As sete cidades galegas acolleron mobilizacións críticas cos tratados comerciais que a UE negocia con Canadá (CETA) e os Estados Unidos (TTIP). As concentracións e manifestacións desenvolvéronse as máis das veces baixo a chuvia. A marcha máis importante tivo lugar en Vigo, reunindo varios centos de persoas (1.500 segundo as organizacións convocantes).
As marchas buscaban manter e incrementar a mobilización cidadán contra uns acordos que, de ser aprobados e ratificados, terán graves consecuencias para a economía, o emprego e para a propia soberanía dos estados.
Pola mañá celebráronse concentracións en Pontevedra e Cabanas. E xa pola tarde leváronse a cabo manifestacións na Coruña, Vigo, Compostela, Lugo, Ourense e Ferrol. Ademais, a CIG celebrou concentracións pola mañá nas sete cidades galegas e pola tarde uniuse á marcha convocada na cidade olívica pola plataforma galega "Non ao TTIP", na que participan varias ducias de entidades políticas, sindicais e sociais.
"Estamos convencidas de que para promover unha sociedade igualitaria e respectuosa cos dereitos das persoas e o medio ambiente é imprescindible reformular o sistema de comercio global que, a día de hoxe, unicamente favorece a concentración da riqueza e do poder en mans dunhas poucas multinacionais. Por iso é necesario que a través da mobilización popular, a loita e a solidariedade entre os pobos e a oposición frontal de todos os axentes políticos ao TTIP/CETA/TISA logremos paralizar uns tratados que van hipotecar as nosas vidas e a das xeracións vindeiras", destacouse na convocatoria da marcha que tivo lugar en Compostela.
Manifestacións en toda España, Europa e Norteamérica
As protestas repetíronse en medio cento de cidades de toda España, reunindo varios milleiros de persoas. As mobilizacións producíronse un día despois de que o Consello de Ministros acordara este venres autorizar a sinatura do CETA por parte da UE, aceptando a supresión de aranceis e controis na práctica totalidade das mercadorías intercambiadas entre a UE e Canadá e liberalizando ademais a prestación de todo tipo de servizos. Porén, esta mesma semana o Parlamento da rexión belga de Valonia votou en contra do tratado, negándose a cederlle ao executivo federal belga a potestade para asinar o acordo. Se Bélxica non asina, a ratificación por parte dos 28 estaría en risco.