As urxencias volven rexistrar situacións de saturación, sobre todo en Vigo

No CHUS compostelán tamén se reproduciron as situacións de colapso, con pacientes aloxados nos corredores © CIG-Saúde

As situacións de colapso nos servizos de urxencia seguen producíndose en Galicia. Nos últimos días Vigo -como vén sendo habitual- volveu ser a área sanitaria con máis problemas, acadando picos de 350 pacientes durante boa parte da fin de semana e o luns nas urxencias do Álvaro Cunqueiro. Esta maior afluencia (a ocupación máxima simultánea adoita ser de 300), a maior porcentaxe de persoas que necesitaron ingreso (23% fronte ao habitual 16%), unida á escaseza de camas, fixo que na mañá do luns houbese 28 pacientes á espera de poder ser instalados nunha cama, e na que na mañá deste martes fosen 44. E iso a pesar de que ao longo do luns o SERGAS habilitara 22 camas extra entre os centros de Beade e o Meixoeiro. A imaxe dos últimos días no Álvaro Cunqueiro volveu ser, polo tanto, a de ducias de persoas amoreadas en salas e corredores en cadeiras de rodas á espera de que houbese algún sitio libre para o seu ingreso.

No Álvaro Cunqueiro chegaron a acumularse 350 persoas no servizo, con 44 á espera dunha cama

Compostela sufriu tamén momentos de saturación na mañá de onte. Segundo denuncia a CIG, entre o venres e o luns a media de ocupación no servizo de urxencias do CHUS foi de 470 persoas, dando lugar a unha "situación dantesca", segundo o sindicato. "Parece que a vaga da gripe lonxe de remitir como fartan de dicir, queda con nós durante un pouco máis", sinala e denuncia que a Xerencia "desoe as voces do seu persoal, que alerta das condicións de traballo e berra ao ceo solicitando reforzos". CIG-Saúde alerta de que os Centros de Saúde e PACs da área sanitaria compostelá "están a vivir unha situación tamén dantesca pola falta de persoal. Lalín e Noia son exemplos claros, aínda que poderíamos estendelos a calquera outro". "Os equipos están mermados, tendo que acudir a atender as urxencias o persoal que presta os servizos no centro de saúde, deixando así baleiros os centros", din.

CIG-Saúde alerta de que os Centros de Saúde e PACs da área sanitaria compostelá "están a vivir unha situación tamén dantesca pola falta de persoal"

A pasada semana a Consellaría de Sanidade anunciou que a epidemia de gripe superara xa o seu pico máximo e os seus efectos comezaban a descender, despois de producir 34 mortes en Galicia nos últimos dous meses. O Partido Popular vén reducindo as causas das situacións de colapso nas urxencias a esta vaga, asegurando que “o incremento da demanda asistencial e o aumento da necesidade de ingreso hospitalario (...) se produce de maneira sistemática cada ano”, negando ademais a falta de recursos ou de persoal.

Pola contra, tanto dende sindicatos, coma dende plataformas profesionais e cidadáns coma dende os partidos políticos da oposición, veñen sinalándose os recortes en persoal, o peche de camas e servizos e a degradación da atención primaria coma os factores que estarían provocando a saturación nas urxencias. A pasada semana o PP opúxose no Parlamento a unha iniciativa socialista para solicitarlle ás xerencias dos centros hospitalarios información sobre os episodios de saturación pola gripe e a dotación de recursos prevista. Tamén se opuxeron a “elevar a dotación material e humana dos servizos de Urxencias”. De igual xeito, a deputada do BNG, Montse Prado, presentou dúas iniciativas nas que se recollen as denuncias formuladas polo persoal sanitario sobre a falta de persoal e de medios.

Nestes momentos regresan as críticas pola planificación do novo hospital vigués, o Álvaro Cunqueiro, que se executou cunha perda de 400 camas sobre o proxecto inicial, demostrándose nos últimos meses insuficiente para dar resposta ás necesidades da área sanitaria da maior cidade de Galicia. Sobre todo, denuncia CC.OO., tendo en conta que centros coma o Meixoeiro "mantiveron neste último ano e medio ata un 50% das camas pechadas". Estes días ademais da instalación de novas camas noutros centros da comarca, un total de 52 habitacións foron desdobradas no Álvaro Cunqueiro, para poder dar resposta ás necesidades de ingreso.

Para o PSdeG-PSOE, a Xunta "está a fiar a resolución destas crises ao traballo impagable do persoal sanitario ao prezo de correr o risco de queime profesional por sobreesforzo”

Tamén se sinalan as eivas estruturais de persoal, produto das 1.795 prazas perdidas na sanidade pública galega dende o 2009: 1.154 en Atención Primaria e 641 nos hospitais. Sindicatos e partidos da oposición destacan que os e as profesionais están evitando co seu esforzo que os problemas no servizo sexan maiores. O PSdeG-PSOE denunciou a pasada semana a este respecto que a Xunta "está a fiar a resolución destas crises ao traballo impagable do persoal sanitario ao prezo de correr o risco de queime profesional por sobreesforzo”.

 

No CHUS compostelán tamén se reproduciron as situacións de colapso, con pacientes aloxados nos corredores © CIG-Saúde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.