"As traxedias que viven as persoas están facendo que as resistencias á unidade cedan"

Primeira Asemblea Popular en apoio a AGE CC-BY-NC Susete

Pouco antes das eleccións do pasado outubro formouse en Ferrolterra a Asemblea Popular do Movemento Social en apoio á coalición de Alternativa Galega de Esquerda. Tratábase de que movementos sociais e colectivos e persoas a título individual traballasen conxuntamente para promover a candidatura de AGE nos comicios. E, unha vez constituído o Parlamento, o obxectivo pasaba a ser transmitirlles aos deputados e deputadas de AGE as demandas da cidadanía para que as levasen á cámara e vixiar o cumprimento do programa electoral. 

O 28 de setembro a asemblea aprobou un manifesto que se pechaba afirmando a constitución "en asemblea de sentinelas do mandato popular, de xeito que as persoas que resulten electas, dean conta deste mandato diante desta asemblea". Dende entón celebráronse outras dúas xuntanzas ás que xa asistiron deputados e deputadas de AGE. Este mecanismo, que funciona en dúas direccións: levando a actividade do Parlamento até a cidadanía e as demandas da base social até a cámara e  fiscalizando e á vez fortalecendo o traballo da coalición, é observado dende outras comarcas nas que nos vindeiros meses se van poñer en marcha asembleas semellantes. Por exemplo, en Pontevedra está convocada unha Asemblea Aberta de apoio cidadá a AGE para o próximo 1 de marzo. Falamos con Lupe Ces, militante de múltiples movementos sociais na comarca dende os oitenta e unha das principais impulsoras desta asemblea.

Como nace a idea de poñer en marcha a Asemblea?

A existencia da asemblea non se pode entender sen ter en conta que dende hai cando menos catro anos se vén dando un movemento unitario entre os movementos sociais da comarca. Aquilo tivo a súa visualización hai dous anos na celebración do Foro Social de Ferrolterra. A partir de aí formouse o Encontro Social de Ferrolterra coas Redes de Apoio Mutuo e con outra serie de iniciativas coma a Rede de Troco e outras coma un Banco de Tempo que se vai poñer en marcha. Todo iso é o que explica que cando aparece a posibilidade de conformar unha alternativa política unitaria en Ferrol as cousas sexan moi sinxelas.

"A existencia da asemblea non se pode entender sen ter en conta que dende hai cando menos catro anos se vén dando un movemento unitario entre os movementos sociais da comarca"

Mesmo para apoiar movementos sociais e persoas de moi diversa ideoloxíunha organización política de forma unánime?

Na Asemblea non participan as organizacións sociais como tales organizaciónsl, entre outras cousas porque dentro delas pode haber xente que non queira ligarse a ningún partido ou que está ligadas a outras forzas distintas de AGE. Pero as persoas que participan na Asembleal, aínda que non militen nos partidos políticos que forman a coaliciónl, si que ven en AGE a expresión política que faltaba. Ilusiónanse por AGE e poñen o seu esforzo na campaña electoral. De feito, nos mitins electorais de AGE interviñan persoas que non ían na candidatura senón que eran representantes destacados de colectivos sociais ou do movemento veciñal.

Como é o funcionamento da asemblea?

Na primeira asemblea que celebramos aprobouse un manifesto e os obxectivos. Conformámonos en sentinelas dese mandato popular na medida en que as persoas que eliximos para que nos representasen no Parlamento debían converterse nun poder obediente á vontade cidadá. É un espazo de debate. Hai moito debate político. E é tamén un espazo de recoñecemento. Estamos xente que vimos de culturas políticas moi distintas pero que grazas á convivencia e ao coñecemento mutuo estamos conformando unha unidade real e unha unidade para poder levar a cabo o proxecto de AGE: a rebelión cívica.

Cales son ou principais retos ou eivas?

Hai un problema de comunicación. Moitas das iniciativas que AGE presenta no Parlamento non chegan a ser coñecidas polos cidadáns. Unha das nosas grandes preocupacións é de que maneira se poden mellorar as canles de comunicación. O outro gran reto é a consolidación de AGE como alternativa política alén do que é o grupo parlamentario. Imos organizar un gran acto público en Ferrol para que haxa un contacto directo entre representantes e representados.

"É un espazo de debate e é tamén un espazo de recoñecemento. Estamos xente que vimos de culturas políticas moi distintas pero que grazas á convivencia e ao coñecemento mutuo estamos conformando unha unidade"

Estades en contacto con asembleas semellantes noutras comarcas ou asembleas que estean en fase de constitución?

Noutras comarcas o proceso está sendo distinto e é AGE a que convoca os movementos sociais. En Ferrolterra foi ao revés: foron os movementos sociais os que se uniron para fortalecer a AGE. Iso tamén ten que ver coa existencia dese traballo previo que comentaba antes. No proceso de consolidación de AGE está habendo unha interferencia, que é que primeiro Anova ten que finalizar o seu propio proceso de constitución.

"A realidade está forzando a converxencia. Independentemente das propias forzas políticas, as traxedias que viven as persoas están obrigando a que esas resistencias á unidade cedan"

Nese proceso de converxencia de forzas acabarán confluíndo AGE e o BNG?

A realidade está forzando esa situación. Independentemente das propias forzas políticas, as traxedias que viven as persoas están facendo que esas resistencias cedan. Vímolo estes días na Coruña na loita contra o desafiuzamento de Aurelia: a xente de BNG, de EU e de Anova estaba loitando conxuntamente. A realidade tamén está forzando a que forzas políticas coma o BNG, que tiña unha metodoloxía de traballo nas institucións que tendía a homologarse aos grandes partidos, muden esa forma de actuar. Falta agora que esa suposta contradición entre nacionalismo e esquerda se supere a través da suma de todas as visións e de todos os proxectos. Diso trata un proceso constituínte: redactar unhas novas bases de mínimos nos que unha maioría social nos poidamos recoñecer.

Primeira Asemblea Popular en apoio a AGE en Ferrol CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.