguir esperando por unha solución

Mariscadoras no Burgo CC-BY-NC-SA Lúcio de Lis

As rías galegas van ter que seguir esperando. A comisión de Peticións do Parlamento Europeo decidiu este martes conxelar o informe sobre a contaminación das rías do Burgo, Ferrol e Vigo ante a falta de acordo entre os europarlamentarios, que non deron pactado un texto de recomendacións destinados ás autoridades do Estado, autonómicas e locais. Malia a gravidade da situación, e logo do informe elaborado polos eurodeputados tras a súa visita, o documento esencial para comezar o camiño da súa recuperación seguirá atrasándose. E vai case medio ano de espera.

A presidenta da comisión de Peticións do PE, Erminia Mazzoni, accedeu a consultar aos servizos xurídicos para aclarar así o procedemento que se debía seguir e logo de que eurodeputados do Partido Popular europeo bloqueasen o informe ao envialo aos servizos xurídicos para revisar o seu procedemento e non aceptar que simplemente se abrise o texo ás emendas até o final do verán. Así o denunciou a europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, que criticou este atraso e que censurou que o Parlamento Europeo siga sen dar solución ao grave problema de contaminacón. Os galegos están "fartos", insistiu a nacionalista.

Ana Miranda e Sánchez Presedo denuncian o bloqueo do expediente e a falta de solucións para as rías galegas

Tamén o eurodeputado socialista, Antolín Sánchez Presedo, amosou a súa inquedanza polo atraso nunha decisión que "xa tería que estar lista". Pola súa banda, o eurodeputado do PP Francisco Millán Mon, asegurou que o "barullo" creado arredor do informe sobre as rías galegas "non parece serio" e mostrouse a favor do último documento nese sentido presentado polo relator, o conservador francés, Phillipe Boulland.

O devandito documento de Boulland advertía que algunha zona das rías está seriamente danada pola contaminación e denunciaba o abandono das autoridades, así como a falta de medidas para depurar augas e protexer as augas. No entanto, o texto tamén recoñecía algún esforzo feito desde os 80 en Galicia.

Mariscadora no Burgo CC-BY-NC-SA Lúcio de Lis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.