As sinaturas para que non se recorra o decreto no Supremo xa están na Xunta

Alba Nogueira, Mariló Candedo, Marilar Aleixandre, Henrique Monteagudo e Valentina Formoso, na presentación CC-BY-SA Praza Pública

Os promotores do manifesto Chamamento polo Galego entregaron este mércores no rexistro oficial da Xunta as máis de 1.300 asinaturas recollidas solicitando ao Goberno galego "que non utilice ese instrumento xurídico". Entregáronse as firmas na véspera da reunión semanal do Consello de Goberno do Goberno galego e xusto na antevéspera do prazo final para a interposición de recurso de casación das sentenzas do TSXG perante o Tribunal Supremo, tal e como aclaran nun comunicado.

"As sentenzas do TSXG son unha oportunidade para volver ao consenso do Plan Xeral de Normalización"

Os promotores lembran que o decreto parcialmente anulado polo TSXG fai referencia á presenza da lingua galega no ensino, e nese sentido "as persoas asinantes do Chamamento consideramos que a lingua propia do país debe ter nese ámbito –como en todos os demais– unha proxección e unha protección ben maiores que as garantidas polo decreto aprobado unilateralmente polo PP". A norma, tal e como din, foi "rexeitado de xeito unánime pola oposición parlamentaria, polas institucións culturais, polos sindicatos, polas asociacións pedagóxicas, polos movementos en prol da lingua galega e por decenas de millares de cidadáns que reiteradamente así o manifestaron nas rúas".

Segundo os promotores, as sentenzas do TSXG, que anulan o cerne do chamado decreto do plurilingüismo, "constitúen unha oportunidade para voltar ao consenso representado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega", aprobado por unanimidade no ano 2004 nun Parlamento de Galicia con maioría do mesmo partido que hoxe detén o goberno autonómico.

"As persoas asinantes do manifesto –pertencentes a unha enorme pluralidade de profesións, procedencias e ideas– reiteramos unha vez máis a nosa fonda convicción de que a Xunta de Galicia non pode seguir a combater o galego nin a deitar máis prexuízos contra a lingua do país, polo que reiteramos todos e cada un dos aspectos incluídos no manifesto que deu lugar á presente iniciativa", e no que se solicitaba que a Xunta non recorrese ante o Supremo as sentenzas do TSXG.

Alba Nogueira, Mariló Candedo, Marilar Aleixandre, Henrique Monteagudo e Valentina Formoso, na presentación CC-BY-SA Praza Pública
Encabezamento do 'Chamamento' Dominio Público http://chamamento.tumblr.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.